Case un mes despois da
última carta enviada, Cabanillas escribe de novo a Enrique Peinador o 21 de
novembro de 1921.
Sr. D. Enrique
Peinador
Querido
Enrique:
O demo do libro
que ¡ô fin! xa está arrematado e non fai falla mais que coselo, doume mais
traballo emprentalo que esquirbilo. De ehí a miña demora en darche contesta:
agora, poréime a faguer as tuas encargas con toda presa e con toda boa
voluntade e cariño, que, para min, ninguén é mais merecente d-elas.
Ô Leonardo
véxoo caseque todol-os días, e ten por certo que é das miñas amistades eiquí a
que sinto mais fondamente: estóu n-un todo conforme co-a sua maneira de ver as
cousas galegas e paréceme que é o único que está orientado.
Teño moitas
cousas de que falarche e si vou pol-as navidades a casa, vereite un día.
Teu de cote,
c-o corazón,
R Cabanillas
¡Terra a nosa!
Nov. 21.
A
segunda edición de Vento Mareiro saíu
do prelo o 15 de novembro de 1921 no obradoiro de Juan Pueyo, na rúa Luna, 29, presentada pola editorial Galatea na colección Biblioteca
Galicia.
A
portada é obra de Castelao e os
debuxos interiores de Álvaro Cebreiro.
Este libro foi o de maior tirada dos que Cabanillas
publicou ao longo da súa carreira literaria e o que acadou maior difusión. (1)
O
poeta fala tamén na súa carta do deputado electo polo distrito de Chantada Leonardo Rodríguez, quen tamén
participou activamente na xestión do Centro Galego de Madrid, ao cal estivo
vinculado Cabanillas como profesor de galego. Tamén sabemos por cartas
anteriores que o elemento decisivo para establecer a fluída relación entre os
dous foi a mediación de Enrique Peinador.
Cabanillas exerceu como secretario persoal do deputado conservador, membro da
familia besadista e que non obstante simpatizaba cos líderes nacionalistas, manifestándose próximo ás teses rexionalistas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario