martes, 1 de agosto de 2017

Carta de Ramón Cabanillas 15



Entre a última carta dirixida por Cabanillas a Enrique Peinador e esta, escrita desde a súa casa de Cambados en 1927, media case un ano, tempo no cal o poeta residiu en Mondariz onde traballou como empregado do balneario.

Sr. D. Enrique Peinador

Querido Enrique:

Ayer me eché a dormir muy tranquilo, pero a la una de la mañana, hora a que se conoció la noticia, me hicieron levantar de cama los villagarcianos y los cambadeses.
El ruido de las bombas movió un poco el vecindario, pero la noche estaba tan mala que aunque se iluminaron las ventanas, el entusiasmo fue tras cristales por temor a la pulmonía.

Bueno. Tiempo era de salir de esta preocupación.

Las votaciones parece que fueron bastante movidas.

La primera noticia creo que la recibió Isidoro Millán por un telegrama urgente del Marqués. “Galicia nueva” de Villagarcía la alcanzó a las 12 y ¼ por una conferencia con Coruña. Estuvieron aquí Lafuente, Paratcha y otros amigos, que se marcharon a las 4 de la madrugada.

Yo preciso ir el lunes.

El 17 sale mi hijo de África. El de Coruña marchó ayer.

Te abraza tu buen amigo, con recuerdos a todos.

Ramón
Cambados, 11 de Marzo 1927

Cando o 10 de marzo de 1927 estouraron os foguetes sobre a ría de Arousa, os veciños celebraban a elección de Ramón Cabanillas como membro da Academia Española da Lengua en representación do idioma galego. O poeta accedeu ao posto xunto con Armando Cotarelo Valledor, e a elección foi impulsada polo académico marqués de Figueroa (1) e por Francisco Javier Sánchez Cantón (2).

Non obstante e como indica Cabanillas coa frase: “las votaciones fueron bastante movidas”, non todos os académicos apoiaron a candidatura e mesmo houbo campañas públicas en contra da designación, pero a presión dos valedores achanzou o camiño procurando apoios entre os intelectuais madrileños.

Pouco antes da elección, Cabanillas deixou o balneario para celebrar o éxito xunto coa familia e os seus paisanos en Cambados, onde chegou a nova por medio do marqués de Figueroa, quen informou do nomeamento ao líder do partido Liberal Demócrata da provincia de Pontevedra, Isidoro Millán (3), vello amigo do poeta. 

Entre os compañeiros que visitaron a Cabanillas esa noite, o poeta cita a Vicente Gómez Paratcha, membro das Irmandades da Fala e xornalista, fundador da “Agencia Arosa”.

Por último, o poeta alude á mobilización de dous dos seus fillos, enrolados no exército expedicionario de África. Cabanillas tivo sete fillos; tres mulleres e catro homes, e pola data en que foi redactada a carta é probable que o poeta estea a referirse a José Joaquín, quen foi funcionario de Abastos e falanxista de primeira hora, e Joaquín Ramón, morto prematuramente con 25 anos como consecuencia dun accidente padecido na milicia.

(1)  Juan Francisco Armada Losada. (Madrid, 1861 – Figueroa (Abegondo), 1932). Académico da Lengua Española, escritor, xornalista, deputado e ministro en varias carteiras entre 1904 e 1909.
(2)  Francisco Javier Sánchez Cantón. (Pontevedra, 1891 – 1971). Director do Museo do Prado e membro das Academias de Belas Artes e da Historia. Impulsor do museo de Pontevedra.
(3)  Isidoro Millán Mariño. (Pontevedra, 1890 – 1983). Deputado e líder do partido Republicano Liberal Demócrata na provincia de Pontevedra. Exerceu como avogado e xornalista.
        

Ningún comentario:

Publicar un comentario