domingo, 15 de outubro de 2017

Carta de Ramón Cabanillas 20



Logo de confirmarse o ingreso na Academia Española en maio de 1929, Cabanillas acude con frecuencia a Madrid desde Cambados. Ademais de participar na vida académica, tamén exerce o labor de embaixador en prol de Peinador como sabemos por algunhas das cartas e aproveita para moverse como peixe na auga entre os galegos con influencia política na capital.

Pontevedra, 8 de Noviembre de 1929

Sr. Don Enrique Peinador

Querido Enrique: estuve con Vicente y con Teodosio. Éste vio ayer a Prieto y a Ramiro Vidal: el camino se acercará todo lo posible al balneario de Sabajanes e irá a morir a Riofrío, desechando el enlace con Gargamala. Respecto al de la Franqueira, hoy quedará terminado el estudio y mañana se harán las copias: una de estas será entregada a Vicente con la memoria que está preparando el mismo Teodosio, y Vicente me la facilitará para hacer la instancia al Ministro de Fomento.

Veo con frecuencia a los Creixell y conozco algunas cartas particulares de Sánchez Guerra y de las hijas. Supongo que habrás leído la defensa de Bergamín y la alegación del mismo Don José porque circulan con profusión; documentos interesantes lo son, pero, la verdad, es que no se explica porque no se publica todo lo referente al proceso. La noticia de hoy (la noticia o el canard) es que está detenido el Consejo de Guerra en pleno. También se asegura que a Riquelme, vocal del Consejo, a quien correspondía ascender a Teniente General el día primero de este mes, lo pasaron a la reserva.

¿Qué sabes de Callejo? Yo ni una palabra. Figueroa quedó de agitar el asunto.

Te abraza, con recuerdos a todos, tu buen amigo,

Ramón


Cabanillas estivo con Vicente Riestra, xenro de Ramón Peinador e deputado no Congreso até 1923, e tamén con Ramiro Vidal Carrera, alcalde de Mondariz entre 1926 e 1929.
O Prieto de quen fala o poeta pode ser Manuel García Prieto, cinco veces presidente do Consello de Ministros, a última antes do golpe de estado de Primo de Rivera, e membro destacado da rede clientelar construída por Montero Ríos.

Segundo parece pola información fornecida por Cabanillas: Riestra, Vidal, Prieto e Teodosio? están a mediar no Ministerio de Fomento en prol da construción dunha vía no concello de Mondariz que atravesaría as parroquias de San Mamede de Sabaxáns e San Miguel de Riofrío, e outra para comunicar o balneario con Santa María da Franqueira, no concello da Cañiza.

Cabanillas tamén fala na carta dos ruxerruxe que axitan Madrid, entre os que ocupa un lugar destacado o xuízo contra José Sánchez Guerra, político conservador que encabezou un plan frustrado para depoñer a ditadura de Primo de Rivera.

Ao cabo, o antigo ministro e tamén presidente do Consello de ministros saíu absolto, converténdose o xuízo nun acto contra a ditadura e a manifestación da desafección das clases altas co ditador. Os avogados do acusado – Bergamín, Alcalá Zamora e Rodríguez de Viguri – argumentaron que non podía haber delito de rebelión cando o goberno non foi constituído lexitimamente.

A continuación, o poeta fala de José Riquelme y López Bago, militar africanista co grao de coronel, que foi pasado á reserva durante a ditadura e posteriormente ascendido a xeneral na Segunda República. Riquelme comandou a Primeira División republicana de Madrid durante a Guerra Civil e foi destituído polo goberno de Largo Caballero logo de ser derrotado polo exército sublevado.

Por último, tamén semella referirse a Eduardo Callejo de la Cuesta, ministro de Instrucción Pública y Bellas Artes durante a ditadura de Primo de Rivera, con quen debe contactar o antigo ministro maurista Juan Armada Losada, marqués de Figueroa e tamén propietario do pazo de Fefiñáns, quen ademais admiraba a obra poética de Cabanillas.


Por unha carta posterior sabemos que o motivo da reunión do marqués de Figueroa co ministro Callejo é informarse sobre a aprobación no Consello de Ministros do crédito para executar as obras nos camiños de Mondariz.

Ningún comentario:

Publicar un comentario