ESTAMPAS DE OURENSE A MEDIADOS DO SÉCULO XVIII / Ramón Otero Pedrayo
Editorial Lar. A Cruña
1927
20 pp ; 23 Cm.
O texto Estampas de Ourense a mediados do século XVIII foi escrito por Ramón Otero Pedrayo e editado por Lar na Coruña en 1927.
Este traballo aparece publicado no primeiro tomo dos Arquivos do Seminario de Estudos Galegos e tamén foi editado como documento exento, pero non coñezo a edición da separata cunha capa confeccionada por Lar para a ocasión, como si sucede con outros traballos do mesmo volume.
O estudo describe a vida en Ourense no momento da transición entre o Antigo e o Novo Réxime, un dos temas favoritos de Otero.
Neste traballiño teimamos facer xurdir unhas miguiñas do vivir ourensan ô mediar o século XVIII. A nosa hestorea precisa moito do estudio das centurias que poidemos chamar de imperialismo, pois aparte d’outras razós é necesario coñecelas pra sentire a loita antre o antigo i-o novo réxime carauterística dos anos críticos do dazanove: 1808, 1837, 1850, 1868.
A diferencia do tempestuoso Ourense dos séculos XIV e XV, Otero relata no XVIII unha vida “calada, morna, vexetativa” e ademais das correntes humanas, o traballo abonda na descrición material da vila, comezando pola distribución polo miúdo de rúas e prazas.
O adro da catedral
collía gran parte da Praza das Damas onde n-outro tempo tiñan os coengos o seu
xardín ou patio de laranxeiros. O bocadiño que resta arredor da porta sur do
cruceiro da basíleca, é debido a enerxía do deán Bedoya morto en 1850: sendo
gobernador Sede vacante saíu da sua
casa da rúa de S. Pedro pra estorbar ôs canteiros que rematasen a demoliceón do
Patín.
As casas daquel Ourense estaban provistas de beirados, que non eran balcóns nin galerías senón o segundo corpo avanzado dos edificios sobre as rúas, de xeito que apenas deixaban aberta unha franxa estreita de ceo. No primeiro corpo situábanse cortes e bodegas e sobre elas a vivenda habitada polo xeral por unha única familia.
A cal foi ô igoal de
todal-as partes unha manía: encalouse as eirexas, a catedral, as fachadas de
pedra. Nos días abafantes do vran Ourense locía ô sol com’un pobo do mediodía.
A acumulación de lama, cheiros, escuridade e falta de hixiene facían da vila un lugar incómodo e os fidalgos escollían as aldeas para afastarse no vagantío dos pazos. Na cidade vivían artesáns, tendeiros e labregos domeados polas xentes da igrexa e da curia.
Otero describe en detalle os oficios da cidade, os soldos e tamén a estrutura de poder, encabezada polo corrixidor e o bispo.
Ourense era daquela un pobo de propietarios e labregos, inzado de bodegas, cortes, lagares e palleiras a miúdo propiedade de fidalgos e burgueses que non as atendían, cedidas nun entrambilicado sistema de foros, subforos, arrendos, censos e pensións.
De noite saían os
señores co seu criado portador do farol. Mais a vila debía presentar un aspeuto
cruzándose nas rúas estreitas os labregos folk-lóricos, a xente falandeira dos
artesanos c’os curiales, c’os cabaleiros, c’os graves coengos. Os tendeiros
vendían po-las ventás. Calquera que teimaba cambear de condición social estaba
esposto ós apompeos dos veciños.
Ningún comentario:
Publicar un comentario