domingo, 1 de novembro de 2020

CATÁLOGO DOS CASTROS GALEGOS. TERRA DE CELANOVA

CATÁLOGO DOS CASTROS GALEGOS. TERRA DE CELANOVA / Florentino López Cuevillas, Fermín Bouza-Brey e Alfonso Vázquez Monxardín
12 de Nadal de 1928
Nós. Pubricacións Galegas e Imprenta, Real, 36-1º. A Cruña
28 p; 29 Cm.


O volume dedicado á Terra de Celanova forma parte da serie Catálogo dos Castros Galegos e foi editado por Nós a partir dos traballos de Florentino López Cuevillas, Fermín Bouza-Brey Trillo e Alfonso Vázquez Monxardín-Quirós en 1928.

Terra de Celanova é a segunda achega das cinco que forman a serie dos castros galegos, catro delas publicadas na revista Nós entre 1927 e 1933, e posteriormente editadas en cinco volumes exentos, recollendo os traballos da Sección de Prehistoria do Seminario de Estudos Galegos, baixo a dirección de López Cuevillas.

Os traballos sobre a Terra de Celanova apareceron entre os números 52 e 61 do boletín Nós, desde abril de 1928 e até xaneiro de 1929.

Nós nº 52, 15.04.1928, Pp. 62-65 (Castro de Trelle, Outeiro de Vimieiros, A Rodeliña).
Nós nº 54, 15.06.1928, Pp. 114-117 (Outeiro de Pazos, A peneda da Lebre, Outeiro de San Marcos).
Nós nº 55, 25.07.1928, Pp. 129-131 (Outeiro de Fontefría, A Rodela, O monte de Castro).
Nós nº 56, 15.08.1928, Pp. 155-156 (O castrillón, Castro de Berredo, Castro de Mourillós).
Nós nº 57, 15.09.1928, Pp. 168-172 (O Furriolo, Outeiro de Rubiós, O Castromao).
Nós nº 58, 15.10.1928, Pp. 185 (Castro de Ourille).
Nós nº 59, 15.11.1928, Pp. 203-208 (Considerazóns arqueolóxicas).
Nós nº 60, 15.12.1928, Pp. 230-232 (Considerazóns Folk-lóricas).
Nós nº 61, 15.01.1929, Pp. 14-15 Considerazóns Folk-lóricas proseguimento).

A Terra de Celanova está situada no curso medio do río Arnoia, entre os altos do Corbillón, cinguindo a vila de Allariz e o val de Ramirás.

En toda a bisbarra, agás nos macizos montesíos, inzase unha poboazón moi densa. Constituena xentes de agradabel aspeito físico e de pequena estatura, entre a que se atopan moitos tipos loiros. O seu caraiter é trouleiro e divertido; son tamén sinxelos e rutinarios e grandes visitadores dos países de alén mar.

Deseguida o traballo enumera os castros da comarca, comezando polo de Trelle, no concello de Barbadás e na freguesía de Sobrado do Bispo.

Un mozote de Sabucedo contanos ô seguinte: De unha vez un rapaz de Sabucedo, que andaba á gardar o gando, rañou c-un coitelo n-unha peneda que hai no castro. Asín que o fixo púxoselle diante un xigante moi grandísimo, con ollos de boi, que lle contou que na fonte mais perto da cerca había acobillados unha cabra e mais un cabrito de ouro.

Despois seguen o Outeiro de Vimieiros (Doniz, Cartelle), a Rodeliña e Pazos (Espiñoso, Cartelle) e a continuación veñen os castros do concello da Merca: Peneda da lebre, Outeiro de San Marcos (A Mezquita), Outeiro de Fontefría (Fontefría) e Monte do Castro (Santa María de Olás).

A maiores das medidas e disposicións dos castros, os investigadores recollen as lendas de tradición oral entre os veciños, referidas case todas á localización de tesouros agochados e novas sobre a presenza dos mouros no lugar, non recoñecidos como os habitantes pre-romanos da Galiza e xa que logo antecesores dos propios labregos, senón membros dunha raza máxica de encantos.

En tempos, o Outeiro de Vimieiros foi cidade de mouros, e de ela foron desbotados por mor de unha grande guerra que tiveron cos romanos. Na noite de San Xohan, sai no Outeiro de Vimieiros unha moura, que se pón por riba de uns penedos que hai na banda oeste do Castro. En canto se pón n-iles deita no sitio unha fonte, en cuia auga a moura lávase a cara e pentea os seus cabelos.

Os membros do SEG pescudaron tamén nos castros do concello de Celanova, entre os que citan: Castro de Mourillós, preto de Celanova, o Furriolo, entre o val do Arnoia e a Limia, Outeiro de Rubiás (San Lourenzo de Canón) e Castromao.

Guerreiro de Rubiás
No Outeiro de Rubiós houbo unha grande cidade
chamada San Salvador ou Cachiquimbra, nome que aínda leva unha parte do monte. Ista cidade fou atacada pol-os romanos ou pol-os franceses que estaban no castro do Furriolo. Emprincipiou o ataque c-un grande fuego, sostido dende o propio Furriolo apesares da distanza de duas légoas que os afasta, pois é sabido que os antigos tiñan millores armas e de mais alcance que as nosas. Fóronse despois acercando os nemigos a Cachiquimbra, puxéronlle sitio e remataron por destruíla, morrendo dos da vila 11.000 mártires, e dos atacantes mortos tamén.

Os investigadores propoñen que a antiga cidade pode ser lembranza dunha briga céltica. O nome recorda foneticamente a Conimbriga (Coimbra) e o achado da estatua dun guerreiro galego no castro reforza a conexión da lenda cun feito histórico.

As descricións rematan co castro de Ourille, no concello de Verea.

Emilio González, dono de unha mera situada no castro contounos que tiña ouvido decir que por baixo do aplainado do remate había campos e unha eirexa.

O traballo complétase coas consideracións arqueolóxicas comúns á comarca, onde a densidade castrexa é feble, con dezaseis emprazamentos en corenta e dúas parroquias, tendo en conta que o número de castros aumenta en razón directa da fertilidade e boas condicións para a vida no territorio.


Os castros concéntranse en dous grupos, de xeito que as distancias entre os máis afastados non chegan a dous quilómetros, sen que os investigadores saiban se estes lugares foron habitados sucesivamente ou ben trátase dunha veciñanza froito dunha federación ou alianza.

O último apartado unifica as lendas tradicionais recollidas entre os veciños do lugar.

Istes mouros son da caste especial en col da que xa temos chamado a atenzón: son mouros que comen porco.

En canto a tradición dos tesouros, o texto recolle as lendas das cabras e cabritos, a imaxe do becerro de ouro bíblico, e as trabes, todos de ouro.

Os ritos de esconxuro para acceder aos tesouros mesturan a tradición cristiá dos exorcismos conducidos por cregos, cos ritos pagáns do sacrificio.

É merecente d’estudo o conceito popular da xustiza que estas historias revelan, xustiza automática e mecánica – com’o Karma – que garante os tabús e salvagarda o sagrado en todal-as relixións primitivas.

 (1)   Fonte da imaxe de Florentino López Cuevillas: lavozdegalicia. Alfonso Monxardín: Instituto de Estudios Carballiñeses. Fermín Bouza-Brey: carloscallon.com

(2)   Cabeza de Guerreiro de Rubiás. Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense.



Ningún comentario:

Publicar un comentario