DISCURSO DO DR. PORTEIRO
NÓS, Pubricacións Galegas e Imprenta
1932
16 pp ; 20 Cm.
O folleto Discurso
do Dr. Porteiro ó fundarse a Irmandade da Fala en Santiago no ano 1917 (Segunda
edición) recolle o discurso pronunciado por Luís Porteiro Garea e foi editado por Nós en Compostela en 1932.
A primeira edición do folleto foi editada en Compostela na Tipografía Galaica.
Luís Porteiro foi presidente e un dos fundadores da Irmandade da Fala en Compostela no acto celebrado no Círculo Católico de Obreiros, situado no número 21 da rúa do Vilar, o día 28 de maio de 1916.
Primeira Edición 1916
O grupo local
do Partido Galeguista de Compostela recupera o discurso pronunciado
por Porteiro ao tomar posesión do cargo de Conselleiro da Irmandade, coa
intención de publicalo como unha homenaxe no Día de Galiza de 1932.
Porteiro divide o discurso en doce apartados que resumen a situación da Galiza do momento.
I. Falar e escribir en galego, como saibamos
Porteiro confesa que foi empurrado a dirixir a primeira xunta da Irmandade da Fala por Antón Villar, desde a súa columna de opinión na Voz de Galicia.
Escribo en galego, i escribo mal. ¡Qué queredes!... Nunca hastra hoxe escribín. Xamais mo ensiñaron nin eu me coidéi do adeprender! E agora, pregúntovos: si poido escribir no idioma que non aprendín nas escolas, nos epítomes, nin nos dicioarios ¿n-é verdade qu-isa língoa deber ter raíces moi fondas no meu peito, na i-alma da miña raza cando non-a enterraron pra sempre os abandonos alleos e os propios?
O autor identifica un dos primeiros obxectivos das Irmandades na recuperación do idioma esquecido, como molde dos pensamentos e sentimentos dos galegos.
II.
O renacemento hispano, e a guerra
Porteiro enxalza o movemento renovador que xorde logo da catástrofe do 98, onde as rexións deben protagonizar un novo tempo, virando as costas aos gobernos corruptos e responsables das guerras.
III.
A conciencia do noso pecado
Os galegos non deben culpar os estranxeiros dos seus males. Se pensan que os culpables son outros, agardarán con indiferenza que estes remedien o mal.
Naide máis que nôs
ten culpa do que nos pasa; naide máis qu’o noso traballo nos ha salvar. E si
non decídeme: ¿á quén botámol-a culpa do abandono impiedoso en que deixamos o
idioma? ¿Qué xigante nol-o ten encantado?... Pois o mesmo nos sucede con todo.
A cerna do desprezo que os forasteiros senten polo galegos está na mansedume e o comportamento destes.
O mundo non respeta
á quen non comeza por se respetar á sí mesmo e os seus... Ben vedes o que
fixemos do idioma – verbo da raza –; pra moitos chegóu á ser cousa
despreciabre, vergoñosa, repunante... Aínda máis: hai quen pasa en Madrí tres
meses e ven falando andalús.
Para comezar a respectarse os galegos deben coñecerse primeiro a si mesmos: a súa historia e os problemas económicos e xurídicos, e non agardar que veñan de fóra a dárllelo todo “feito, direito e regalado”.
V.
A nosa posición no mundo
O desenvolvemento de América favorecerá a conexión
económica, científica e artística con Europa, antes de extinguir o dominio
europeo en favor de Asia. Entre tanto, o porto de Vigo é o mellor situado para
soster as relacións con América, favorecido tamén polo idioma que permite conectarmos
con Portugal e a América de influencia portuguesa.
VI.
Cuestións interiores. Síntese
Os problemas externos envolven outros internos e do mesmo xeito que os galegos perderon oportunidades no pasado, poden perder agora a ocasión de utilizar Vigo como plataforma de comunicación co alén mar, de non darse conta da súa importancia.
VII.
O capital galego
Galiza padece dun déficit de estruturas; en particular ferroviarias. Os cartos no virán de fóra e Porteiro apela aos cartos dos galegos do exterior e o interior, sinalando que non hai nada menos patriota que o capital.
¿Qué fixeron a
maoría dos nosos homes de cartos, ou os banqueiros qu’os dirixen?... Poñer os
seus aforros en valores estranxeiros resultando qu’o galego que tivo que sair
da patria pra ofercer o seu talento e a sua freba á empresas d’outras terras,
acaba por mandarll’os seus aforros tamén. Os capitales galegos fan camiños de
ferro en Venezuela e n-a Arxentina, e aquí non temos cartos pr’os nosos e
sometémonos ôs estranxeiros mediatizando ô país, apolillando a súa libertade.
VIII.
A industria e o traballo
A industria galega está afogada polo arancel protector doutras rexións, cando é a única librecambista. O gando, as sardiñas en conserva... non precisan protección para conquistar os mercados interior e exterior, pero son vítimas do arancel español que encarece os produtos importados e dificulta as exportacións.
IX.
O dereito, Xuíces e Notarios
É unha inxustiza esixir que os cidadáns entendan o castelán e deban empregalo diante da administración de xustiza, como tamén é inxusto que os funcionarios, xuíces e notarios, non teñan a obriga de coñecer o idioma.
Os Maxistrados en
xeneral son tan finchados e presuntosos que non lles cabe n-a canteira qu’un
home á quen eles non entenden, non os entenda á eles.
X.
A arte. A música galega
Os galegos descoñecen a historia da súa propia cultura e non se preocupan de protexela.
O Pórtico da Groria
consérvase ben porqué está ond’está, senón ¿qué sabemos o qué d’él fora?
Tamén a música popular foi menosprezada e Porteiro alenta as corais de Galiza “pra que traballen por ese renacemento, máis ben con festas populares, que con refinamentos d’academia afogados n-as catro paredes d’un salón”.
XI.
A crise da nosa poesía
Un dos resultados do abandono do idioma galego é a falta de poetas e a poesía só florece no idioma falado ou sentido desde o berce, porque é quen de expresar o sentimento e o pensamento. A produción poética galega dos últimos vinte anos, con excepcións senlleiras, manifesta pobreza e máis semella parodia e afectación.
Un xenio galego
simbolizando á Castela é imposibre; i-a Galicia soilo a pode representar no seu
verbo: en galego. Esquencer éste é aforcar a posibilidade de que Galicia teña
poetas e se conte coma un valor na literatura universal.
XII.
Ramón Cabanillas
Cabanillas ven remover a apatía sentindo no interior as dores da patria e interpretándoas cara a multitude, ás veces tenro e outras irado.
Pra ese poeta, qu’é
o noso guía, e pra Villar Ponte (o promovedor que lle sigue n-este movimento)
así como pro gran Aurelio Ribalta, e pra Rodrigo Sanz (os nosos mestres i-os
nosos Quixotes) acabo pedíndovos devoción i-aprauso.
Ningún comentario:
Publicar un comentario