mércores, 5 de agosto de 2020

LEMBRANZA DE GOETHE


LEMBRANZA DE GOETHE / Ramón Otero Pedrayo
NÓS, Pubricacións Galegas e Imprenta. Hortas, 20. Santiago
1932
40 pp ; 18 Cm.

O folleto Lembranza de Goethe foi escrito por Ramón Otero Pedrayo e editado por Nós en Compostela en 1932.

Este pequeno caderno recolle unha conferencia ditada por Otero na Asociación de Alumnos do Instituto de Ourense o 6 de marzo de 1932 en conmemoración do centenario da morte de Johann Wolfgang von Goethe, ocorrida o 22 de marzo de 1832.

O texto vai seguido da tradución ao galego do diálogo entre Fausto e o centauro Quirón extraído da segunda parte de Fausto, escrita por Goethe no ano da súa morte.

O número 100 da revista Nós publicada en abril de 1932 inclúe outra homenaxe baixo o mesmo título da conferencia, subtitulada agora: “A ronda dos amigos”, onde Otero repasa a vida de Goethe entre o Barroco e o Romanticismo, dous séculos evocados a miúdo na súa obra, a través dos amigos e lugares que influíron nel.

Goethe non sentía a Prusia como tampouco Hoffmann, sentía Berlín. Goethe renano sentíase superior como encarnación d’unha Europa que logo ninguen tivo na man.

Dicía Ramón Piñeiro que Otero é antes que nada un orador dotado dunha característica que o singulariza, ao non procurar establecer un diálogo co auditorio coa intención de influír nel por medio dunha tensión comunicativa, senón que a súa palabra adoita expresar en voz alta o mundo de seu.

Cando fala, entrégase moito máis ao tema que ao auditorio; segue, despreocupadamente, o curso espontáneo e libre das asociacións que van xurdindo na súa mente. E ségueo en voz alta, engaiolando a quen o escoita coa maxia do seu lirismo inesgotable. (2)

Esta característica pode estenderse tamén a boa parte da obra escrita por Otero, que evoca un denso monólogo atravesado por metáforas líricas, onde agroma a libre asociación de ideas.

A falta de equilibrio entre o caudal expresivo, sempre abondoso, e a súa estruturación formal, sempre feble, orixinan ese barroquismo literario do que tanto se ten falado e que non é máis que submisión expresiva do escritor ás características expresivas do orador que Otero Pedrayo é antes e por enriba de cousa ningunha. (3)

Lembranza de Goethe é un exemplo das impresións de Piñeiro. Otero comeza a conferencia evocando o día da morte do alemán.

O día 22 de Marzal do 1832, en Weimar, afondido na sua cadeira de patriarca lexendario, Xohán Wolfgang Goethe, pouco dinantes do mediodía, morría docemente. A Primadeira viña frolecer outravolta os cotos e as chairas da Xermania; poucos días dinantes o grorioso vello fixera seu derradeiro paseio pol-o bosque agromado, e pol-a silva da lembranza vagaba, sereo e curioso, o esprito atento, creador, optimista.

Goethe representa unha dimensión particular da cultura occidental no século XVIII encarnada anos máis tarde na república de Weimar, sucesora do antigo Sacro Imperio Romano Xermánico. Otero, como outros membros da Xeración Nós neste tempo de entre guerras, admira o que el chama estilo alemán e que evocará particularmente en Fra Vernero, publicado por Nós en 1934.

Iste sentido do Imperio estaba vivo no pai de Goethe, o grave doutor Xohán Gaspar, conselleiro privado, home de lei, pousado patricio.

Goethe herdaría do pai o sentido común e a seriedade. Da nai, a fantasía e o gusto por fabular.

Fiel ao seu estilo, Otero evoca acontecementos e persoas superpostas na traxectoria de Goethe como peteiradas na súa vida, sen desenvolver as suxestións dando por feito que o público sabe de que fala e xa que logo abonda con sementar as ideas no aire.

Mañán da batalla de Walmy, centileantes alboradas nos neveiros alpinos, lus vaporosa dos ermos do Latium, sonata de Beethoven, fuxitiva, angustia de creación, - revelación dos mármores de Egina, anatomía trascendental, paixón do Werther, síntesis do derradeiro Fausto... - ¿qué infinda estadea farían as somas na ialma do vello, cando aínda nas verbas da agunía demandaba: máis lus?

Antes de se establecer en Weimar, Goethe lidera o movemento romántico. Despois viaxa a Italia, interésase pola ciencia e vive entre a Revolución e o Imperio.

Waterloo: 18 Xulio 1815. A Europa, por fora, vólvese refuxiar no século XVIII. Goethe sigue seu rumbo seguro. Ainda falla o segundo Fausto.

Goethe ten sesenta e seis anos. Había vivir dezasete máis e todos os grandes enxeños do século manteñen correspondencia con el.

O 14 Marzal, dá un paseio. Morre o 22, docemente, o meirande piñeiro do bosque boreal da Europa.

Otero non afonda durante a conferencia na obra de Goethe, senón que traza mediante a relación instantánea de nomes e feitos o decorrer do tempo, insistindo en que boa parte da cultura europea deses anos foi inspirada por el.

Caso que se non volta a repetire. A pesares de certas aparenzas non hai dereito á falar d’unha Europa wagneriana, nin nitzcheana, nin renaniana.

Por último, Otero glosa a influencia do Fausto onde Goethe establece a simboloxía popular do mito e despide a conferencia celebrando a primeira homenaxe tributada ao autor.

É pra todos nós gasalleiro o feito de que cecáis o primeiro – dende logo na Galiza – homaxe adicado en Hespaña ô Mestre de Weimar, seña realizado n-ista xuntanza de mozos galeguistas. Pra eles todo o meu amor e confianza. As miñas palabras non son nada. A nosa cordial asistenza, sono todo n-ista festa do Esprito.

(1)   Imaxe de Ramón Otero Pedrayo: fundacionoteropedrayo.org
(2)   Ramón Piñeiro. Olladas no futuro. Otero Pedrayo orador. PP. 148-151. Editorial Galaxia. 1974
(3)   Idem nota 2.


Ningún comentario:

Publicar un comentario