HOMAXE AO ARCEBISPO MANOEL LAGO GONZÁLEZ
febreiro de 1934
Imprenta Nós – Rúa do Vilar, 15. Santiago
13 p ; 15 Cm.
Manuel Lago González naceu en Randufe, parroquia do concello de Tui, no ano 1865 e logo de pasar como bispo polas dioceses de Burgo de Osma e Tui, foi entronizado como arcebispo de Compostela en 1924.
Tamén
participou na fundación da Academia Galega en 1906 e desde o ano 1881 publicou máis
de sesenta poemas espallados por revistas e xornais. Os galeguistas tiñan nel
un referente porque Lago era unha das poucas persoas sensibles cara a lingua e
a cultura galega e que ao tempo formaba parte do sistema de poder da elite
gobernante. O arcebispo proviña do carlismo na súa xuventude e logo converxeu ideoloxicamente
co movemento rexionalista de Alfredo Brañas.
Este
respecto do galeguismo cultural polo arcebispo maniféstase no número 17 da revista
Nós, en marzo de 1923, con motivo do nomeamento de Lago.
Dempois de mais d-un século en que ningún galego rexiu a groriosa Eirexa Compostelán, co-a mais grande ledicia vemos hoxe nomeado pr-o mais outo posto relixioso de Galiza ô siñor Manoel Gonzales Lago, Bispo de Tuy, galego de nacimento e de curazón, grande teólogo e filólogo, sentido poeta galego, e da Nosa Terra.
Cremos con toda fé que este feito siñificativo marca un novo tempo y-un froitoso camiño pr-â vida relixiosa y-espirtoal de Galiza. NOS leva ô Dr. Gonzales Lago a mais forte noraboa chea de quentura e de fondas esperanzas.
Tamén Ramón
Cabanillas, nunha carta enviada a Enrique Peinador en xullo de 1920,
nos días en que preparaba o discurso de aceptación na Academia Galega
sobre A saudade nos poetas galegos, solicitou ao entón bispo de Tui que
fixera a contestación, malia ter sido ao cabo Eladio Rodríguez González
quen deu a resposta. Cabanillas remata a carta dicindo:
Como es una persona a quien respeto hondamente, espero su
regreso para hablarle y rogarle que lo haga: si no lo obtengo, dignamente no
puedo solicitar ese honor de ningún otro académico.
Entre as
publicacións dedicadas a homenaxear ao arcebispo, dúas delas escritas por Xosé
Filgueira Valverde, atopamos tamén o pequeno folleto impreso por Nós escolmando
catro poemas escritos por Lago González e que, segundo consta no colofón, foi
impreso “Por un grupo de galegos en lembranza do
venerabel Lago González no intre do traslado das súas cinzas. Compostela,
febreiro de 1934”. (2)
Lago
González faleceu un ano despois de acceder ao cargo de arcebispo e pouco antes foi
nomeado presidente de honra do Seminario de Estudos Galegos, o 4 de maio de
1924. No discurso de aceptación destacou a necesidade de establecer un canon
científico sobre a lingua galega.
O volume
de homenaxe editado por Nós ábrese cunha breve introdución poética que sitúa
Lago como continuador de Xelmírez e os Fonseca, falando da
saudade que enche Galiza coa súa morte.
Os
poemas son sentimentais e costumistas, continuadores da corrente popular dos
precursores.
O
primeiro texto escolmado é Alborada, publicado en A Nosa Terra en
1919. Este é un poema alegre que celebra a mañá solleira de primavera na aldea.
O folleto omite as tres últimas estrofas do orixinal.
Neste
enlace pode consultarse o poema completo.
O
segundo poema titúlase San Campio e celebra a romaría popular de Tomiño.
José Torres Creo musicou a letra en 1929, dividida en tres partes:
Alborada, Os Peregrinos e A Muiñeira. A obra foi recuperada por The
Chieftains en 2010 e tamén hai unha versión en colaboración con Carlos
Núñez.
A
continuación segue O derradeiro celta, publicado na revista Galicia
Diplomática e asinado en Tui en 1883. A reprodución do folleto respecta o
texto orixinal e muda a ortografía para axeitala á época
O poema inscríbese
na corrente do saudosismo mítico impulsada por Murguía e evoca a saudade
dun celta derrotado entre as ruínas do castro, laiándose por ver como o mundo
esvae diante dos ollos até desaparecer por completo agora que morreu a familia,
non fican guerreiros nin druídas e ninguén ha levarlles as ofrendas aos vellos
deuses.
O
folleto remata co poema O neno Xesús, tamén musicado por José Torres
Creo en 1932.
O poema
é unha cantiga de berce a medio camiño das panxoliñas, onde o poeta vela o sono
do neno rei.
(1) Foto de Lago Gonzalez. Academia Galega, en honra do Día
das Letras de 1973
(2) Actualmente os restos de Lago González están soterrados
na capela da Comuñón, da Catedral de Compostela.