venres, 10 de abril de 2026

ALGUNHAS NORMAS PRA A UNIFICAZÓN DO IDIOMA GALEGO

 


ALGUNHAS NORMAS PRA A UNIFICAZÓN DO IDIOMA GALEGO

1933

Nós. Pubricazóns galegas e imprenta. Santiago

13 p ; 17,5 Cm.

Unha das grandes preocupacións dos membros do Seminario de Estudos Galegos foi a fixación dunha norma para o uso da lingua, coa que poñer fin á “anarquía ortográfica” que, nas súas propias palabras, dominaba a escrita.

Con este fin, a sección de Filoloxía puxo en marcha diversos traballos de investigación, entre eles o Vocabulario galego castelán (1), a ponencia de Vicente Risco Catálogo sistemático da lingua galega (2) e a Ortografía gallega, bases para su unificación, de Couceiro Freijomil (3).

Co propósito de avanzar na unificación das normas ortográficas, o SEG constituíu no outono de 1931 unha comisión formada polo director da sección de Filoloxía, Paulino Pedret Casado, e polos membros Sebastián González García-Paz, Xoaquín Lourenzo Fernández, Xosé Filgueira Valverde e Pereira Rial, encargada de elaborar unha ponencia sobre a unificación ortográfica da lingua para uso interno dos membros do Seminario.

A Xuntanza Xeral do SEG, reunida o 15 de outubro de 1933, aprobou as recomendacións desta comisión e solicitou que fosen impresas decontado para orientar os escritores e favorecer a coherencia ortográfica nos traballos presentados polo Seminario.

O documento que hoxe revisamos condensa un esforzo colectivo de enorme transcendencia: o dos membros do Seminario de Estudos Galegos por transformar unha lingua que, até entón, vivía sobre todo na oralidade nun instrumento culto, capaz de fixar por escrito a memoria, o pensamento e a alma dun pobo.

O criterio seguido polos ponentes foi o de aproximar o galego ao portugués naqueles ámbitos onde o contacto prolongado co castelán abrira baleiros ou provocara interferencias, mais permitindo ao mesmo tempo que a lingua seguise o seu propio curso histórico. Entendían que as diferenzas actuais entre galego e portugués —froito do afastamento político desde finais do século XV— forman xa parte da identidade e da evolución propia de cada unha das dúas culturas.

O documento estrutúrase en tres apartados:

1.   Letras.

2.   Signos ortográficos.

3.   Ligazón de palabras sen signo.

Nas imaxes que acompañan esta entrada pódese consultar en detalle a proposta lingüística elaborada pola comisión.

(1) Vocabulario galego castelán (1926-1928) Publicado por entregas en El Pueblo Gallego. Xosé Filgueira Valverde, Lois Tobío Fernández, Xulián Magariños Negreira e Xulio Cordal Carús.

(2) Catálogo sistemático da lingua galega. Vicente Risco. Ponencia presentada no Seminario de Estudos Galegos o 31 de xaneiro de 1926. Traballo inédito sobre o léxico.

(3) Ortografía gallega, bases para su unificación. Antonio Couceiro Freijomil. 1929. Con apéndices de Abelardo Moralejo, director ese ano da sección de Filoloxía do SEG.









Ningún comentario:

Publicar un comentario