domingo, 8 de novembro de 2026

O VOTO DO CONCELLO DE ARBO NA FESTA DE SAN ROQUE


O VOTO DO CONCELLO DE ARBO NA FESTA DE SAN ROQUE
/ Alfonso Vázquez Martínez
Abril de 1931
Nós Pubricacións Galegas e Imprenta – Hortas, 20. Santiago
21 p ; 20 cm.

Alfonso Vázquez foi un profesor e historiador natural de Arbo, na comarca da Paradanta, que colaborou tanto co Seminario de Estudos Galegos como coa revista Nós. No momento de redactar este documento contaba con vinte e cinco anos e exercía como profesor auxiliar de Paleografía e Diplomática na Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago.

Na universidade coincidiu como estudante con Xosé Filgueira, os irmáns Xaquín e Xurxo Lorenzo, Antón Fraguas e Sebastián G. García-Paz, quen o convidaron a ingresar no SEG en 1927. No volume publicado pola institución en 1934, concibido como unha memoria dos traballos realizados desde 1923, Martínez figura como membro do Consello Director co cargo de conselleiro.


O estudo sobre o voto no concello de Arbo foi publicado no número 88 da revista Nós, do 15 de abril de 1931, e editouse tamén como separata exenta.

Dende pequeno vía na festividade de San Roque ir o Concello en preno á ouvir a misa que na igresia parroquial celebrábase pra cumplir un voto feito pol-os antepasados, cumplindo unha promesa que, en días de anguria e pesadume, habíase feito nun tempo lonxano e esquecido.

O autor interesouse desde sempre por coñecer a orixe daquel voto, que cada ano daba lugar a unha función na honra de San Roque o día 16 de agosto na igrexa parroquial de Arbo. Pero as referencias transmitidas pola tradición oral eran escasas e imprecisas, ata o punto de que nin sequera permitían determinar o ano en que se formulara a promesa. Tampouco o arquivo municipal conservaba datos de relevo, e os documentos máis antigos que se gardan remóntanse a 1780, malia que a orixe do voto se sitúa no século XVI. Neses documentos indícase o seguinte:


Que no se alcanza el tiempo en que haya sido hecho, tanto que no hay documento alguno que conste, más que la tradición y una costumbre nunca interrumpida hasta el día.

Porén, as razóns do voto eran poderosas, e o alcalde exhortaba a cumprilo con exactitude, tal como o prometeran os antigos, obrigando a participar as seis parroquias do concello, cada unha delas coa súa propia procesión.

Finalmente, nas actas municipais do ano 1860, aparece a primeira referencia documentada á orixe do voto:

Restablecimiento de la festividad de S. Roque en la iglesia parroquial de este municipio, habían consagrado en 1515 voto formal de celebrar la festividad de S. Roque en la iglesia de esta capital por el alivio de una enfermedad epidémica que entonces atacara a estos pueblos.

De feito, a tradición recoñece a San Roque como santo avogoso contra a peste, unha epidemia que por aquel tempo se estendeu polas comarcas de Santiago e Pontevedra.

A corporación municipal dese ano rescatou o voto, que caera no esquecemento, e acordou acudir en procesión á ermida de San Roque, desde onde as parroquias habían desprazarse á igrexa parroquial. Un dos motivos desta recuperación foi tamén a propagación, en 1860, da praga do oídio, un fungo que afecta as videiras e que ameazaba a colleita de uva e a produción de viño.

Ao longo do traballo, o autor describe as festas e rituais solemnes dos anos seguintes e ao cabo conclúe:

Cos anos foi quedando reducida a festa de San Roque na que adequiriu maior importancia a festa profana que a relixiosa, reducida somente a unha misa cantada con máis o menos solemnidade, e â procesión.



Ningún comentario:

Publicar un comentario