venres, 28 de setembro de 2012

O BENDITO SAN AMARO



O BENDITO SAN AMARO
Texto: Cabanillas Enríquez, Ramón
Debuxos: Rodríguez Castelao, Alfonso Daniel
1925
Edición Lar, Impreso en Mondariz-Balneario (imprenta do balneario)
28 páx. ; 22 cm.

O romance O bendito San Amaro, obra de Ramón Cabanillas, con debuxos de Castelao, foi editado por LAR e confeccionado na imprenta do balneario de Mondariz en 1925.

Ramón Cabanillas publicou boa parte da súa obra no balneario, propiedade de Enrique Peinador, empresario de ideoloxía galeguista que había exercer o seu mecenado co poeta despois de este perder o posto de funcionario no concello de Mos. Cabanillas traballou desde o ano 1923 no establecemento, e na imprenta do balneario tamén deu ao prelo a peza dramática A man de Santiña (1921) e os libros de poemas Na noite estrelecida (1926) e A rosa de cen follas (1927).

O romance publicado baixo o epígrafe: Estoria do bendito San Amaro que foi chamado no mundo o Cabaleiro de Arentéi, conta a lenda do cabaleiro don Amaro de Arentei, asasino fratricida que decide afastarse do mundo para facer penitencia e alcanza a santidade despois de trinta e tres anos de retiro.

Cabanillas exhorta os romeiros a visitar a ermida de Santo Amaro, enxalzando o carácter milagreiro do santo e o efecto benfeitor da romaxe, pois como afirma o poeta:

“O que San Amaro vaia
nunca lle perderá a lei
nin á fala de seus pais
nin á Terra onde nacéu.”

Deseguida reprodúcese o texto íntegro do romance, respectando a grafía histórica.

O bendito San Amaro

Estampas da vida e miragros do grorioso San Amaro que se venera na súa ermida do coto Salnés que o abade don Martiño do Reial mosteiro de Nosa Señora da Armenteira mandóu facer por canteiros na era de El Señor de Mil e CC Annos.

I

Lembrando días heroicos,
nos que de groria treméu
vendo miragros de santos
e cabalgadas de reis,
o Castrove está deitado
na campía de Salnés,
diante do mar arousano
a soñar e frorecer.

II

N-un rexo pazo do monte,
en onde a ermida se erguéu,
vivía ó tempo o Fidalgo
Don Amaro de Arentéi
que un Domingo de Pasión,
o peito cheo de fel,
a seu irmán dou a morte
por ciumes de unha muller.

III

O negro can do remorso
mordéndolle o corazón,
deixando casal e terras
fuxéu o mal matador
e n-unha cova sombriza
trintatrés anos pasóu
entobado como un lobo,
pregando ó ceo perdón.

IV

Todol-os anos, no adro
onde o morto se enterróu,
frorecen duas rosiñas
o Domingo de Pasión:
unha branca, como neve
baixo as raiolas do sol;
outra roxa, como sangre
saído do corazón.

V

Enriba da rosa branca,
as azas de ouro a bater,
unha abella miragreira
chucha resolio de mel;
encol da rosa bermella
un verme negro nacéu
que fai, roendo, roendo,
as follas apodrecer.

VI

O Domingo de Pasión,
a tempo que amañecéu,
o Abade de Armenteira
campanas manda tanguer.
Trintatrés anos pasados,
trintatrés anos a ren
a rosa outrora bermella
astora branca surdéu.

VII

Nobres, monxes e labregos,
descalzos, en procesión,
cara ó monte de Castrove
encamiñóuse o Prior.
A cruz do mosteiro alzada,
na cova, tremente, entróu
envolto en fíos de prata
de un divino resprandor.

VIII

O esprito de Don Amaro
voara a dar conta a Dios:
o corpo ficara ergueito,
as mans en adoración.
Trintatrés rosas bermellas
frorían ó seu redor,
unha abelliña doirada
enriba do corazón!

IX

Mariñeiros da Lanzada
que o trebón no mar colléu
chamaron por San Amaro,
do mar saíron con ben;
ceguiños que nunca viran,
na cova lograron ver;
tullidos que arrastro foron
volveron pol-o seu pé.

X

O bendito San Amaro
ten unha ermida en Salnés
n-un castro soave, redondo
como un peito de muller.
O que San Amaro vaia
nunca lle perderá a lei
nin á fala de seus pais
nin á Terra onde nacéu.

Aquí remate a estoria
do fidalgo de Arentéi.
Que El Señor nos guíe e vala
por sempre xamáis. Amén.


martes, 25 de setembro de 2012

ANXÉLICA



ANXÉLICA / Vaamonde, Florencio
Nadal de 1925
Lar, revista mensual. Ano 2; número 16. Imprenta Lar, Real 36 – 1º A Cruña
29 páx. ; 16 cm.

Anxélica, novela póstuma de Florencio Vaamonde Lores, apareceu publicada co número dezaseis na colección de novela breve Lar, en decembro de 1925.

Os editores dan conta da morte do autor por medio dunha nota inserida na mesma novela:

“Hoxe honrámonos pubricando a obra póstuma de Florencio Vaamonde, a novela ANXÉLICA que escribíu para LAR sen sospeitar que a morte habíao de ferir treidoramente no momento mesmo en que daba lêtura â sua obra, que viña de romatar, e denantes de lle dar a derradeira man para correxir calquera errata ou modificar algún pasaxe conforme poidera estimar no repaso que tencionaba darlle. Vai pois a novela tal e como a deixóu escrita de primeira intención o chorado amigo, sen o perfeicionamento que ele houbéralle dado derradeiramente, mais inda así belamente escrita; pois Florencio Vaamonde era un dos literatos de mais valer nas letras galegas.

O irmán do finado, noso amigo D. César, engadiulle â noveliña unhas breves notas que xusgóu comenentes para a mellor conocencia dos lugares e persoas que interveñen na historia. É pois este número de LAR un dos mais interesantes de cantos levamos pubricado, e temos aseguranza de que os nosos lêtores así han de o estimaren.”

Vaamonde Lores foi membro da Cova Céltica, establecida na Librería Regional e participou nas fundacións da Academia Galega e da Irmandade dos Amigos da Fala. Como autor cultivou a poesía, a narrativa, o ensaio e tamén a tradución, vertendo os clásicos latinos ao galego.

A súa novela Anxélica pode clasificarse entre as narracións de costumes, adubada ademais cunha chea de referencias históricas sobre algúns feitos destacados ocorridos durante o século XIX e sobre os habitantes das Mariñas.

Sinopse da obra

“Na casa grande de Silvoso reinaba tristeza inmensa”. Xuan de Viladefrancos, o máis fiel criado do señor Fernando de Silvoso e home de vida azarosa, que mesmo loitou no exército de Napoleón, acababa de finar.

Esteban de Salorio, mozo de vinte e oito anos, presentouse como novo criado na casa “e cando viu aquela nena loura, quedou prendado da sua fermosura, pero sen saber que era a ama”.

Anxélica, a filla de don Fernando, “non quedou menos prendada de aquél rapás, figura arrogante, de loura barba, que parecia no seu porte e presencia persoa de categoría se o vestido fose outro”.

Tempo despois e logo dalgúns sucesos que habían influír no futuro da parella, Esteban preséntase diante de Anxélica para informala da súa decisión de abandonar a casa. O pai tiña concertado para el o casamento cunha moza rica.

-      “¿Pero a moza – respondeu vivamente Anxélica – val mais que min?
-      Non señora, coma vosté non val.
-      Pois entón, quédate e casarás comigo.”

Non foi necesario o consentimento de don Fernando. O vello señor morreu de alí a poucos días e o vinte de outono de mil oitocentos trinta e nove celebrouse a cerimonia en Bergondo.

A parella tivo dúas fillas. Pouco despois Anxélica morría dunha pulmonía.

“Estebo quedou desconsolado co’as duas nenas que criou con moito agarimo. Él adeprendera e afinárase moito e o que o vise tan guapo e tan portado e con tan distinguidas maneiras, non cuidara endexamais que fora un aldeán saído de un escuro rincuncho de esquencida aldea”.

sábado, 22 de setembro de 2012

CABALGADAS EN SALNÉS




CABALGADAS EN SALNÉS / Bouza Brey, Fermín
Novembro de 1925
Lar, revista mensual. Ano 2; número 15. Imprenta Lar, Real 36 – 1º A Cruña
20 páx. ; 16 cm.

A novela
escrita por Fermín Bouza Brey, Cabalgadas en Salnés, que leva por subtítulo: Lembranzas dun fidalgo, saíu do prelo de Lar en novembro de 1925 facendo o número quince da colección de novela breve.

Fermín Bouza foi un escritor versátil. Se ben profesionalmente exerceu como xuíz e avogado, a súa dedicación ocupou eidos tan diversos como a investigación histórica; en particular sobre a prehistoria galega, a arqueoloxía e os traballos etnográficos. Ademais publicou dous libros de poesía e a novela curta Cabalgadas en Salnés, única incursión do autor na narrativa.


Cabalgadas en Salnés é unha traxedia ambientada no Barbanza, onde o protagonista procura a xustiza da par da gavela de bandoleiros de Xan Quinto, enfrontados coa maldade representada polo Oidor de Iñobre.

A data de publicación da novela coincide tamén co primeiro aniversario da colección de novela breve Lar, ocasión para renovar os principios que alentaron a fundación da editorial e compartir o difícil logro cos lectores.

“O NOSO PRIMEIRO ANIVERSARIO

Neste mes fixo un ano que saíu o primeiro número de LAR. Con ledicia cómprenos anotar esta data. A ledicia de ver que o noso proyeito vai camiño adiante; por bon camiño, según nos din os que se preocupan pol-a cultura da nosa Terra; por bon camiño, como nos din tamén os amantes da literatura galega, non d’aquela literatura xa desbotada, de calzón e monteira, de zocos e moca, en que as cousas de mal gusto facían escachar de risa âs xentes. En LAR faise unha nova literatura, d’acordo cos tempos que corremos, e as novelas que pubricamos nen fan côrar nen cheiran. Ese é ao xuicio de moitos o noso maor éisito.

Levamos pubricadas 15 novelas pol-as que temos recibido gabanzas. Ate o d’agora ningunha pubricación somellante fixo mais. A nosa ledicia ê pois grande por tal motivo.

E non é sô a pubricación popular de noveliñas LAR o froito das nosas actividades e quereres; o rexurdimento da revista NÓS, a Biblioteca do Seminario de Estudos Galegos, e outras pubricacións de poesías, novelas. Teatro, dos mellores escritores galegos, en tomiños axeitados, encomenzaron á sair tamén dos nosos TALLERES como unha proba mais do noso esforzo en pro das letras galegas.

Mais non queremos falar en demasía. No porvir procuraremos seguir dando cumprimento âs nosas arelas de bôs galegos, e rogamos á cantos até o d’agora nos axudaron que continuen tamén prestándonos o seu apoio de valimento, para que poidamos proseguir o noso camiño.

Saúde, e ¡Terra a Nosa!”

Sinopse da obra

Despois de recibir unha esqueliña no seu casal, o fidalgo da Pantrigueira decide cruzar dacabalo o val do Salnés camiño de Iñobre, onde vive don Amaro, Oidor da Real Audiencia de Galiza e agora amante de Florenza, antiga moza do fidalgo. Ela foi quen lle escribiu a nota pedíndolle que acuda ao pazo, sen revelarlle os motivos.

Xa é noite cando no camiño de Iñobre xorde a gavela de Xan Quinto. Na casa do Oidor tamén vive a moza do bandoleiro e desde hai un ano ninguén sabe darlle razón dela. Xan Quinto cóntalle ao fidalgo que don Amaro tena pechada na adega da casa “sin ollar a lus do sol, próisima a revelar ao mundo o froito da brutal paixón do Oidor, soila, sen consolo e de como por medo ao bandido trataban de se desfacer dela matándoa asañados e soterrándoa na corte da Pantrigueira aproveitando a miña ausenza que Florenza faría longa cos seus aloumiños”.

A nota de Florenza pretende afastar o fidalgo da Pantrigueira para soterrar o corpo da moza no casal, e así comprometelo diante da xustiza ou ben deixalo a mercé do bandoleiro.

Xan Quinto pídelle a súa axuda para entrar na casa do Oidor e ceibar a moza. O fidalgo acepta:

“pareceume obra boa pra gañar o Ceo aloumiñar e protexer o enxebre amor do bandoleiro”.

Xa na casa, o fidalgo da Pantrigueira pescuda o agocho da moza bourando en Bieito, o criado do Oidor. Unha trapela na habitación de don Amaro serve para baixar ao soto. O fidalgo aproveita a ausencia do Oidor e procura a entrada:“Erguín a trampa e fíxome recuar o soplido de humedade e de miseria que botou de sí aquela escurenta boca”. Baixo a luz do candil descubre a moza. “Un esquelete que de muller semellaba, todo ollos, cabeleira e ventre, movíase n-un leito de pallas apodrecidas como un verme inxente, colosal”.

Nese intre xorde don Amaro cun coitelo na man, pero antes de que o fidalgo chegue a martelar a pistola, Xan Quinto bótase asañado sobre o Oidor.

“Non quero lembrar o que alí pasou cando veu o bandido ao seu amor de aquel xeito e ao frente o home causa de tanta infamia; cando a moza querendo ocultar a sua vergoña aos ollos do seu namorado fuxíu entolecida na noite pecha perseguida por min que tropecei, como gardando a porta, co cadavre do vello servidor, namentras Xan Quinto agañotaba á do Amaro no escurento encerro; nin cando cansos de buscala fumos dar con ela, dous días andados, enguedellada nos xuncos do esteiro do Rial de Corvos levada pol-a corrente río abaixo, río abaixo…”


martes, 18 de setembro de 2012

A PROPIA VIDA



A PROPIA VIDA / Carré Alvarellos, Leandro
Outono de 1925
Lar, revista mensual. Ano 2; número 14. Imprenta Lar, Real 36 – 1º A Cruña
26 páx. ; 16 cm.

 
A propia vida, novela breve que fixo o número catorce da Biblioteca Lar, foi a segunda das obras publicadas por Leandro Carré Alvarellos na editorial Lar.

Leandro Carré, fillo de Uxío Carré Aldao –libreiro e anfitrión da Cova Céltica–, herdou do pai a preocupación por promover e dignificar a cultura galega, cerna do impulso creador das Irmandades da Fala, onde os dous participaron activamente desde os primeiros anos.

En 1924, Leandro Carré fundou xunto con Ánxel Casal a Imprenta Lar, vehículo de expresión dunha nova xeración de escritores chamados a renovar a literatura galega, daquela identificada principalmente coa poesía e ancorada no costumismo e o enxebrismo do século anterior.

Ao longo dos anos, Carré explorou eidos tan diversos como a investigación lingüística, a novela e o teatro, se ben foi neste último ámbito onde destacou de maneira singular como autor, director e impulsor de iniciativas desde a Escola Dramática Galega e o coro Cántigas da Terra.

En A propia vida, o autor reflexiona sobre o efecto destrutor dos celos nas relacións de parella, a submisión da muller aos ditados do home e os conflitos provocados pola diferenza de clase social entre os noivos; temas todos eles recorrentes na literatura folletinesca, tan do gusto do seu tempo.

Sinopse da obra

A parella acabada de casar formada por Branca e Pedro Canzobre entra no café ateigado de xente para escoitar a música de moda. Ao velos entrar, Enrique Mendes érguese desde unha das mesas e ven saudar a Branca.

Cando marcha, a moza informa a Pedro que Enrique foi un “d’eses noivos que temos de nenos”. Pedro insiste, celoso, en saber máis sobre aquela relación e sente “no mais fondo da sua alma que iba nacéndolle un aborrecimento hacia aquel rival”.

A seguinte escena ten lugar na parada do tranvía, diante da praia de Riazor. Enrique aborda a Branca e confésalle que veu buscala desde Norteamérica para pedirlle que volva con el. Branca rexéitao, acorada pola insistencia do home e pérdese no interior dunha mansión da Cidade Xardín.

Na casa, xunto coa parella, vive dona María, nai de Pedro. Onda ela acode o mozo “nervoso, cos ollos lostregantes e as mans crispadas”. No correo chegou unha carta anónima que dá conta da relación de Branca cun amante.

Dona María aproveita a ocasión para encirrar en Pedro, botando contas da diferenza de posición social entre os Canzobre e Branca; unha costureira filla dun republicano preso por cuestións políticas e, celosa da nora, en diante tecerá o baleiro arredor da intrusa, que adoece por causa da frialdade no trato da sogra e o marido.

Ao cabo, nai e fillo acaban por botala da casa.

Contra o final da novela e despois dun encontro esclarecedor cunha persoa que arruinou a súa vida por causa dos celos, Pedro reflexiona e acorda pedirlle perdón a Branca.


“ouvíronse unhas pisadas apresadas que descían as escaleiras, a chave xiraba na pechadura, torpe, sen lograr abrila.

Ao cabo despechouse a porta, e Pedro, ofegante, apertou contra o seu peito â sua muller.

                  - Branca, miña Branca, perdóame…”


sábado, 15 de setembro de 2012

ANA MARÍA



ANA MARÍA / González, Xuan XesúsSetembro de 1925
Lar, revista mensual. Ano 2; número 13. Imprenta Lar, Real 36 – 1º A Cruña
21 páx. ; 16 cm.

Xoán Xesús González Fernández cultivou a poesía, o teatro, o ensaio e tamén a novela, amais de desenvolver unha axitada vida política e profesional. Ana María, publicada co número trece na Biblioteca Lar, foi a primeira das súas novelas.

O autor, militante sucesivo no Agrarismo, o Nacionalismo e o Socialismo, concibía a difusión da cultura como o factor chave que había redimir os galegos. (1)

Xa que logo, a produción ensaística de Xoán Xesús González, alén da intención provocadora, ten unha finalidade redentora. Non sucede o mesmo coas súas novelas, herdeiras da tradición folletinesca do século dezanove e que nos anos vinte tamén marca a norma da prosa escrita en castelán, difundida mediante coleccións como Novela de la semana, La novela de hoy ou outras semellantes.

Lar reproduce esta mesma corrente folletinesca nalgúns dos seus números como por exemplo Martes d’Antroido de Francisca Herrera, Antón Piruleiro de Xesús Fernández ou a mesma Ana María. A novidade proposta por Casal e Carré, que non deixa de ser importante, é que agora os protagonistas dos folletíns falan en galego. (2)

A miña muller. B.L. Nº1 Vers.cast.
De feito, este carácter renovador da colección de novela breve Lar contribúe a que a publicación non pase polo mellor momento.

A débil base de subscritores e tamén a escaseza de orixinais en galego, obrigan a Ánxel Casal e Leandro Carré a modificar a periodicidade da publicación, que no comezo do segundo ano pasa de quincenal a mensual.

A comunicación deste cambio aos lectores é tamén unha declaración de intencións por parte dos editores, que conciben Lar como unha obra patriótica ao servizo das letras galegas e non un negocio industrial:

A OS NOSOS LETORES

Levamos un ano de vida, Neste tempo pasado pubricamos, como pode ollarse na lista dos números saídos, unha ducia de noveliñas; todas elas inéditas e debidas aos máis prestixiosos escritores da nosa Terra, que nos axudaron cos seus fermosos traballos neste noso intento de afincar definitivamente a novela galega.

Para todos eles o noso agradecimento, e o noso agradecimento tamén para o púbrico que acolleu agarimosamente a nosa pubricación, así como para a prensa que contribuíu a propagala.

Mais a nosa labor é árdua, e inda que poñemos nela todo o interés, non sempre podemos acadaro que nos propoñemos porque non todo pende de nós. Unha das dificultades con que tropezamos é a falta de orixinaes. A prosa galega está nos comezos, e os nosos escritores, por outra parte, coidando se dúvida, que estamos «fartándonos de gañar diñeiro á costa das obras alleas», salvo honrosísimas esceiciós, non se interesan en nos axudar cos seus traballos, o que nos impide cumprir como quixéramos, e obríganos a reducir a un número mensual a pubricación que viñamos facendo quincenalmente.

Como dixo moi ben un noso amigo ao falar na prensa da pubricación Lar, a nosa empresa é de sacrificio, porque sacrificio e grande é o que vimos facendo para lograr que as obras dos nosos escritores enxebres cheguen âs mans dos galegos que aman a sua Terra e a sua Literatura, que pol-o d’agora, forzoso é decilo, son moi contados.

Non é pois a nosa unha empresa industrial que vai enriquecerse, senon unha obra patriótica, e pol-o tanto á todos rogamos nos axuden nela: uns cos seus traballos, outros coa sua propaganda, todos co seu interés e o seu amor pol-as letras galegas, pol-a cultura da nosa amada Terra, na seguranza de que se hoxe non outemos utilidade imos en troques sementando para o día de mañán”.

Sinopse da obra

O autor comeza a novela cunha “ofrenda” a Teresiña Neira, coa arela de non vela convertida noutra Ana María, “muller que debecía por ser venturosa e non o puido ser”.

Deseguida asistimos ao diálogo entre Ana María de Castro e Ramón Antonio, alumnos da escola Normal de Compostela, onde ela gaba a súa calidade como poeta e pídelle que lle dedique uns versos.

A seguinte escena desenvólvese na Alameda. Os dous pasean xuntos pola Ferradura. Diante da estatua de Rosalía, Ramón confésalle o seu amor por ela, que a moza corresponde.

“Erguémonos e entramos na cibdá e dend’aquel día fomos un para o outro”.

Tres anos máis tarde, os mozos casan. Ramón Antonio obtén praza de profesor “aló no corazón poético das Mariñas betanceiras. N-unha aldea branca e feiticeira coma unha pomba”, ao tempo que estuda por libre o terceiro ano de dereito.

Cando ao cabo obtén o título de avogado, a parella volve a Compostela. Agora, amais de abrir un bufete, é profesor auxiliar da Universidade. Tamén volve frecuentar a igrexa por influencia de Ana María. “A pesar de non ser eu home de temperamento relixioso, consentín en facer o que Ana María me mandase… eu quixen votar por terra esa tradición de que, o criterio e a intransixencia do marido no matrimonio, ha de ter un releve dictatorial”.

A vida da parella transcorre feliz, ata o día en que ela cae enferma: “ergueuse pálida, coa sua faciana branca e relocente, macerada; os beizos denegridos, o mirar vivo e alceso, apagado”.

Os mellores doutores de Compostela revisan a moza e conclúen que a enfermidade “era de índole puramente espritual”. Xa que logo, nada han facer por ela drogas e remedios, e o doutor Novoa recoméndalle que pase a maior parte do tempo en lugares de divertimento. Pero as viaxes por boa parte de España e outros países non teñen o resultado agardado. Tampouco os médicos estranxeiros son quen de formular un novo diagnóstico.

Meses máis tarde, Ramón Antonio é elixido como deputado en representación de obreiros e agraristas nas Cortes españolas. O mesmo día do triunfo, agrávase o estado de Ana María, que poucas semanas máis tarde morre na aldea de Golán.

“Na aldea decian que Ana María estaba embruxada, que tiña ferida de ollo, que a ollara unha meiga.

Eu sigo non crendo tal fantasía, inda que mismo sea certo”.

(1)          Conferencia: “La fórmula cultural, fórmula de redención gallega”. Concello de Caldas, decembro de 1928.





xoves, 13 de setembro de 2012

OS NENOS


OS NENOS / Filgueira Valverde, Xosé
Ornamentacións: Pintos Fonseca, Luis
25 de setembro de 1925
Edición Lar; impreso en Pontevedra na Imprenta de Antúnez
28 páx. ; 22 cm.
 
A colección de contos Os nenos editada por Lar en 1925 e publicada na Imprenta de Antúnez en Pontevedra – o mesmo obradoiro onde Castelao publicaría cinco anos máis tarde As cruces de pedra na Bretaña –, inauguraba a Biblioteca do Seminario de Estudos Galegos en Lar, que até o momento levaba publicados os doce primeiros números da colección de novela breve.

O autor, Xosé Filgueira Valverde, tiña entón dezanove anos.

Da primeira edición do libro fixéronse douscentos cincuenta exemplares. Ese mesmo ano imprimiuse tamén en Pontevedra unha segunda edición de trescentos exemplares. Posteriormente, en 1971 a editorial Galaxia publicou a edición ampliada dos contos de Filgueira baixo o título Quintana Viva. O novo libro inclúe dous contos novos (A morte branca e O paspallás), ademais de asignarlle título a cada un deles, cousa que non sucede na edición de Lar.

Na introdución de Quintana Viva, o autor fala dos contos coas seguintes palabras:

“Recóllese neste libriño un feixe de follas das que fun escribindo ao longo de medio século de laboría nos eidos, hoxe vizosos, das nosas letras. Son pequenas refendas, en prosa poética, encetadas cos Nenos, narracións do feitío que Castelao soupo axiña soerguer coma ninguén e nomear pra sempre cousas.

Cando vin en Grial, en Gallego 1, en algunha benévola escolma algúns destes contiños meus, coidéi que sería ben ir axuntando os que teñen meirande unidade e mellor espellan o xeito que tivemos os mozos dos anos vinte de enxergare o vivir galego”.

Comisións de Filgueira polas vendas do libro
Os contos, en xeral, deixan un pouso amargo no lector, pois amais de falar das lembranzas felices da nenez atinxen tamén as perdas irreparables. O autor foxe da compracencia á que pode prestarse o tratamento literario da infancia desde as primeiras liñas da dedicatoria da primeira edición:

“Á sagra lembranza dos irmanciños mártires nas terras de Eir-Einn. Dos nenos enxendrados no medo, nascidos no dór, criados na fame. Dos que morréron baixo o ferro alleo. Dos que viviron baixo o alleeiro trebon. Dos que non puideron rir, nin rebuldar ledos como nenos. Dos que choraron a reo; apouvigados como bestas. Dos que ollaron morrer os pais i-os irmans na loita pol-a Patrea e degararon morrér eles. E tamén á lembranza dos fillos dos invasores porque terán de sere mártires da sua noxente cobiza, porque o sangue e as tristuras dos nenos da Irlanda cairán sobór de eles.

Compostela a catro de Febreiro do MCMXXV.”

Este último texto non aparece na reedición da obra en 1971.

Sinopse da obra

O libro fala do mundo visto polos ollos dun neno, onde os detalles ás veces fan un todo e as cousas dos adultos non son máis ca unha referencia, incapaz de abarcar a complexa vida cotiá dun cativo.

Filgueira fálanos de cómo os nenos herdan os odios dos adultos.

Tamén fala dos intres máxicos que marcan a vida dos rapaces. Entre eles, a festa do Corpus; ocasión para estrear traxe e comprender en que consiste o paso do tempo: os pequenos arrepían na procesión ao ver o demo embaixo de San Miguel. Cando medran, o demo, en lugar de arrepialos, prodúcelles risa. Máis tarde ha producirlles tristura ter perdido o medo.

Outro aspecto recorrente nos textos é a conciencia de pertencer a unha clase social. Os nenos ricos e os pobres non xogan xuntos. Os dous espreitan e envexan o outro: un, os xoguetes; outro, a liberdade. Non obstante, as barreiras esboroan, non son impenetrables como sucede no mundo dos adultos, e todo porque un día falaron e desde entón os nenos foron amigos.

Nos contos tamén teñen lugar os pequenos tesouros, como as buxainas; a aventura, que consiste en ir roubar froita nas hortas dos veciños; e os grandes conceptos abstractos e inabarcables, como saber en que consiste esa Hespaña da que falan os adultos e algúns din que hai que salvar, e ao tempo é grande, e ten terras, e non ten cartos…

Por último, no libro hai espazo para os medos: a noite, a morte, a dor… algúns deles esconxurados pola chegada do novo día ou o ladrido ledo do can compañeiro; outros, en cambio, han acompañarnos para sempre.