O LOBO DA XENTE / Martínez Risco, Vicente
4 de xullo de 1925
Lar, revista quincenal; número 10. Imprenta Lar, Real 36 – 1º A Cruña
25 páx. ; 16 cm.
4 de xullo de 1925
Lar, revista quincenal; número 10. Imprenta Lar, Real 36 – 1º A Cruña
25 páx. ; 16 cm.
Vicente Risco recupera en O lobo da xente a tradición do conto popular. Mesmo xoga coa suposta presenza dun narrador contemporáneo dos protagonistas cincuenta anos atrás, apoñendo a historia á tradición oral e incorpora no relato elementos habituais nas lendas: a noite, o lume, os encantamentos, o arreguizo que producen os ouveos do lobo…
A trabe d’ouro e a trabe d’alquitrán é tamén un conto máxico que conecta ao lector co pasado lendario de Galiza. Os mouros representan o paganismo e os heroes e druídas anteriores ao tempo dos romanos agardan a chegada dun redentor que os inicie na fe cristiá para devolverlle a Galiza a sabedoría que atesouran.
Sinopse da obra
O LOBO DA XENTE
Ánxel apaña follas de castiro nun souto, cando escoita falar da presenza do lobo da xente na contorna. O mozo métese no sequeiro, asegurando a porta e recada o machado para defenderse. Logo acende o lume e senta a esperar. Pasado un tempo sente rabuñar na porta. Deseguida escoa nas fendas a pouta grande coma dun oso e o fociño de cairos afiados. Ánxel anícase nun agocho e desde alí espreita entrar o lobo.
Desde o escondedoiro mírao ceibarse do pelexo para que no lugar da fera apareza unha muller chorosa. Ás presas, Ánxel recada a pel cun varal e guinda con ela no lume. A pel, doente, procura fuxir, pero o mozo impídello e ao cabo arde por completo.
A moza cóntalle entón que é filla do señor Farruco de Návea. Cando el morreu, a nai casou con outro home e nunha ocasión, para defenderse do padrasto, a moza levoulle a man cun fouciño. Enfadada, a nai botoulle unha fada da que non podería ceibarse ata perder a pel de lobo.
“Non hai pra que dicir: o conto remata referindo qu’o Ánxel e mail-a moza casaron”.
A TRABE D’OURO E A TRABE D’ALQUITRÁN
O señor Cibrao de Penapetada conta que no couto de Lourido hai unha moura que peitea os cabelos cun peite de ouro. Ela ha darlle o tesouro a quen recolla o peite cando lle caia das mans. Pero o valente ha ter coidado, porque no couto hai dúas trabes: unha de ouro e outra de alcatrán. Quen atope a de ouro ha ser rico, pero se dá coa de alcatrán desatará un incendio terrible.
Bastián e Goriño deciden visitar o couto. Ao velos chegar a moura solta o peite, que apaña Goriño. Despois lévaos ao interior do couto a través dunha galería que conduce deica unha bifurcación. Bastián segue pola dereita e chega diante dunha porta de ferro. Atrás dela están os pais da patria venerados antes da chegada dos romanos. Eles gardan a trabe de ouro, onde está escrita a sabedoría do mundo antigo. Para desfacer o encantamento dos sabios e quedar coa trabe, debe bautizalos vertendo auga encol das súas cabezas.
Entre tanto, Goriño acompaña a moura polo camiño da esquerda, chegando a un lugar encantado que resulta ser o paraíso dos mouros. Despois de agasallalo, danlle un facho acendido e indícanlle o camiño da trabe de ouro, pero no canto dela dá coa trabe de alcatrán e desata un inferno de lapas que pon lume en toda a contorna.
Bastián, a pesar de ficar cego, consegue saír do couto. Anos máis tarde decide contarlle ao fillo que baixo o monte Lourido un fato de homes sabios agardan pola chegada dun salvador e "a quen teña valor pra chegar aló e darll’as augas salutares de baptismo, hanlle dar o que val mais que todol-os tesouros do mundo…”
Ningún comentario:
Publicar un comentario