martes, 25 de setembro de 2012

ANXÉLICA



ANXÉLICA / Vaamonde, Florencio
Nadal de 1925
Lar, revista mensual. Ano 2; número 16. Imprenta Lar, Real 36 – 1º A Cruña
29 páx. ; 16 cm.

Anxélica, novela póstuma de Florencio Vaamonde Lores, apareceu publicada co número dezaseis na colección de novela breve Lar, en decembro de 1925.

Os editores dan conta da morte do autor por medio dunha nota inserida na mesma novela:

“Hoxe honrámonos pubricando a obra póstuma de Florencio Vaamonde, a novela ANXÉLICA que escribíu para LAR sen sospeitar que a morte habíao de ferir treidoramente no momento mesmo en que daba lêtura â sua obra, que viña de romatar, e denantes de lle dar a derradeira man para correxir calquera errata ou modificar algún pasaxe conforme poidera estimar no repaso que tencionaba darlle. Vai pois a novela tal e como a deixóu escrita de primeira intención o chorado amigo, sen o perfeicionamento que ele houbéralle dado derradeiramente, mais inda así belamente escrita; pois Florencio Vaamonde era un dos literatos de mais valer nas letras galegas.

O irmán do finado, noso amigo D. César, engadiulle â noveliña unhas breves notas que xusgóu comenentes para a mellor conocencia dos lugares e persoas que interveñen na historia. É pois este número de LAR un dos mais interesantes de cantos levamos pubricado, e temos aseguranza de que os nosos lêtores así han de o estimaren.”

Vaamonde Lores foi membro da Cova Céltica, establecida na Librería Regional e participou nas fundacións da Academia Galega e da Irmandade dos Amigos da Fala. Como autor cultivou a poesía, a narrativa, o ensaio e tamén a tradución, vertendo os clásicos latinos ao galego.

A súa novela Anxélica pode clasificarse entre as narracións de costumes, adubada ademais cunha chea de referencias históricas sobre algúns feitos destacados ocorridos durante o século XIX e sobre os habitantes das Mariñas.

Sinopse da obra

“Na casa grande de Silvoso reinaba tristeza inmensa”. Xuan de Viladefrancos, o máis fiel criado do señor Fernando de Silvoso e home de vida azarosa, que mesmo loitou no exército de Napoleón, acababa de finar.

Esteban de Salorio, mozo de vinte e oito anos, presentouse como novo criado na casa “e cando viu aquela nena loura, quedou prendado da sua fermosura, pero sen saber que era a ama”.

Anxélica, a filla de don Fernando, “non quedou menos prendada de aquél rapás, figura arrogante, de loura barba, que parecia no seu porte e presencia persoa de categoría se o vestido fose outro”.

Tempo despois e logo dalgúns sucesos que habían influír no futuro da parella, Esteban preséntase diante de Anxélica para informala da súa decisión de abandonar a casa. O pai tiña concertado para el o casamento cunha moza rica.

-      “¿Pero a moza – respondeu vivamente Anxélica – val mais que min?
-      Non señora, coma vosté non val.
-      Pois entón, quédate e casarás comigo.”

Non foi necesario o consentimento de don Fernando. O vello señor morreu de alí a poucos días e o vinte de outono de mil oitocentos trinta e nove celebrouse a cerimonia en Bergondo.

A parella tivo dúas fillas. Pouco despois Anxélica morría dunha pulmonía.

“Estebo quedou desconsolado co’as duas nenas que criou con moito agarimo. Él adeprendera e afinárase moito e o que o vise tan guapo e tan portado e con tan distinguidas maneiras, non cuidara endexamais que fora un aldeán saído de un escuro rincuncho de esquencida aldea”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario