venres, 9 de novembro de 2012

OS PROBES DE DEUS

OS PROBES DE DEUS / Amado Carballo, Luís
31 de Xaneiro de 1925
Lar, revista quincenal. Ano 2; número 5. Imprenta Moret, Marina 28 – A Cruña
32 páx. ; 15 cm.


Os probes de Deus, obra do escritor Luís Gustavo Amado Carballo e publicada en xaneiro de 1925 na colección de novela breve Lar co número cinco, foi o último dos exemplares impresos pola editorial no obradoiro gráfico Moret.


Amado Carballo, poeta, narrador e xornalista, desenvolveu unha obra literaria tan curta como intensa ao longo de seis anos, antes de falecer prematuramente en 1927. Desgraciadamente e ao igual que sucedeu con Manuel Antonio, a morte impediunos coñecer os camiños futuros que había percorrer un dos principais renovadores da poesía galega durante os anos vinte.

Din as xentes que pol-a veira do río unha moza namorada escoita o ecoar das augas nos valgados e o remorso das carballeiras, soñando n’ese tesouro de verbas que nunca mais frorecerán.

Fragmento extraído do prólogo ao libro póstumo escrito por Amado Carballo, “O galo”. Nós, 1928.

Maliaxe. Ed. Alborada, Pontevedra
Os libros de poemas Proel (1927) e O galo (1928) son a carta de presentación do hilozoísmo, escola fundada por Amado Carballo na procura dunha nova expresión poética, resultado da unión entre a vangarda e a poesía tradicional.

Amais destes dous feixes de poemas, Amado Carballo tamén escribiu as narracións curtas: Maliaxe (1922) e Os probes de Deus; relatos que habían ficar agochados baixo a luminosidade da obra poética.

Non obstante, nos textos e particularmente no caso de Os probes de Deus, apúntanse valores literarios notables como a fluidez narrativa, a descrición acertada dos sentimentos e, sobre todo, a intensa humanidade que desprenden; méritos abondo para rescatar esta obra do esquecemento.

Sinopse da obra

Arrombados como trastes inútiles na casa de caridade, os asilados deixan pasar os días sen esperanza. Entre eles está Pedro Lueiro, un vello que vive refuxiado no recordo dos tempos en que respiraba a brisa libre e o corpo “cobraba vida e quentura no rudo traballo d’acotío”.

Perdidos os bens nun preito de foros, Pedro houbo de ingresar no asilo. Desde ese día manifesta a súa xenreira pola felicidade dos que viven fóra. Claro que na casa tampouco é unha persoa sociable e o único residente por quen sente afinidade é Cibrán do Estevo, antigo patrón dun bergantín.

Cibrán ficou orfo cando neno e traballou limpando dornas, recibindo paus e labazadas por todo pago mentres devecía por medrar e saír ao mar como antes fixera seu avó. O día en que por fin embarcou foi o máis feliz da súa vida.

“Os mariñeiros, ollábano coma un compañeiro e mais â hora do xantar, díronlle un xaruto.

-      ¡Fuma rapás! Os pobres fuman, porque eisí comese menos ¿sabes?”

Á volta duns anos, Cibrán era un experto mareante e piloto dun bergantín que percorreu o mundo. Entón comezaron seus problemas co alcohol e o armador despediuno. Despois de pasar polo cárcere foi dar no asilo, onde fala decontino do seu buque con Pedro Lueiro, a única persoa interesada nos contos do vello mariñeiro: “¡Se viras o meu bergantín! Quedabaste parviño!”.

Os dous láianse por ter atopado a miseria nos últimos días das súas vidas; pero mentres que Cibrán garda os recordos do tempo en que percorreu o mundo no barco, Pedro séntese frustrado por non ter saído da aldea onde traballou como xornaleiro.

Os asilados lembran decote tempos mellores “E todos falaban das suas cousas sin ouvirse uns aos outros, para asombrar aos compañeiros, e gostaban da envexa dos que non podían decir outro tanto”.

Os días transcorren nun devalar monótono para eles, perdida toda esperanza, agardando o momento de baixar á cova.

“Días valeiros de utilidade que pasan en penosa procesión de lembranzas prometedoras deixando un amargor nas almas e unha queixa, somente unha queixa, resiñada nos beizos”.

O Nadal, en cambio, é un tempo de ledicia para os vellos. Entón esquecen as tristuras, as dores e a morte, e rezan polos seus pecados. “Levian e tardo o seu rezo, rubía, rubía âs outuras do ceo, como un salmo de humildade”. E senten o agarimo do neno Xesús, valedor dos probes de Deus.

Precisamente durante a noite de Nadal, o laio de Cibrán conmove a Pedro, incapaz de valerlle, que asiste á morte do compañeiro mentres ao lonxe soa a gaita da festa.

“E Lueiro, aniquilado de emoción, sin forzas para erguerse mordía o embozo silenciando os saloucos, e as suas bágoas, salobres e tepedas mollaron longo tempo as sabans do leito”.

Pouco despois Pedro tamén enferma.

“E de novo a vida, a sua probe vida valeira, pasaba nun cortexo de pesares pol-a imaxinación (…/…) A sua vida discurria escondida, esbarando por un rego inalterabel sin torcer nin desviare o seu rumbo decote fixo e igoal camiño da morte que parecía agardalo sin presas”.

Se hai outra vida onde os malos reciban un castigo, el nada ten que recear; e se non houbera, compensado queda por non ter que sufrir de novo outro tanto. Con todo, o que máis magoa a Pedro é ter chegado so a este día, sabendo que ninguén ha recordalo.

“Supetamente sintira un forte dôr no peito cal si unha pedra gravitara encol. A testa fíxoselle pesada e chea de ruidos, como borracho comenzou a falar cousas sin senso… As mans foron crispandose n-un xesto de agarrar.

… Logo, un salayo, un salayo forte, intenso, de felicidade de ben-estar pretórico…

Como saído do fondo d’un pozo, Lueiro morreu ao respirar en libertade…

(…/…) … Unha estreliña correu fuxitiva até se apagar…

… Xa o mestre Prisciliano, vello astrologo das terras de Tyde, dixera outrora, que as ánimas dos mortaes, purifícanse na Lua, dos seus pecados e que as estrelas son símbolos das nosas vidas…”



Ningún comentario:

Publicar un comentario