domingo, 25 de novembro de 2012

DESENGANO


DESENGANO / Pla Zubiri, Xan
Abril de 1926
Lar, revista mensual. Ano 3; número 20. Imprenta Lar, Real 36 – 1º A Cruña
46 p ; 16 cm.

Desengano, a única novela do autor Xan Pla Zubiri, foi publicada na colección de novela breve Lar co número vinte, en abril de 1926.

Pla Zubiri foi un avogado e rexistrador da propiedade natural de Viveiro, que colaborou principalmente como poeta en A Nosa Terra e nas revistas Vida Gallega e Galicia Moderna, entre outras.

A súa breve obra literaria está composta por dous volumes. Ademais da novela citada, tamén escribiu o poema A tola de Covas, impreso en Madrid en 1917.

Desengano é unha traxedia amorosa onde as grandes actitudes, tan do gusto da literatura da época, como son a honra e a fidelidade marcan os actos dos protagonistas, levados das circunstancias, que ven estragadas as súas vidas e ao cabo son vítimas dos seus propios erros.

Sinopse da obra

Deloriñas e Xulián tratábanse desde nenos. Os pais eran mariñeiros e as nais traballaban na mesma fábrica de salgaduras en Celeiro. Aquel trato que tiveron de nenos transformouse máis adiante en cariño, e despois en amor.

Tanto se quirían os dous, que houbo un acordo entr’eles pra non sopararse nunca.

Os mozos entraron a traballar na mesma fábrica de salgaduras, e alí non deixaban de cantar “copras, que un e outro se botaban con moito entusiasmo d’eles e riseiras dos compañeiros, quenes siguían con grande intrés aqueles amores, de forma tan orixinal manifestados”, de xeito que á parella alcumárona os Reiseñores.

Mais a felicidade da parella acabou o día en que a Xulián chamárono para servir a El-rei, e como o mozo non tiña cartos para pagar a redención de quintas, os noivos tiveron que pasar tres anos afastados. A Xulián destinárono a Cuba, “onde estaba en loita España cos «mambís»”.

Ao chegar â Cruña pra s’embarcar, xa vistido de militar, retratouse no xardín do Relleno ante un retratista voandeiro, e mandoulle-los retratos â noiva e ôs da casa.

Culás das Cortes, de mal nome o Lengoretas, decidiu aproveitar aquela ausencia para roldar a Deloriñas. Ela rexeitouno, pero unha noite o Moucho descubriuno gabeando a traseira da casa da moza para petar na súa fiestra e decontado espallou no pobo o ruxerruxe dos amores entre o Lengoretas e Deloriñas.

Deloriñas comunicoulle por carta o suceso a Xulián, quen caera ferido en combate “c’unha ferida de machete que lle collía a testa de parte á parte”.

Seis meses máis tarde, o mozo volveu xa recuperado a Celeiro e Deloriñas recobrou a alegría. Non obstante, advertiuno das malas artes do Lengoretas.

Mira, Xulián, si me queres e me fás caso, tês que seguir meu consello de non te meter co Lengoretas. É mala persoa e pódeste perder co-él. Non val a pena de que te rebaixes a tomarlle conta.

Así llo prometeu e cumpriu a súa palabra até o día en que os mozos coincidiron na taberna. Daquela, os que andaban na corda do Lengoretas provocaron a relea.

Botouse atrás metendo a man dereita na faixa pra sacal-o coitelo. Xulián non lle deu tempo pois collendo unha grosa botella da tanga, descargouna con todal-as suas forzas na chola do Lengoretas o coal caeu como ferido por un rayo, co’as meixelas cubertas de sangue. Acodiron á erguel-o ferido e ouservando un que non folguexaba, escramou a berros: ¡Morto…! ¡Matouno Xulián…!

Xulián fuxiu coa axuda dos amigos, embarcando con destino a América. Alí percorreu varios países e ao cabo instalouse na Habana, capital da nova Cuba independente.

Pasados os anos, Xulián decidiu volver a Celeiro. Cando chegou ao pobo era noite, e ao pasar por diante dunha taberna “sinteu voces de contento, ruxir de vasos e risada que o fixeron deter na porta e escoitar ó que dentro se dicía, â par que guichaba por unha regandixa. Estonzas, veu o Estrobo o Arenque, o Tragapeixe o Sinmedo o Folvaleiro, e tantos outros compañeiros da mocedá e amigos de toda a vida”.

Decontado foi ver a Dolores, quen tiña casado o día anterior co Estrobo.

Cando o cadavre foi alcontrado na barra, ao seguinte día, a noticia da aparición d’un afogado espallouse axiña por aqueles lugares. Ninguén o coñecía (…). Sômente unha persoa. Delores, podería reconocelo, e dicir que a morte d’aquél home fora causada pol-o… ¡¡Desengano!!


Ningún comentario:

Publicar un comentario