sábado, 1 de decembro de 2012

DA TERRA ASOBALLADA


Da terra asoballada / Cabanillas Enríquez, Ramón
11 de maio de 1926
Biblioteca Lírica Lar
86 p ; 18 cm.

A primeira edición do libro de poemas Da terra asoballada escrito por Ramón Cabanillas, publicouse en Vilagarcía de Arousa no ano 1917 na imprenta do xornal Galicia Nueva. Xa que logo, a obra editada por Lar en 1926 é a segunda edición deste libro.

Dos dezanove poemas incluídos na edición de 1917, só catro aparecen de novo na segunda. E se ben as dúas comparten a mesma intención temática, case podemos consideralas como libros diferentes, resultando máis combativa a primeira delas. (1)

Deseguido analizamos as diferenzas entre ambas as dúas edicións deste libro, considerado o máis crítico dos escritos por Ramón Cabanillas; a primeira delas onde abandona o lirismo intimista presente nas primeiras obras para poñer a pluma ao servizo do seu compromiso político; e a segunda, que mestura a denuncia con outros novos poemas cheos de humanidade.

Vento Mareiro

A orixe Da terra asoballada hai que procuralo dous anos antes, coa publicación na Habana de Vento mareiro en 1915. A edición de 1917 recolle cinco dos poemas incluídos neste libro, que non aparecerán posteriormente na obra editada por Lar en 1926. Estes son:

A fouce esquecida
¡Galicia!
No escuro
Acción gallega
Lume no pazo

Malia non tratarse Vento Mareiro dun libro cunha unidade temática definida, si podemos atopar nos poemas citados e tamén noutros do mesmo libro, unha clara denuncia do sistema caciquil e do maltrato recibido por Galiza.

Como exemplo podemos citar os seguintes versos do poema No escuro:

Nas mans as feridoras
cadeas do foreiro!
Ispido, arrodeado
de roxos cans famentos
que con dentes e uñas
gobernan os meus eidos!
(2)

Outro exemplo atopámolo no poema A fouce esquecida:

A cousa das catro
chegaron dous homes
c-o alcalde pedáneo.
Papeles arriba,
papeles abaixo,
esquirbe que esquirbe,
fixéronlle o embargo.

Quedóuse por portas
sin chouza nin agros.
Xa non ten remedio.
Xa está de prestado.

O xermolo do novo libro de Cabanillas está presente nos cinco poemas citados. Pero o seu compromiso político habíase facer aínda máis explícito dous anos máis tarde.

Da Terra Asoballada, edición de 1917

1ª edición de 1917, Vilagarcía de Arousa
Catorce novos poemas completan o feixe recollido en Vento Ferido. Deles, só catro habían pasar a peneira do autor, integrándose na edición de 1926. Algúns dos poemas descartados por Cabanillas seguen o ronsel marcado por Vento Ferido. Outros, en cambio, loan os protagonistas da rexeneración cultural de Galiza.

Os seguintes poemas desaparecen na segunda edición:

A traxedia das follas
A Rosalía de Castro
¡Curros!
¡Pondal!
A Brañas
A D. Manoel Murguía
Hastra a morte
A rosa que sangra
A cadea
A Basilio Álvarez

Son versos combativos que falan da loita contra os caciques, expresada con violencia na Traxedia das follas e particularmente nos versos da Cadea; denuncia da aldraxante situación dos labregos escravizados por compromisos de orixes incertas:

Xa non quedan de Balboa
nin os osos. Nos castelos
solitarios nace a herba.
A terra é un monte de rebos…
¡Soio, a través das mudanzas
e das revoltas dos tempos,
queda a inobre, vergoñosa,
dura cadea de ferro
que fai dobremente escravos
a Galicia i ó labrego!

As loas que renden tributo a persoeiros admirados por Cabanillas son en xeral menos fogosas ca os poemas precedentes, e todas elas desaparecen na nova edición do libro. Non obstante, constitúen unha excepción os versos dedicados a Basilio Álvarez, líder do movemento agrarista, rematados cunha invitación á loita:

Vanse a comprir as vellas profecías…
¡Ven! ¡Ven que te agardamos!
Si hai que matá-lo lobo…
¡Cada home ten un sacho!

Os catro poemas rescatados pola edición de Lar en 1926, son os seguintes:

Meu carriño!
Camiño adiante
En pé!
Diante dunha cunca de viño espadeiro

Nestes poemas Cabanillas defende o arredismo, como sucede no caso de Meu carriño:

¡Non collas pra chan alleo!
¡Non me leves a Castela
que non quero nada d-ela
xa que arrenegóu de nós!

Os versos de Camiño adiante denuncian a emigración, única saída dos galegos afogados pola inxustiza dos foros:

traballará pra redimir seus eidos
crebando sobre as testas dos tiranos
as cadeas que o teñen prisioneiro.

Cabanillas chama á loita no poema En pé! Un dos seus himnos máis coñecidos, onde reivindica a historia heroica de Galiza, recuperada anos antes por Murguía.

¡Irmáns! En pé, sereos,
a limpa frente erguida,

envoltos na brancura
da luz que cai de riba.
o corazón aberto
a toda verba amiga,
e n-unha man a fouce
e noutra man a oliva,
arredor da bandeira azul e branca,
arredor da bandeira da Galicia,
cantemol-o dereito
a libre nova vida!

Por último, Diante dunha cunca de viño espadeiro pecha o volume nun canto ledo coma un esconxuro despois de tanta paixón vertida na palabra, resumindo en versos algareiros o devezo do poeta:

¡Ou, espadeiro amante! ¡Ou, roxo e quente
sangre do corazón da nosa terra!
¡Encende os corazóns dos apoucados!
¡¡Prende lume nas almas, viño celta!!

Da Terra Asoballada, edición de 1926

A edición de Lar de 1926 aporta vinte e un novos poemas sobre os catro procedentes da edición anterior.

Nestas novas composicións Cabanillas afonda no cativo destino de Galiza, posto de manifesto, entre outros, nos poemas Via-Crucis, dedicado a Castelao, e O noso señor Sant Iago.

Os pobos que, ao contrario de Castela, Cabanillas considera irmáns, son recoñecidos nos poemas ¡Irlanda! e Ós escolares lusitanos.

¡Irmáns no sentimento saudoso!
Mocedade da patria portuguesa!
Este homilde fogar galego é voso.
É voso este casal
onde vive a soñar, orante, acesa,
a alma de Galicia e Portugal!

Castela, en cambio, non recibe o mesmo trato amable da parte do poeta, como pon de manifesto no poema Sobredo.

        ¡Galicia encadeada con ferros de Castela
        por fillos treizoeirose por caciques-lobos,
        no teu ceo azuado hai unha nova estrela!
        ¡ardente e sanguiñenta, agoira os tempos novos!

Mais tamén nesta segunda edición hai lugar para o lirismo en poemas como O doce e fiel namorado e mesmo para a exaltación da paisaxe na Calzada de Cambados.

Non obstante, a crítica aceda da primeira edición fica temperada agora e os versos gañan humanidade, como sucede nos poemas ¡Probiña da tola! ou Mal de ollo:

Foi â bocanoite, ô punto
que rompía a estrelecer.

Diante do carro, a pasiño,
c-o rapaz a carón d-él
viña baixando o camiño
que leva ô pinal do Rei.

Os morcegos revoaban
a tecer e destecer
os seus agoiros.

Doída,
unha campana tanguéu.

Súpeto os bois recuaron
e romperon a tremer
c-os ollos arregalados
fitando pra non sei qué.

Tensóu a corda e falóulles:
¡Ei! ¡Qué demo tedes! ¡Ei…!
Mais, ô revirarse, o gando
guindóuno en terra, e fuxéu
muxindo, tolo, abravado,
sempre a tremer, a tremer…

Pasoulle a roda por riba
e pillándoo de través
esmagóulle a arca do peito.
¡Daba compasión de o ver!
¡Quedóu c-os ollos abertos
fitando pra non sei qué!

Ôs berros do rapaciño
chegóu correndo a muller.
¡Pobre! ¡Ficou alelada
sin dar a man nin a pé!

Con tres fillos que caben
debaixo d-un cesto os tres
e coa sogra encamadiña…
¡quén lle terá de valer!

Os bois foron dar ô río
sempre a tremer, a tremer,
c-os ollos arregalados
fitando pra non sei qué!


(1)          Da Terra Asoballada. 25 de xullo de 1917, Imprenta do xornal Galicia Nueva. Vilagarcía de Arousa.
(2)          Vento Mareiro. Editorial Galatea. 1921 – Madrid (2ª edición).


4 comentarios: