sábado, 2 de novembro de 2013

CANTIGAS E VERBAS AO AR



CANTIGAS E VERBAS AO AR / Sigüenza, Xulio
6 de setembro de 1928
NÓS, Pubricacións Galegas e Imprenta. Real, 36-1º. A Cruña
105 p ; 17,5 cm.

O libro de poemas Cantigas e verbas ao ar, obra do escritor Xulio Sigüenza Raimúndez e ilustrado cun fermoso debuxo de Camilo Díaz Baliño, foi editado por Nós na Coruña en setembro de 1928.

En 1957 publicouse unha segunda edición aumentada que pasou a titularse Verbas ao ar. (2)

Sigüenza, escritor e xornalista, desenvolveu boa parte da súa carreira profesional en América. Os versos do seu primeiro e único libro de poemas en galego foron escritos en Montevideo. Durante aqueles anos tamén publicou algunhas poesías en galego na revista Céltiga, editada en Bos Aires e da que foi director.

En 1933 instalouse en Vigo. As súas simpatías polas causas republicana e galeguista valéronlle padecer a represión de posguerra. Valentín Paz-Andrade conta como os dous salvaron a vida en xullo do 36 grazas ao bo xuízo de Sigüenza.

Eu viña escribindo acotío os editoriais no xornal El Pueblo Gallego. (…) non fun levar o traballo persoalmente á Redacción, como denantes viña facendo. Mandeino por man dun empregado, xa que as detonacións que se escoitaban na rúa aconsellaban prudencia. Ao día seguinte El Pueblo Gallego saíu sen editorial. Cando chegara ás mans do redactor xefe, que era Xulio Sigüenza, acordara non publicalo. Foi ao día seguinte cando me din conta da súa abenzoada intuición. Grazas a aqueles minutos de clarividencia que o inesquecente amigo tivo, tanto un como o outro puidemos seguir vivindo. (3)

Para escapar da represión destes primeiros días, Sigüenza deu ao prelo un libro laudatorio titulado Poemas del imperio, do cal chegaron a imprimirse tres edicións. (4)
Cantigas e verbas ao ar é unha obra intensa e apaixonada. Os versos van precedidos dunha sentida dedicatoria do autor.

Adico iste libro das «Cantigas e verbas ao ar», primeiriño que fago na língoa ilustre da Nazón galega, â lembranza perdurabel d’Amado Carballo, morto na mellor xuventude, dempois d’ofrendar â terra en que foi nado, o mais outo libro de versos dos derradeiros tempos galegos.

As tres edicións de Poemas del Imperio
O libro conta tamén cun prólogo asinado en Montevideo por Johana de Ibarbourou, quen di escribir na lingua de seu pai, onde teoriza sobre a espiritualidade saudosa e panteísta que caracteriza a alma galega e, por extensión, a poesía de Sigüenza, quen “ao amar intensamente â natureza concédelle unha alma a imaxe da nosa”.

A poesía de Sigüenza bebe nas fontes da modernidade poética da época. En 1927 Amado Carballo publicou Proel (5) pouco antes de morrer. Este libro influiu literariamente nun mozo Sigüenza, quen inscribe o seu nome entre os poetas da vangarda, que en marzo de 1928 viña de acadar o seu cénit ao publicarse De catro a catro (6). Non deixa de ser curioso que dous días antes da impresión do libro de Sigüenza, Ánxel Casal dera ao prelo O Galo (7), libro póstumo de Amado Carballo.

Por sorprendente que pareza, nos poucos meses que median entre xuño de 1927 e setembro de 1928, a poesía galega entrou de súpeto na modernidade da man duns mozos que aínda non fixeran os trinta anos. (8)


Os poemas das Cantigas e verbas ao ar foron escritos entre 1927 e 1928. A obra comeza por estes últimos, entre os cales resulta máis doado apreciar a influencia de Amado Carballo sobre a poesía animista de Sigüenza, quen procura humanizar, non só a natureza, senón tamén o universo. Tamén formalmente é unha poesía de vangarda, tanto pola disposición dos versos como polo uso da linguaxe. Os poemas de 1927, en cambio, son máis diversos. Os primeiros versos podemos cualificalos como clásicos. Non obstante, xa contra o final do libro vólvense abertamente vangardistas e amosan a evolución do autor, con seguridade influído pola lectura de Proel.

Sinopse da obra

Os poemas de 1928 están agrupados en distintos epígrafes. Os primeiros agrúpanse baixo o lema Dos ermos astraes, e comezan polo poema Cabras.

As cabras da Vía Láctea
tiraron ao monte hoxe;
o cabreiro vai
                     con sono,
meténdose na noite. (…)

A maioría son poemas instantáneos de catro versos.

Igoal qu’unha institutriz
a lua,
        anémica e tola
leva en ringleiras as estrelas
pol-o camiño da escola.

E aínda o Carecol.

Com’un carecol,
                        a lua
ten dous cornos amarelos…
Sobor dos ermos astrais
deixa baba de loceiros.

O segundo epígrafe dos poemas de 1928 é Sports. Son versos deportivos entre os que atopamos o poema Foot-ball.

And’á brincar pol-os ermos
a roxa bola do sol,
i-os campanarios da vila
vánxe xogar ao futbol. (…)

O terceiro epígrafe recolle os poemas Verbas ao ar.
Caeu a lúa nas augas
i-a dorna,
              que vai pescar.
esnaquizouna na noite
coma si fora un cristal. (…)

Os poemas de 1927 están agrupados no epígrafe Do amor. Algúns poemas de feitura clásica fálannos do amor. Outros conectan cos versos da primeira parte do libro, como por exemplo o poema Ki-ki-ri-ki, que pecha a obra.

Com’un foguete d’estalo
nas maos da noite á nascer
o ki-ki-ri-ki do galo
pendura no estrelecer.

(1)  Fonte da imaxe de Xulio Sigüenza: realacademiagalega.org
(2)  Verbas ao ar. Segunda Edición. Talleres de El Faro de Vigo, 1957.
(3)  Valentín Paz-Andrade, a memoria do século XX. Tucho Calvo. 2011. Biblos. Cesuras, A Coruña.
(4)  Poemas del imperio. Julio Sigüenza. 1ª Edición, Editorial Cartel, Vigo. 1938. 2ª Edición, Editorial Faro, Vigo. 1938. 3ª Edición Editorial Faro, Vigo. 1939.
(5)  Proel. Luís Amado Carballo. Xuño de 1927. Editorial Alborada, Pontevedra.
(6)  De catro a catro. Manuel Antonio. Marzo de 1928. Nós, A Coruña.
(7)  O Galo. Luís Amado Carballo. Setembro de 1928. Nós, A Coruña.
(8)  Manuel Antonio publicou con 28 anos De catro a catro; Amado Carballo tiña 26 ao publicar Proel e Xulio Sigüenza viña de facer 30 cando deu ao prelo Cantigas e verbas ao ar.


Ningún comentario:

Publicar un comentario