A ILLA DE ONS / Das
Casas, Álvaro
1934
Nós, Pubricacións Galegas e Imprenta. Rúa do Vilar, 15. Santiago
Nós, Pubricacións Galegas e Imprenta. Rúa do Vilar, 15. Santiago
18 p ; 27,5 cm.
O traballo sobre A
illa de Ons do escritor Álvaro María Casas Blanco forma parte das publicacións do Seminario de Estudos Galegos e
foi impreso como separata da revista Nós en 1934.
Álvaro das Casas foi un destacado difusor da ideoloxía
galeguista e fundador dos Ultreia – mocidades
do Partido Galeguista –. Tamén exerceu como ensaísta, narrador, poeta e,
principalmente, dramaturgo.
A editorial Nós editou simultaneamente o traballo sobre a
illa de Ons como separata exenta e tamén apareceu incluído no número dobre
131-132 da revista Nós,
correspondente á xeira novembro-decembro de 1934.
Esta monografía constitúe con toda probabilidade o traballo
de entrada de Álvaro das Casas no SEG e nela realiza o primeiro estudo
etnográfico coñecido sobre Ons.
Revista Nós 131-132 |
A illa de Ons carez
de bibriografía; apenas unha lixeira reprenza nos dizonarios e mais ren. Rivera
e Vázquez non falan dela, moi pouco Murguía, Rodríguez González pouco mais fai
que nomealas o mesmo que Gallego Armesto o mestre Otero Pedrayo, tan compreto
sempre, adícalle uns comentarios casi telegráfecos; Xurxo Lourenzo adícallos
brebísimos (sic) e Xoán Carballeira fáille uns reportaxes no Pueblo Gallego
mais sen saírese do senso xornalísteco que os motivaba.
Tanto esquecemento dos estudosos move ao autor a ocuparse
das illas, que cualifica como un dos recantos máis atraentes e interesantes do
país, expresando o desexo de que este traballo sirva como punto de partida para
outros estudos máis profundos.
A illa abránguese
nunha ollada que conmove e apaixoa: verdecente como a Erín das lêndas, ergueita
como un castelo, cinguida de escumas e salseiros pol-o crebar impoñente das
ondas nos cantís esgrevios; semella unha nao mitolóxica a pregar o rosario das
illas do poente.
Sinopse da obra
O estudo está dividido en dez apartados: xeografía,
historia, habitación, xente, supersticións, lendas e contos, xantares, festas,
relacións xocosas e cancioneiro.
Respecto da xeografía,
o autor fala da situación da illa e da súa morfoloxía. Tamén sabemos que é
propiedade de Didio Riobóo, quen
reside nela logo de comprala por trescentas mil pesetas.
A metade N. da illa
é probe, pouco habitada e tristeira; a do sul rica, fermosa, máis habitada e
leda (...) moran na illa 59 veciños facendo un total de 418 habitantes que se
xuntan en 64 casas. Non hai crego, nen médeco, nen botica, pero si escola (...)
os veciños moran na illa de aluguer e pol-a terra teñen de pagar renta ao Sr.
Riobóo; non teñen ren nen a casa en que moran. Recollen moi boas colleitas e
axúdanse co peixe que abonda moito nestas costas.
Das Casas non manexa información
histórica sobre o lugar. Recolle as novas de Xaquín Lourenzo, quen fala da presenza de dous castros e algunhas
mámoas, e identifica un deles, o chamado Castelo
dos mouros que o autor tiña visitado antes na xeira en barco dos mozos
Ultreia. (2)
Cornide di que a Ons
e a Onceta son as Insulae deorum de que fala Ptolomeo. Outros fánnas dúas das
dez Casitérides de que fala Strabón, e Murguía quer amostrar que a Ons é a
Aunios de que fala Plinio.
A illa estivo deshabitada até comezos do século XIX cando
foi repoboada por tres familias chegadas de Loira apelidadas López, Piñeiro e Comesaña. Os colonos rebeláronse contra o propietario, o marqués de Valladares, quen quixo
desaloxalos e a piques estivo de morrer na revolta.
As casas dos
habitantes das Ons son de piso baixo, con planta rectangular e chan de terra.
O dono ten divididos
aos veciños en duas castes asegún a casa que teñen e a renda que pagan: os mais
antigos e ricos labouran uns cincuenta ferrados e ocupan un casal, os mais
probes, fillos que se foron emancipando por casorio os mais deles, labouran de
15 a 20 ferrados e ocupan unha caseta.
Sobre as xentes
indica que “son tristeiros, pechos en sí, receosos,
desconfiados”.
As mulleres
traballan a terra de sol a sol. Os homes érgense con noite e saen ao mar;
voltan de pesca ao meio día; xantan unha caldeirada e vanse a labourar na
terra; cean unha cunca de caldo e déitanse moi cedo. Os nenos teñen conta do
gando e axudan aos pais na pesca e nos traballos da terra. Non cantan nen
xogan: son tristeiros de seu.
O autor afirma que este é un dos lugares galegos onde
persisten máis supersticións. Tamén
anota varias lendas e contos e dá
conta dos xantares típicos nos días
sinalados como a compota, as filloas e o bandullo. A única festa importante é a de Pascua, cando a mesa fica posta desde a
mañá até o solpor.
O traballo escolma por último as cantigas populares que Das Casas afirma son acompañadas polo son do
pandeiro.
Ao pasar as illas de
Ons
acórdacheme meniña,
agora que van pasadas
coma si nunca che vira.
acórdacheme meniña,
agora que van pasadas
coma si nunca che vira.
Vai dehí pernas de
cabra,
pantorrillas de carneiro;
si queres falar conmigo
busca fianza primeiro.
pantorrillas de carneiro;
si queres falar conmigo
busca fianza primeiro.
Bailador que andas
bailando
sacude ben os calzóns,
que parece que traes neles
un ferrado de abellóns.
sacude ben os calzóns,
que parece que traes neles
un ferrado de abellóns.
Adeus as illas de
Ons
con ventanas e vidreiras,
non me pesa de mais nada
senón das mozas solteiras.
con ventanas e vidreiras,
non me pesa de mais nada
senón das mozas solteiras.
(1)
Fonte da
imaxe de Álvaro das Casas: bvg.udc.es
(2)
A xeira
dos Ultreia tivo lugar entre os días 1 e 13 do mes de xullo de 1932. O grupo
viaxou a bordo do paquebote Xaquín Pérez, percorrendo as rías baixas desde
Muros deica Vigo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario