DOUS
FOLK-DRAMAS / Yeats, W.B.
28 de marzo de 1935
Nós, Santiago de Compostela
Nós, Santiago de Compostela
30 p ; 24,3 cm.
A obra dramática Dous
folk-dramas do escritor William Butler Yeats foi impresa pola editorial Nós na rúa do Vilar de Compostela en
1935.
O libro reúne dúas pezas: Catuxa de Houlihan (Cathleen ni Houlihan) e O país da saudade (Land of Hearts, Desire), traducidas ao galego
por Plácido R. Castro (2) e os irmás Antón (3) e Ramón Villar Ponte (4).
C’o pensamento posto
nos coros enxebres pillamos d’un horto da Illa Verde co’a fouce druída do luar
estas flores que enfeita o orballo celta da saudade, común a todol-os pobos da
mesma raza, para ofrecerllas vizosas logo d’as ter transplantadas con labrego
agarimo â nosa doce língoa atlántica feita salaios d’amor nos Cancioneiros. (parágrafo extraído do prólogo)
Yeats,
natural de Dublín e premio Nobel de literatura en 1923, foi un dos protagonistas
do rexurdimento literario irlandés e impulsor do teatro nacional irlandés. Seguindo
esta iniciativa, Antón Villar procurou establecer anos máis tarde as bases do teatro nacional galego apoiándose nos
textos fornecidos polos novos escritores dramáticos (Antón Villar, López
Abente, Álvaro das Casas, Armando Cotarelo, Vicente Risco, Ramón Otero...) e
nos Cadros de Declamazón formados
por afeccionados e establecidos por todo o país.
Plácido R. Castro, Antón Villar e Ramón Villar |
Antón Villar conta
no prólogo do libro que o teatro galego aínda non tiña saído dos primeiros
balbucidos e mantiña como guía a literatura dramática castelá, “que xa era calco servil â sua vez da pior e mais serodia
literatura escénica do mundo”. O uso do galego na escena serve para
facer proselitismo da lingua, pero esta intención non abonda para crear un
teatro propio.
Este é o problema
que Yeats, Synge e outros poetas irlandeses resolveron mergullándose na lagoa
da saudade, común ôs pobos celtas, para ouviren os sinos da tradición con
ouvido virxe e gracia santificante, cando xa se coidaban aqueles totalmente
perdidos no sereo acougo do espello azul dos orixes. (parágrafo extraído do prólogo)
A identificación de Galiza con Irlanda non resulta casual
na intención dos correlixionarios de Villar Ponte. Unha vez determinada a orixe
común dos pobos nos referentes míticos establecidos por Murguía, o movemento de liberación irlandés pasou a ser visto con
simpatía pola elite galeguista da época como exemplo de arredismo dun pobo
irmán, membro da mesma nación celta que integra Galiza.
Na segunda metade de
1920, sobre todo despois da morte do alcalde de Kork por folga de fame, o
conflito nacional irlandés pasou a ser o centro de atención de todas as
chancelerías e de todos os nacionalistas europeos e as Irmandades tomaron o
asunto coa importancia que realmente tiña. A influencia do Sinn Féin no
nacionalismo galego deses días é tanta que o seu nome, que significa «nós» ou
«nós mesmos», serviu para nomear a revista de Risco e Castelao, a exposición
das láminas do rianxeiro e apareceu a partir de aí como unha palabra totémica
que se multiplica nos manifestos, prosas e versos de todo o nacionalismo
galego. (5)
A música e o teatro irlandés identificáronse co
rexurdimento do espírito celta, poñendo en valor a capacidade artística deste
pobo. No caso do teatro: Synge, O’Casey e Yeats foron os dramaturgos máis aclamados.
As pezas escollidas para esta tradución son Land of Hearts, Desire, estreada en
Londres en 1894 e unha das pezas máis representadas do autor e Cathleen ni Houlihan, estreada en
Dublín en 1902; drama onde a vella Cathleen representa, en palabras dirixidas
polo autor á tamén dramaturga Lady Gregory, “a
Irlanda en cuxa honra tantas lendas e tantas cantigas se teñen feito e pola
redención da cal moitos homes deron a vida”.
Sinopse da obra
Catuxa de
Houlihan
Interior d’un
cottage en Killala; pol-o ano 1789.
Bríxida e Pedro Gillane miran a roupa de noivo de
seu fillo Miguel que está a piques
de casar con Delia Cahel.
Nunca matinei que
tivese un fillo que poidera locir traxes tan galanos na data da sua boda, e que
fose, endeben, tan escelente partido para unha moza.
Unha vella sube o camiño. No lugar fálase dunha
forasteira que visita o país na véspera da guerra. Desde o pobo chega o
balbordo e Patricio, irmán de
Miguel, sae da casa para saber que está pasando. A vella chega á casa dos
Gillane e entra para acollerse ao lume da lareira.
Pedro. Que tristura debe ser o non tere un leito
propio para poder acochárenos n’ele.
Probiña. Xa pasano moitos tempos desd’a data en
que eu escomencei a pelengrinare pol-o mundo.
Bríxida. Abofé é estrano que non estendes mais
acabada con tanto andare por eses mundos del Señor.
Probiña. Cecais teña os pes cansos e as mans
quedas pro o coraçón non atopa acougo nin repouso. Cando a xente óllame asín
tranquía, coida que a vellés ténme pillado e que todal-as inquedanzas fuxiron
de min. Pro, de súpeto, a anguria e a dolore son a me abraiare, e entón
desacougada vou falar ôs meus amigos.
Bríxida. E que é o que vos fai andáredes a rolo,
coma quen dí, pol-a vida, d’acó para aló?
Probiña. O habere moitas xentes alleas na miña
casa.
A vella amósase magoada por térenlle roubado os seus catro
campos verdes (Leinster, Ulster, Connaught e Munster) e canta para recordar os
que morreron polo seu amor.
Probiña. Algúns dos que teñen morto xa vai pra
centos d’anos, pra séculos, sen falar d’outros que han morreren mañán.
Os Gillane ofrécenlle cartos á vella, pero ela rexéitaos.
Precisa dun bo corazón que se lle ofreza. Os que queren axudar a Catuxa, a filla de Houlihan e “teñen as fazúlas bermellas, terán as fazúlas
enmagrecidas e marelas, por mor meu, pol-a miña culpa, pro halles parecer que
recibiron boa paga”.
Miguel ten agora a mirada de lume. Bríxida tenta retelo
ao carón dela recordándolle a voda, pero el está enfebrecido. Patricio volve
traendo as novas do pobo: os franceses desembarcan en Killala. Tamén Chega
Delia e pídelle a Miguel que non marche, pero el non escoita.
Miguel, céibase
súpetamente de Delia e corre â porta: fica alí á escoita, como aluarado;
despois bótase fora para seguir â Vella. Bríxida aloumiña a Delia que chora e
salouca tremelante nos seus brazos.
Pedro. (Collendo a Patricio pol-o brazo) Di: ti
viches unha vella que baixaba pol-o camiño?
Patricio. Non: pro vin unha moza que camiñaba
com’unha raíña.
O país da
saudade
O logar da aición na
baronía de Kilmacowen, no condado de Sligo, e nun tempo antergo.
Martiño, Xoán e Bríxida, da familia Bruin,
sentan a carón da lareira nun casal xunto co pai Hart. Bríxida boura no seu fillo Xoán porque Maruxa, a nora, soña decote coas fadas en
lugar de traballar.
Unha man peta na porta e acena por Maruxa, quen acude
levando unha cunca con leite.
Maruxa. Unha vella velliña, com’outra non vin en
ningures toda enfeitada de verde.
Un vello pídelle entón lume e Maruxa acéndelle a pipa. Bríxida
teme que a nora teña entregado a casa ao poder das fadas e relea con ela,
mentres Maruxa pide ás fadas que veñan ceibala da casa triste onde vive, sempre
bourada pola lingua aceda da sogra.
Fóra cantan e bailan os espíritos cativos. Martiño sae da
casa e trae canda el a fada meniña. Todos fican engaiolados diante da súa
beleza e simpatía. Ela ten a palabra xusta para cada quen.
A nena. Chamoume eiquí alguén, mandei os meus
mensaxeiros por leite e por lume; voltou a chamárseme e entón viñen eu.
A fada veu procurar a Maruxa para levala ao seu mundo de
xente leda. Os Bruin e o Pai Hart relean co poder da meiga, pero Maruxa déixase
tentar polas súas promesas e morre decontado.
Xoan. ¡Ela morreu; está morta!
Bríxida. Arrédate desa imaxe; fóronse o corpo e a
i-alma. Botáchel-os brazos arredor d’unhas follas apiladas pol-o vento ou do
tronco d’un freixo que tomou a sua figura.
P. Hart. Asin pillan a sua presa os espíritos do
mal, case da mesma man de Deus, e de día en día seu poder faise maior, moito
maior, e os homes e as mulleres abandoan ôs vellos camiños honestos porque a
fachenda ven a petar nos seus coraçóns c’os cotenos tentadores.
(1)
Fonte da
imaxe de W.B. Yeats: es.wikipedia.org
(2) Plácido
Ramón Castro del Río.
Intelectual galeguista. Foi un dos primeiros tradutores á lingua galega das
obras clásicas da literatura universal durante os anos vinte e trinta. Tamén foi
unha das voces galegas das emisións da BBC para Galiza nos anos da ditadura. Fonte da imaxe: igadi.org
(3)
Antón Villar Ponte. Xornalista, político e escritor; principalmente
dramaturgo. Favoreceu o espallamento dos Cadros de Declamazón, instrumento do
teatro nacional galego para achegar o idioma ao público e, particularmente, ao
público urbano. Promoveu a fundación das Irmandades da Fala. Foi un dos
artífices do tránsito do rexionalismo ao nacionalismo. Fonte da imaxe: realacademiagalega.org
(4)
Ramón Villar Ponte. Intelectual galeguista vinculado ás Irmandades da Fala.
Foi fundador da agrupación de Ferrol e dirixiu a editorial Céltiga. Xornalista
e ensaísta, tamén exerceu como alcalde de Viveiro durante a Segunda República. Fonte da imaxe: realacademiagalega.org
(5)
Ramón Cabanillas. Crónica de desterros e saudades. Luís Rei. Editorial Galaxia. Vigo. 2009. Pp 224-225.
Ningún comentario:
Publicar un comentario