sábado, 6 de setembro de 2014

COMO FALAN OS BRAÑEGOS



COMO FALAN OS BRAÑEGOS. SERIE I / Noriega Varela, Antón
20 de setembro de 1928
Nós, Pubricacións Galegas e Imprenta, Real 36-1º. A Cruña
Volume XVII
109 p ; 17,5 cm.

O libro Como falan os brañegos. Serie I escrito por Antonio Noriega Varela foi impreso pola editorial Nós na Coruña en setembro de 1928.

A obra leva o longo subtítulo: Locucións, frases, modos adverbiás, unha leria pr’os rapaciños, refráns, cantares i-adiviñanzas. Máis de mil exempros.

Noriega Varela traballou como profesor en Foz desde 1901, entrando en contacto co Agrarismo de Basilio Álvarez e tamén colaborou con Antón Villar Ponte na redacción dun xornal contrario ao caciquismo. Exiliado desde 1911, primeiro en Calvos de Randín e logo en Trasalba polas súas simpatías coa loita agraria, coñeceu a Otero Pedrayo e outros membros da Xeración Nós, entrando da man de Otero en contacto co galeguismo e coa literatura portuguesa. En 1926 viaxou á montaña luguesa con destino na escola de Santa María Madanela da Graña de Vilarente, no concello de Abadín, onde escolmou entre os labregos os ditos populares que serviron para dar ao prelo a obra Como falan os brañegos.

Os durísimos invernos da graña de Vilarente foron minando o corpo e o espírito do autor, chegando mesmo a perder o seu optimismo natural. (2)

Ao cabo, con 62 anos trasladouse á escola de Chavín, próxima a Viveiro, onde permaneceu até a súa morte.

A etapa do mestre en Chavín vai coincidir coa Segunda República e logo coa guerra civil española. Diante destes acontecementos posicionase claramente e sen ambigüidades. Coherente coa súa liña ideolóxica tradicionalista, opúxose á República e ás medidas secularizadoras tomadas por esta. (3)

Vendo en perigo a ideoloxía tradicionalista na que acreditaba, Noriega simpatizou cos militares e políticos que deron o golpe de estado en 1936, poñendo os seus versos ao servizo dos sublevados.

Como falan os brañegos compila os ditos populares da montaña luguesa, reunindo locucións, refráns, cantigas e adiviñas, en particular da zona mindoniense.

Noriega Varela deu ao prelo cantares populares e adiviñanzas da bisbarra mindoniense no Boletín da Real Academia Galega en 1912, ademais de noutras publicacións galegas do momento, como Nós −coa que colaborou nos números iniciais de 1920−, Vida Gallega −na que apareceron diversas entregas ao longo de 1931− ou O gaiteiro de Lugo −para o que escribiu en 1933. Pero o seu labor como colector salienta, sobre todo, nas monografías A Virxen y-a paisanaxe. 100 cantigas populares (1914) e Como falan os brañegos (1928). (4)

O poeta amosou sempre desconfianza polo galeguismo político e particularmente pola organización das Irmandades da Fala. No seu xuízo o uso do galego escrito debía relegarse ao eido do lirismo poético. Respecto da lingua manifestou un código fiel ao uso popular do idioma, enfrontado á estandarización lingüística no que el cualificaba como “barbarismos atroces das Irmandades da Fala”.

De feito, non estivo conforme coas modificacións efectuadas por Ánxel Casal na imprenta sobre o manuscrito do libro.

A súa fidelidade a este modelo de lingua fica patente nas correccións manuscritas que el mesmo realizou no exemplar de como falan os brañegos dedicado a Couceiro Freijomil (5), onde rexeita calquera alteración do seu sistema ortográfico ou das súas escollas morfolóxicas e léxicas; así escribiu na portada da obra: “Da Real Academia Gallega lo puso el editor sin mi permiso; y Antón por Antonio; unllas (muchas veces), por uñas; i, por y; locucións, por locuciós; adverbiás, por adverbiales; refráns, por refrás; etc., etc.;” Tamén corrixe sistematicamente man por mau, ou com’un, com’unha por com’on, com’onha, etc. (6)

Resulta curioso ver como o libro identifica o autor como membro da Academia de Sciências de Portugal, do Instituto Histórico do Minho e da Real Academia Galega, onde foi recibido en 1927, e Noriega unicamente manifesta a súa desconformidade con este último título.

Escolma da obra

O libro vai precedido dunha cita de Rosalía: “e n’habendo deprendido en máis escola qu’a d’os nosos probes aldeáns”, seguida dunhas frases de presentación escritas por tres amigos do autor:

Noriega invita a seguir o traballo en todal-as rexiós de Galicia. É de precisión urxente. Cada vello que vai â cova leva consigo un anaco vivente do falar do pobo (Ramón Otero Pedrayo).

Lo exclusivamente ortográfico es bien poca cosa ante lo que resta por hacer. La sintáxis genuinamente gallega está desapareciendo. Nuestros giros peculiares, nuestros modismos, apenas si aparecen por ahí. (Couceiro Freijomil).

Lo que hay que hacer es saber gallego. Sabiéndolo se sabe escribir y hablar como es debido, y no se va uno por el campo de la arbitrariedad inconsciente (Cotarelo Valledor).

A primeira parte do libro está escrita a xeito de dicionario de expresións e frases feitas e recolle os xiros populares da fala propia da contorna de Mondoñedo e a súa tradución ao castelán.

Mesmo nalgúns casos o autor opta por traducir as expresións unicamente ao latín (andar com’os bois no monte: omninó nudus / cerral-o ollo: natura debitum solvere / terse teso con alguén: firmiter fortiterque obsistere).

Deseguida escólmanse algunhas entradas:

Abrir. Abreunos a porta i-a arca. Abreunos a porta a manga i-a ancha: Nos recibió con los brazos abiertos.
Atortubigar. Engurrarse ou atortubigarse: Abatirse.
Andar. Anda comigo de cacho pra cribo, ou andan comigo ás tarabeladas: Me traen a mal traer.
Arrimar. Arrima ós cás as paredes, ou fala redondo com’os homes: Es una mujer de rompe y rasga.
Comulgar. C’o que aquí me das non comulga un gato: Eres un miserable.
Comer. Está ben sentado, come bon torrón, ten boa mai ou zuga bon teto: Así dicen os brañegos en presencia de un robusto árbol que está plantado en tierra fértil.
Desorballar, ou tomal-a parva: Beber aguardiente por la mañana en ayunas.
Dar. Daba lume c’os dentes, ou fendía nubes: Renegaba como carretero.
Dar. ¡Alabado sea Dios que te deu! Eres muy lerdo.
Estar. Estás unha acabación feita: (a unha moza) Estás muy flaca y extenuada.
Haber. Hay roupa extendida: Están niños delante.
Ir. Ir ó calexo: Ir a coger hierbajos entre los surcos del centeno.
Mangar. Mangalo cazo: Holgazanear.
Trastallar. Trastallaba as pedras ou trastallaba o corazón: Movía a la piedad.
Valer. Non val farrapo de gaita: No vale un diablo.
Vir. Non veu a pías: No recibió el bautismo.
Volver. Volver pol-a fouce á casa: Apartarse de la mala vida.
Zumbar. Zúmballe! Eso sí que lle zumba! Requiebro intraducible.

O libro complétase cunha achega de refráns, cantares e adiviñas.

Atreverse. O que non s’atreveu, nunca en boa cama durmeu.
Comer. Carne de calceta que a coma quen a meta.
Cantar. Ben canta Marta despois de farta.
Faltar. Onde canta un crego, moe un muiño, e ornea un burro, nunca falta un peso duro.
Chover. Chove, chove, na aira do probe.
Saber. Todos me saben do viño qu’eu bebo; pr’o non saben da sede que teño.

(1)    Fonte da imaxe de Antonio Noriega Varela: lavozdegalicia.es
(2)    A poesía bélica de Noriega Varela e tres poemas apócrifos. Xosé Ramón Freixeiro Mato. En Xesús Alonso Montero e Miro Villar, Guerra civil e literatura galega (1936-1939). Xerais. Vigo. 2006.
(3)    Ibidem anterior.
(4)    Da fala dos brañegos. Literatura oral do concello de Abadín. Ofelia Carnero, Xoán Ramiro Cuba, Antonio Reigosa, Mercedes Salvador. Servicio de Publicacións da Deputación Provincial de Lugo. Lugo. 2004.
(5)    Antonio Couceiro Freijomil. Polígrafo natural de Pontedeume. As súas obras máis coñecidos son a Historia de Puentedeume y su comarca (1944) e o Diccionario bio-bibliográfico de escritores gallegos (1951-1953). Os textos deste autor sobre a lingua e a literatura galega están escritos en castelán. Distinguiuse por axotar decontino desde a prensa contra o galeguismo político e, particularmente, contra as Irmandades da Fala.
(6)    Ibidem nota 2.



Ningún comentario:

Publicar un comentario