ESTEBO/ Xosé Lesta Meis
1927
Biblioteca de Novelas Lar. A Cruña
Biblioteca de Novelas Lar. A Cruña
296 p ; 19 cm.
A novela Estebo do escritor Xosé Lesta Meis foi impresa por Lar na Coruña en 1927.
O libro está dedicado ao alcalde
da Coruña Manuel Casás Fernández e
inaugurou a Biblioteca de Novelas da
editorial Lar, da que non chegaron a editarse novos exemplares porque poucos
meses máis tarde habíase producir a separación entre Leandro Carré, propietario da editorial, e Ánxel Casal, encargado da administración, continuando Nós o labor editor de Lar.
En xaneiro de 1926 a Revista Mensual Lar
publicou co número dezasete a novela curta Manecho
o da Rúa (2), onde Lesta Meis recrea a súa propia experiencia na
emigración cubana.
Esta novela recibiu moi boa
acollida entre a escasa crítica que se ocupou dela (3). Non obstante, por tratarse da
primeira obra literaria do autor e tamén pola limitación de espazo que impuña o
formato da revista Lar, Lesta non desenvolveu cumpridamente os ambientes que
acompañan a narración.
Recolleu o autor de Manecho o da
Rua, moitas loubanzas. D’aquela alguén laiouse de qu’estas pubricaciós de
pequenas novelas, afogaban o xérmolo d’asuntos que desenrolados sen limitación
d’espazo, poderían dar novelas grandes das qu’a literatura galega tanto precisa
pr’o seu espallamento. (4)
O autor incide en Estebo na mesma idea tratada en Manecho
o da Rúa, nunha novela que, sen chegar a ser autobiográfica, dá conta
das experiencias do autor na emigración, nun tempo en que non era habitual
transformar esta terrible experiencia en materia literaria (5) como ben expresa o crítico
anónimo da revista Nós (Quizais Vicente Risco): Reside
o seu principal intrés n-iste punto da emigración, no que nos dí dos qu’están
alá.
Xosé Lesta Meis foi un dos mellores narradores da súa xeración malia ter
deixado unicamente tres libros debido a súa morte prematura aos 43 anos, todos
eles editados por Ánxel Casal. (6)
Obra literaria de Xosé Lesta Meis |
Estebo é unha novela de costumes
inserida na corrente naturalista que puxeron de moda, entre outros, Galdós, Blasco Ibáñez ou Emilia
Pardo Bazán, onde Lesta fala como sempre da súa aldea de Eirís, hoxe integrada na Coruña,
detallando polo miúdo os costumes e a vida da xente caracterizada pola pobreza,
a solidariedade comunitaria e a relixiosidade inocente.
 man direita está Eirís, coas suas casas vellas,
de paredes e tellados escuros, cos cumes esfondados algunhas, â beira de
corredoiras fondas entre arbres que contan os anos por pares de ducias.
Ademais deste documento sociolóxico
de valor histórico e documental notable, Lesta tamén describe as miserias da
emigración cubana e as transformacións que esta experiencia produce nos
protagonistas.
Sinopse da obra
O relato comeza coa descrición da
vida na aldea.
Era unha aldea como de medio cento de casas,
separadas unhas d’outras por hortas, cortiñas, corredoiras e tarreos. De lonxe
coasemente non se vía mais que unha dúcia. Pero según se entraba n-ela íbanse
descubrindo na volta d-unha corredoira, detrás d-unha arrimada, ô abrigo de
figueiras, â sombra d-un parral ou ô socaire d-un loureiro.
Nunha casa de labregos acomodados
viven o tío Mingos e a siña Marica cos seus catro fillos: a
espelida Lela, Farruca, a baril Gorecha
e Estebo.
Estebo é un mozo nugallán e
consentido que aborrece o traballo da terra.
N-esta terra non hai máis que fame. Eu vexo que o
que vai á fora nunca ven mal. Chega ben posto, con bo traxe, boa leontina no
reló, e todo o mundo o agasalla. Aquí está un traballa que traballa desde o
abrir do día hastra a noite pecha e nunca sal da miseria.
O tío Mingos morre nun accidente
e a siña Marica confia a Estebo o goberno da casa, pero o mozo non é quen de
afacerse ao traballo e dous anos máis tarde embarca rumbo a América.
Unha mañán do mes de Outeno, despois de bicalo
moito e darlle apretas sua nai a mais suas irmás, foi Estebo carreteira abaixo
cara â Cruña. Levaba o mellor traxe que tiña. Nos petos o demo de cousas, e a
cabeza chea de carabullos. Embarcaba aquela mesma tarde.
A viaxe nos camarotes de terceira
resulta penosa. Unha vez chegado á Habana e logo dunha azarosa experiencia,
deixa a vila para traballar no enxeño
Conchita.
Un campo grande; no medio e medio do campo ó
inxenio, ou sea a fábrica de facel-o zucre. E por alí arredor, separados do
inxenio, casupas de madeira, coartuchos, onde vivían os traballadores (…) A
xente que se vía andaba esfarrapada, descalza, coirosa, famenta. Parecía non
haber un carto.
Estebo traballa polo caldo e bourado polos capataces unhas terras que non son da súa propiedade. E daquela comezou a zafra: “Notábase âs
léguas que se iba entrar n’outra vida máis ampria, máis grande, máis rica”.
Don Vicente, un xornalista de paso pola zafra, escribe as
cartas que Estebo envía a Mari Pepa,
mentres Adela responde en nome da
moza de Estebo. E así comezan a cartearse Vicente e Adela por medio dos mozos,
poñendo nas letras todo o seu idealismo.
A zafra acaba coa saúde dos
traballadores. Cando remata, Estebo embarca de volta a Galiza acompañado por
Vicente.
Nos doce días que durou o viaxe, Estebo conoceu
algús compañeiros que se fixeron amigos d’él. Viña o barco cheo de xente. O
máis d’eles estiveran de catro anos pr’arriba en Cuba. Eran traballadores.
Tamén, pouco bo traían que contar. Ben se lle vía. Viñan feitos esqueletes.
Poucos eran os que non se lle podían contal-os ósos sin moita dificultá. O
peito e máil-a barriga non se sabía que fora d’eles. As costas tíñanas enriba
dos hombros.
Na terra agarda por estes
emigrantes fracasados a miseria que deixaron atrás antes de se embarcar, pero agora
a maiores perderon a saúde.
Estebo chega a casa polo mes de
Santiago. Cura as fames e comeza a traballar arreo nos eidos. “En poucas semanas virou o lugar co d’arriba para abaixo.
Os bois estaban folgados e gordos. Tiraban pol-o arado como nada. Puxo todas as
terras en movimento”.
Adela e Vicente casaron. Tamén
Estebo e Mari Pepa.
Un pouco máis aló, Estebo alindaba os bois â corda.
Don Vicente ouviulle esta cántiga, no vello estilo da aldea:
Non hai terra como a miña.
Nin casa como a que eu teño;
N-ela viviron meus pais,
N-ela os meus fillos naceron.
Nin casa como a que eu teño;
N-ela viviron meus pais,
N-ela os meus fillos naceron.
(1)
Fonte da
imaxe de Lesta Meis: Abellas de
ouro. Grandes Mestres. Xerais, 1982.
(2)
Manecho o da Rúa. Recensión publicada nos Libros de Ánxel Casal en
outubro de 2012.
(3)
“Manecho o da rúa de Xosé Lesta Meis, é a historia ben malfadada por certo,
d’un emigrante, un mociño da aldeia a quen leva pra Habana a cobiza do lonxe, com’o difunto Viqueira
chamaba â Saudade, e que volta coa saudade d’un amor e os asomos d’unha vida que
deixou aló, e remata por tomar veneno. A presentación da nai do Manecho e a
pintura da vida infernal e anguriosa dos traballadores dos inxenios, son
páxinas naturalistas âs que non estamos moi afeitos, mais que âs 18 páxinas
desaparecen xa, deixándonos outra vez no terreo onde nos movemos adoito. Ten
acertos e verdade esta noveliña”. Revista
Nós nº 26. Febreiro de 1926.
(4)
Revista Nós nº 47. Novembro de 1927.
(5)
Antón Villar Ponte utilizou a emigración como tema literario antes que
Lesta Meis na peza teatral Almas mortas,
publicada pola editorial Céltiga en Ferrol no ano 1922. Outros autores como
Ricardo Carballal (O tesouro acobillado.
Terra a Nosa. El Noroeste, A Coruña. 1919) usaron a emigración como marco
literario, pero sen afondar no drama dos emigrados.
(6)
Manecho o da Rúa. Lar, A Coruña. 1926; Estebo. Lar, A Coruña. 1927; Abellas
de Ouro. Nós, A Coruña. 1930 (recensión sobre este libro publicada nos
Libros de Ánxel Casal en decembro de 2013).
Ningún comentario:
Publicar un comentario