O BUFÓN D’EL REI / Vicente Risco
18 de febreiro de 1928
Nós, Pubricacións Galegas e Imprenta. Real 36-1º. A Cruña
Nós, Pubricacións Galegas e Imprenta. Real 36-1º. A Cruña
47 p ; 17,3 cm.
A peza O bufón d’el Rei incluída na colección de Teatro Galego da editorial Nós e escrita por Vicente Martínez-Risco e Agüero foi impresa na Coruña en 1928.
O Bufón d’el Rei. Drama en catro pasos, recibiu o premio da Festa da
Lingua Galega celebrada en Compostela en 1926, organizada pola Liga de Amigos
de Santiago.
O teatro foi unha das ferramentas das Irmandades da Fala para normalizar o
uso do galego nos ambientes urbanos. Moitos intelectuais galeguistas forneceron
textos dramáticos destinados aos cadros de afeccionados. Non obstante Vicente Risco non traballou con
intensidade este eido creativo, pois esta é a única peza dramática coñecida do
autor.
Nela Risco preséntanos o Bufón, un personaxe cohibido,
prisioneiro nun corpo eivado, pero convencido da súa superioridade intelectual
sobre os membros da Corte.
Na peza teatral O bufón de El
Rei pode que haxa un amargo autorretrato, alguén de corpo
débil e mente inquisidora e poderosa. (2)
Alén diso, o texto expresa a
miseria moral do Bufón, quen actúa por vinganza e envexa contra a raíña e o
cabaleiro “fermoso e forte e de sonados feitos”.
A obra pódese considerar como un estudio de
deformidade física e moral e da súa interrelación. (3)
O Centro Dramático Galego levou a escena a obra no Teatro Principal
de Ourense en 1997 baixo a dirección de Manuel
Guede e con Xosé Manuel Olveira
“Pico” no papel do Bufón. A valoración do director sobre o texto orixinal
que el mesmo adaptou resulta pouco favorable.
O texto de Risco é complexo e precario. É áspero e
con problemas de estrutura dramática. É brevísimo e, sen embargo, pretensioso.
Quere opositar á totalización. Retórico. Con fallas narrativas de aprendiz e
incoherencias na súa armazón que delatan a quen descoñece os mecanismos
elementais do xénero ou a quen non a deixou madurar suficientemente, co
obxectivo de presentalo ás présas a algún concurso teatral. (4)
Particularmente, aprecio este
xuízo abondo rigoroso cos méritos do texto, pensado en inicio para ser
representado por un cadro de afeccionados coa intención de sacar o idioma
galego do rexistro chocalleiro e folclórico ao que estaba reducido no teatro (5), e que non foi concibido para
dar soporte a unha, daquela impensable, grande montaxe escénica.
Sinopse da obra
Primeiro Paso
O Bufón e o capitán Guindamor
conversan.
O Bufón: O Capitán i-o
Bufón diferéncianse no emprego que lle dan âs suas necedades: Vós Señor Capitán
consagradeslla ô azor, eu adico a miña ô Rei. Non hai outra distancia.
O Bufón rexeita a súa condición de monstro, sentíndose cativo dunha vida que non pediu
e ama en segredo á raíña Iolanda, namorada do capitán Guindamor. Ofendido, o
Bufón informa o rei do encontro entre os amantes.
El-Rei: Digo que mañá pol-a noite, viremos da vila eu e mais
ti, soliñol-os dous, colleremos eiquí catro dos de mais fianza, e pillarémolos.
E farei xustiza sen que ninguén se decate. Vaite!
Segundo Paso
A raíña e Guindamor parrafean na terraza do pazo.
Yolanda: Ouh, Guindamor, ten coraxe deic’a fin; lévame
d’eiquí, andemos acocharnos moi lonxe, cos piratas das illas cobertas de
brétema... Eu teño moito medo eiquí...
De súpeto entran na escena El-Rei, catro homes armados e o Bufón para deter
os amantes.
O Bufón: Alá vai todo!... Ouh, a cobra acochada antr’a
ramallosa, antr’as roseiras froridas! A salamántiga ponzoñosa!... Maldito,
maldito bufón!
Terceiro Paso
Guindamor será executado contra o abrente. O Bufón visita o cabaleiro na cela.
Bufón: Eu fun, Guindamor, eu fun quen vos descobríu, quen
vos persigueu, quen axexou noite e día atrás de vós, atrás de Yolanda pra vos
pillar no allo; eu fun quen levou ô Rei da mau pra que vos atrapara e vos
botara a pouta de ferro... Guindamor, toda a vosa vida foi de rosas, mais eu, O
Bufón, o monstro, o portento, eu fun o vencedor.
Guindamor: Xá o sei, Señor Bufón; xa o sei, e perdóovos pra que Deus me perdoe a mín.
Guindamor: Xá o sei, Señor Bufón; xa o sei, e perdóovos pra que Deus me perdoe a mín.
O Bufón afirma telo entregado por odio, por envexa, por vinganza e non por
lealdade ao Rei. Porén, o cabaleiro perdóao e sinte compaixón. Como
último favor entrégalle o anel da raíña e pídelle que llo devolva.
Cuarto Paso
Ortruda, a dama da Raíña, recibe o Bufón para desenmascaralo: o Bufón é o
duque Galehaut de Kerganor.
Galehaut foi primoxénito do duque Lisuarte, e sendo “xorobado, torto pra un lado, feo, nin podía montar d’acabalo com’os
homes, nin podía co-as armas” temeu perder o morgado da casa e acordou
desfacerse do irmán Tintagil entregándollo a uns cómicos de paso. Daquela o pai
botouno da casa e Galehaut transformouse no bufón do Rei.
Os cómicos venderon a Tintagil a un fidalgo e co tempo armouse cabaleiro,
chegando ao reino co nome de Guindamor.
Iolanda recupera o anel e despreza o raposeiro Bufón.
O Bufón: Raíña Yolanda! Eu vin eiquí homildoso i-arrepentido
cumpril-a derradeira vontade do que vai morrer por vós!... Nada vos debo!
Despreciado fun toda a vida pra qu’agora me firan vosos aldraxes!... Raíña
Yolanda! O duque Galehaut de Kerganor amouvos coma ningún outro pod’amar n-iste
mundo. De feo puña medo miralo, i-era bufón d’El Rei. Outro aventureiro trunfou
no voso querer, e fíxovos faltar â fé xurada no altar. Mail-o bufón vingouse...
Mañá o cadávre martirizado de Guindamor queimarase ô lume das brasas, e as suas
cinzas irán â esterqueira. Canto a vós, Yolanda, morreredes d’unha doenza
estrana d’eiquí a un día ou dous. Vos, Ortruda pediredes esmola pol-as rúas da
vila, pol-os carreiros e nas portas das eirexas... Abofé qu’a venganza é dina
d’un Kerganor.
A Raíña: Golod! Golod!
O Carceleiro: Que manda a miña señora?
A Raíña: Colle a iste maldito e bótao da torre abaixo. Que volva pr’o inferno d’onde surtíu!
(O carceleiro agarra ô Bufón, e guinda co-il pol-a fenestra).
A Raíña: Golod! Golod!
O Carceleiro: Que manda a miña señora?
A Raíña: Colle a iste maldito e bótao da torre abaixo. Que volva pr’o inferno d’onde surtíu!
(O carceleiro agarra ô Bufón, e guinda co-il pol-a fenestra).
(1)
Fonte da
imaxe de Vicente Risco: bvg.udc.es
(2)
Vicente Risco, tráxico bufón, intruso perturbador. Suso
de Toro. El País. 28 de xaneiro de 2011.
(3)
galegos.galiciadigital.com/gl/vicente-martinez-risco-y-agueero
(4)
Memoria dunha montaxe: a propósito de O
bufón de El Rei.
Manuel Guede Oliva. Centro Dramático Galego. Revista galega do ensino – nº 18 –
febreiro de 1998.
(5)
O Decreto de Separatismo publicado en 1923 polo xeneral Miguel Primo de Rivera, só permitía a utilización das chamadas
neste documento legal "linguas rexionais" en representacións de tipo
ruralista e folclórico. As obras que escapaban destas tendencias podían ser
publicadas, mais non levadas sobre o taboado, debido a que a súa difusión no
papel era moito menor que na escena, posto que estas pezas serían lidas por
minorías cultas xa convencidas do ideario galeguista. Conservatorio Nacional de Arte Galega. galipedia.org
Ningún comentario:
Publicar un comentario