sábado, 9 de agosto de 2014

D. JOSÉ RODRÍGUEZ GONZÁLEZ (O MATEMÁTICO DE BERMÉS)



D. JOSÉ RODRÍGUEZ GONZÁLEZ (O MATEMÁTICO DE BERMÉS) / Aller, Ramón M.
1929
Nós, Publicacións Galegas e Imprenta. Real, 36 – 1º. A Cruña
71 p ; 24 cm.

D. José Rodríguez González (O matemático de Bermés), separata exenta dos traballos do Seminario de Estudos Galegos elaborada por Ramón María Aller Ulloa, foi impresa pola editorial Nós na Coruña en 1929.

Este texto escrito en castelán constitúe o traballo de ingreso de Aller no Seminario de Estudos Galegos, presentado o 5 de novembro de 1928 e tamén foi incluído no terceiro volume dos Arquivos do SEG.

Ramón Aller foi un crego que exerceu por vocación como matemático e astrónomo. A el débese a construción do primeiro observatorio estable galego en Lalín no ano 1912, no edificio que actualmente ocupa o Museo Municipal Ramón Mª Aller.

Era tal a produción científica no pequeno establecemento lalinense que no estranxeiro pensábase que nese Observatorio traballaba un amplo número de astrónomos. Non obstante, como dicía D. Ramón, coa ironía que o caracterizaba, “o persoal redúcese á unidade”. (2)

Aller publicou varios traballos científicos editados nos Arquivos do SEG (3)

En el mes de junio de 1928 tuve el honor de recibir la visita de varios miembros del Seminario de Estudios Gallegos de Santiago los cuales, en medio de animada conversación y caldeados sin duda por el entusiasmo de sus investigaciones en estas tierras de Deza, creyeron que yo podía ser un investigador más y… héme aquí comprometido a escribir sobre o matemático de Bermés. (4)

Rematada a Guerra Civil, Aller incorporouse á Universidade primeiro como profesor da que máis tarde sería Facultade de Matemáticas da USC e logo como primeiro catedrático de Astronomía da institución.

D. José Rodríguez González (O matemático de Bermés) foi o traballo máis extenso dos escritos por Aller para o SEG e nel debulla a biografía deste home ilustrado e singular no seu tempo.

Uno de aquellos genios que de raro en raro forma la Providencia para los conocimientos sublimes.

Sobre Rodríguez ficaron algunhas lendas na terra de Deza onde naceu, como que cando tiña que resolver un problema complicado paseaba gardando o equilibrio sobre unha trabe acanalada instalada por riba dunha congostra e destinada a conducir a auga dunha leira a outra.

Rodríguez non viviu para transmitir a súa sabedoría, senón para adquirir decontino novos coñecementos. Por este motivo viaxou por boa parte de Europa engaiolado polas novas disciplinas como a mineraloxía ou a astronomía e deixou unha cativa obra escrita. O labor docente enfastiouno e abandonou as obrigas como catedrático valéndolle o alcume de lacazán por parte do claustro, como el mesmo recoñeceu.

Politicamente, Rodríguez foi liberal e defensor da constitución de 1812, enfrontado “ás xentes amigas das lúgubres tinieblas”.

Sólo una obcecación pudo sacar de quicio, constitucionalmente, a un hombre así; y bien lo demuestra en sus últimas cartas al ver la amargura que le causan no sólo los “locos fanáticos” sino los “furiosos”.

Sinopse da obra

José Rodríguez González (5)
José Rodríguez naceu en Santa María de Bermés, parroquia do concello de Lalín, en 1770 e morreu en Compostela en 1824.

Estudou no seminario de Monforte e máis tarde obtivo o título de bacharel en filosofía, cursando a carreira de teoloxía en Compostela. En 1801 obtivo a cátedra de matemáticas da facultade de Medicina.

O propio Rodríguez manifesta nunha carta dirixida á universidade dominar “medianamente los ramos de arizmetica, algebra, geometría, trigonometría plana y sublime, curvas algébraicas y calculo diferencial, integral y el de las variaciones xuntamente con los principios de mecánica hydrostativa, astronomia y aplicación respectiva a dichos ramos”.

En 1803 o claustro concedeulle permiso para viaxar a París “con el objeto de perfeccionarse y extender sus conocimientos”. Alí foi comisionado para executar medicións xeodésicas da costa española, sendo pioneiro na triangulación da costa mediterránea. Nos seus traballos, Rodríguez demostra a elipticidade dos meridianos terrestres, refutando as medicións anteriores e aproximando con maior precisión do que se fixera antes a forma irregular da terra.

La Tierra es un elipsoide achatado por los polos y abultado por el Ecuador, como había afirmado Newton y comprobado las mediciones geodésicas.

Logo dunha breve estancia en Compostela en 1812 para facerse cargo da cátedra, viaxa a Alemaña e Francia coa intención de continuar os estudos, desoíndo as reclamacións do claustro de Compostela na que lle pedían que atendese as obrigas docentes.

Desde Francia actuou como provedor de aparellos tecnolóxicos por conta da universidade, entre os que enviou uns anteollos acromáticos encargados por Fontán, e tamén visitou Italia e Suíza para desenvolver traballos sobre mineraloxía.

Neste tempo conseguiu unha colección de modelos cristalográficos agasallo do abate Haüy, fundador da cristalografía, que logo da súa morte ficaron depositados na universidade de Santiago.

En 1819, Rodríguez deixa definitivamente vacante a cátedra e incorpórase como profesor de Astronomía ao Museo de Ciencias Naturales de Madrid, encargándose da organización do observatorio madrileño, o cal non tiña dotación económica e os ingresos procedían principalmente dos demandados almanaques que incluían predicións. Non obstante, os impresos polo matemático tiveron pouca difusión e constituíron unha ruína económica.

En Asturias no se ha vendido uno, y en Orense muy pocos, a pretexto de que los Curas influyen en las gentes, diciéndoles que el Calendario de este año es hecho por un republicano; expresiones que me refiere el Comisionado de aquella Ciudad, así como aquí la mayor parte de los que lo compran, quitan las hojas de lo que trata de política, y tan solo se quedan con las Lunas y Santos; esto es para que vea usted adonde llega el fanatismo de estas gentes.

Rodríguez non agachou a súa militancia republicana e a simpatía pola constitución de Cádiz, ao tempo que rexeitaba o escurantismo clerical.

En último resultado será preciso acabar con Canónigos, Prelados, y con toda la demás canalla religiosa; y volver a regenerar esta clase tan respetable, y tan necesaria para el estado.

O matemático prestou xuramento como deputado elixido por Galiza o 7 de marzo de 1821, entrando no Congreso onde traballou en prol da constitución dunha quinta provincia galega, que había ter a súa capital en Compostela.

En 1823 fuxiu a Portugal logo do final do Trienio liberal e pouco despois volveu xa enfermo a Galiza, onde morreu en setembro de 1824 e foi soterrado na igrexa de Santo Agostiño de Compostela.

A separata remata dando conta da tradución do inglés do traballo máis coñecido de Rodríguez.

Observaciones sobre la medición de tres grados del meridiano dirigida en Inglaterra por el teniente coronel William Mudge.

Neste texto Rodríguez maniféstase en contra das conclusións de Mudge sobre a triangulación xeolóxica de Inglaterra e Gales.

O autor sabe da existencia doutros escritos polas referencias de Fontán, quen foi alumno de Rodríguez, pero os documentos do matemático perdéronse logo da súa morte.

Para coñecer información máis precisa e actualizada sobre José Rodríguez podes consultar nesta ligazón o texto de Margarita Barral en CulturaGalega.org

 
(1)    Imaxe de Ramón María Aller: usc.es
(2)    Docobo Durántez, José Ángel ([2012], “Ramón María Aller Ulloa”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 03/08/2014] [URL: http://www.culturagalega.org/albumdaciencia/detalle.php?id=237.
(3)    El observatorio astronómico de Lalín y sus coordenadas geográficas (Arquivos III, 1929), D. José Rodríguez González (o matemático de Bermés) (Arquivos III, 1929), Programa del observatorio de Lalín (Arquivos IV, 1932), Constantes de un instrumento paraláctico (Arquivos IV, 1932).
(4)    Esta nota incluída na monografía escrita por Aller alude á xeira dos membros do Seminario polas terras do Deza coa intención de preparar un volume interdisciplinario semellante ao editado en 1933 sobre a Terra de Melide, que neste caso non chegou a editarse.
(5)    Fonte da imaxe de José Rodríguez González: Barral Martínez, Margarita ([2012], “José Rodríguez González”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 04/08/2014] [URL: http://www.culturagalega.org/albumdaciencia/detalle.php?id=313


Ningún comentario:

Publicar un comentario