venres, 21 de decembro de 2012

O MARISCAL


O MARISCAL. Traxedia histórica en verso 
Cabanillas Enríquez, Ramón
Villar Ponte, Antón
Cebreiro Martínez, Álvaro (debuxos)
31 de agosto de 1926
Lar, Real 36 – 1º A Cruña
187 p ; 16 cm.

A peza dramática O Mariscal, escrita por Ramón Cabanillas e Antón Villar Ponte, con debuxos de Álvaro Cebreiro, saíu do prelo de Lar en agosto de 1926.


A segunda edición deste libro imprimiuna a editorial Nós tamén na Coruña, agora sen os debuxos de Cebreiro e con formato de revista. Esta segunda edición imprentouse coincidindo coa estrea da obra, con música de Losada e escenografía de Camilo Díaz, o 31 de marzo de 1929. (1)

A primeira edición do Mariscal vai precedida dun prólogo que desaparece na edición de 1929, onde os autores manifestan o seu interese por pescudar no mítico “como elemento auxiliar da pedagoxía”, renunciando a rexistrar fielmente os sucesos históricos.

Acouguen os homes graves de sangue espíritoal frío que andan ao estudo da Hestoria pol-a Hestoria, e termen de se non encabuxaren co’a leitura desta obra. Para eles O MARISCAL pode ser cousa sen valimento que fique ao marxe da sua seriedade. Para nós ten a forza xermoladora do mítico que leva feito mais pol-o progreso dos pobos que todol-os datos hestóricos perfeitamente contrastados.

2ª edición d'O Mariscal. Nós, 1929
Fica pois de manifesto que Cabanillas e Villar Ponte decidiron poñer a traxedia de Pedro Pardo de Cela ao servizo da ideoloxía promovida polas Irmandades da Fala, conscientes do seu carácter simbólico.

Mortos Murguía e Brañas, abandeirados do Rexionalismo, o novo tempo do galeguismo habían marcalo os postulados nacionalistas, cerna ideolóxica das Irmandades. Desde esta nova plataforma, a elite impulsora do movemento continuou o labor iniciado polos rexionalistas, contribuíndo a establecer os símbolos unificadores da colectividade.

Resulta obvio que entre eles tivese especial importancia a figura histórica de Pedro Pardo, símbolo da resistencia dos galegos fronte á asimilación castelá e mitificado na memoria do pobo, sempre disposto a compadecerse das derrotas e as mortes tráxicas.

Para acadar este obxectivo, Cabanillas e Villar Ponte utilizan dous elementos de fondo arraigo popular, como son o teatro e as cantigas de cego. Non resulta casual que os autores presenten a obra como un romance cantado por “un vello cego de romances, co’a zanfona, e unha mociña loira que o guía. Adoviados ô xeito de hoxe”.

Esta descrición do prólogo coincide coa imaxe da capa da segunda edición. A primeira, en cambio, reproduce o debuxo da “Mariscala”; cadea que segundo a tradición aferrollou a Pardo de Cela, cinguida darredor da cruz de Santiago, símbolo de toda Galiza.



Sinopse da obra

Acto Primeiro

Amaro e Elvira parolan nunha corredoira. Amaro está enrolado no exército de Lois Mudarra e devece por derrotar o Mariscal:

Preto está o día grorioso
no que o pendón castelán
na Frouseira e en Castrodouro
se erga lucente e trunfal,
cantando a nosa vitoria
sobor da hoste aldeán,
d-eses probes mesnadeiros
do soberbio Mariscal.

Elvira, en cambio, serve en Castrodouro e declárase fiel ao Mariscal “en quen temos os galegos rei, amo, señor e pai”.

O mozo ofrécese a Mudarra para axudalo a franquear a porta do castelo servíndose dos amores con Elvira. Logo de tecer o engano, Amaro entra en Castrodouro disfrazado de cego e promételle a Elvira que ha levala canda el despois de caer a Frouseira.


¡Pra levarte â miña beira
ten de finar esta loita,
ten de caír a Frouseira!

Ela acepta, “soio pol-o noso amor”.

Acto Segundo

A noite do sete de Nadal de 1483, Pedro Pardo cita en Castrodouro a Alfonso Yañez, dono do pazo; Pedro Miranda, curmán do Mariscal; Pedro Bolaño, señor de Torás; e o seu fillo Pedro.

O Mariscal quere informalos do pacto de neutralidade concertado entre o sogro, o conde de Lemos, e os casteláns.

        ¡Eisí rompe Pedro Alvarez Osorio
        a nobre tradición da súa casa!


Tampouco poden contar co apoio dos vellos aliados das casas de Andrade, Monterrei, e Altamira.

        ¡Deixalos ir a unha!
        ¡Alá c-os seus cativos pareceres!
        ¡Proveito arranxarán, honra ningunha!


Os que permanecen fieis xuran seguilo até a morte. Cando os cabaleiros marchan, Elvira anuncia a chegada do cego:

Un vello
de cabaza e de saial,
pol-o traxe pelengrino
e pol-o xeito aldeán,
chegóu âs portas do pazo
e eiquí cubiza de entrar.

Amaro preséntase como un enviado de Pedro de Soutomaior, quen está exiliado en Portugal. Raposeiro, achégase ao Mariscal e logo dáse a coñecer:

        ¡A vos mesmo busco, e son
        un soldado castelán,
        un dos lobos de Mudarra
        a quén ninguén restará
        a groria de ter collido
        prisioneiro ô Mariscal!


Mudarra entra na peza e apresa os cabaleiros para levalos a Mondoñedo xunto con Pedro Pardo. Cando todos saen, Amaro despídese dos criados, subornados por medio de Elvira.

        
        ¡Até sempre ou até nunca!
        Con razón ou sin razón
        por Sabela de Castela
        e Fernando de Aragón.


        Até sempre ou até nunca!
        ¡Que mais quixera o treidor!
        ¡Até nunca, non! ¡Hai mais!
        ¡Até didiante de Dios!


Acto Terceiro

A escena desenvólvese na cadea de Mondoñedo, onde comparten cela Pedro Miranda, o Mariscal e máis o fillo.

¡Sí! ¡A Frouseira
será espiña chantada eternamente
na entraña de Castela
Dios e o esforzo galego virá un día,
que nos vínguen con honra!

Xuana e Beatriz, as fillas do Mariscal, infórmanos da saída da nai cara a Valladolid para pregar o perdón dos reis.

        ¡O galego
        ten de obriga ser valente!
        Mais que aquí faredes fora;
        e c-o perdón xa sabido
        viredes darnos a embora
        e a bicarme.


Os prisioneiros non saben que o bispo Fadrique e Lois Mudarra deron a orde de axustizalos decontado, temendo a previsible chegada do indulto. Daquela, unha visión anúncialles a súa morte e o lugar que lles reserva a historia.

        ¡Sede dinos de vós e a nosa Terra!
        ¡Dios fica pra sempre â veira vosa!
        ¡Da cadeia, que inxusta vos aferra,
        en cada anaco nascerá unha rosa!


Dous cóengos disfrazados agardan a chegada de dona Sabela preto de Mondoñedo e pídenlle que acougue onda eles. Agora o indulto non é necesario porque o pobo impediu a execución e os inimigos fuxiron.

Cando Pedro Bolaño sae da vila na procura da Mariscala e descubre o engano, xa é tarde. En Mondoñedo os sinos tocan a morto.

DONA SABELA

¡Todo
de sangue está tinguido! ¡As tres cabezas
rolan pol-o taboado! ¡O sangue! ¡O sangue!
¡Cómo deita, meu Dios! ¡Moven os beizos!
craban en min doentes os seus ollos
que xa viron a morte!

¡Enche a cibdade
o sangue! ¡Corre a regos pol-as rúas!
¡Cobre o val…! ¡Chega ô ceo! ¡Tingue as nubes!
¡É un mar de sangue roxo…!

¡Ou! ¡O verdugo
penduradas da man, pol-os cabelos,
amostra ô povo as pálidas cabezas!
¡Rube o mar! ¡Rube o mar de sangue ardente!
¡É o sangue dos meus!

¡Señor! ¡Piedade!

BOLAÑO

¡Xa trunfache Castela! ¡Xa venceche
do brazo co-a traición e co-a inxusticia!

¡Señor e Pai! ¡Túa groria ôs que caíron
e piedade pra nós e pra Galicia!

O Mariscal. Lênda tráxica en verso (Segunda edición). Ramón Cabanillas / Antón Villar Ponte. Nós, 1929. 47 p. 25 cm.

sábado, 15 de decembro de 2012

XELO, O SALVAXE


XELO, O SALVAXE / Fernández Armesto, Felipe
Xullo de 1926
Lar, revista mensual. Ano 3; número 23. Imprenta Lar, Real 36 – 1º A Cruña
27 p ; 16 cm.


Xelo, o salvaxe, novela breve escrita por Felipe Fernández Armesto e publicada co número vinte e tres na Biblioteca Lar, saíu do prelo no mes de xullo de 1926.

Fernández Armesto foi, principalmente, un xornalista, aínda que tamén escritor, que con dezaoito anos comezou a escribir no Pueblo Gallego de Vigo.

Baixo o pseudónimo Augusto Assía traballou como correspondente de La Vanguardia nos anos previos ao comezo da Segunda Guerra Mundial, primeiro en Berlín e logo en Londres. Máis tarde había exercer o xornalismo durante os anos do franquismo e as primeiras décadas da democracia.

Como escritor en lingua galega publicou a novela curta Xelo, o salvaxe; unha narración dificilmente clasificable, onde o autor narra a vida arroutada de Xelo, un mozo dotado dun magnetismo especial, capaz acadar todo o que cobiza e dono dunha moral propia, afastada dos usos dunha sociedade que el estuda como un entomólogo interesado nun grupo de insectos.

O libro, como sucede noutros volumes da colección, está precedido dunha nota dos editores:

NO 25 DO SANTIAGO DÍA DE GALICIA

Día de Galicia. Día santo dos nosos amores, porque é o día consagrado â Terra, â familia, â amistade; â todo canto amamos e nos axusta nunha comunión espritual d’enxamais, satisfeitas cobizas.

Neste día, lumioso coma un facho dos antigos chans, compre que enviemos o noso saúdo á todol-os nosos irmans galegos. E sirva temén o noso «viva» para os alentar nas suas loitas cotiás coa vida; como á nós, os saúdos e alentos que de cote recibimos, dannos azos para, esquecendo miseirentos axes, proseguire adiante na nosa sementeira que a dar froitos vizosos nun tempo non lonxano.

Ata o d’agora, levamos pubricadas en LAR 22 noveliñas que nada teñen que envexar âs pubricadas por análogas empresas d’outras terras. Unha mocedade culta e acuciante de groriosos viceiros contribuíu ao esprendor de LAR axudando a labor dos vellos e xa prestixiados escritores, e agardamos que á cada paso a novela galega, a novela escrita na fala da nosa terra, prosiga o seu camiño trunfal conforme as nosas pubricaciós vaian espallándose, acollidas con interés e con agarimo en todol-os casares de Galicia.

Mais non é sômente esta a nosa labor: a imprentación d’outras obras de maor importancia como a Biblioteca Lírica, a Biblioteca Teatral e a de grandes Novelas que xa encomenzamos á dar á luz cos tomos No Desterro e Da Terra asoballada, de Cabanillas, e O corazón d’un Pedaneo de Carré, ao que seguirá O Mariscal de Cabanillas e Villar Ponte, e outras interesantísimas e valiosas produciós dos mellores escritores galegos, merecen tamen a atención dos nosos amigos e de todol-os bôs galegos. E axiña encomenzaremos igualmente á imprentar un Dicionario Galego, que tanta falla está facendo.

A Biblioteca do Seminario de estudos Galegos, de Santiago, con orixinaes de Filgueira, Castelao, Cabanillas, Otero Pedrayo, Cotarelo, etc. e a revista de cultura galega Nós, son asimesmo editadas por LAR.

Véxase pois como LAR, que ten xa dous anos de vida intensa e xurdía laboura, continuará, coa axuda de todos, que nos non cansamos de solicitare, contribuindo grandemente ao arrequecimento das letras galegas.

Saúde e ¡Terra a Nosa!

Sinopse da obra

O autor preséntanos a Margarida, a moza señorita do pazo de Manzalvos, e a Xelo: “Xelo nacera de furtado”, fillo dunha moza do val e un fidalgo novo.

Xelo medrou ceibo, capitaneando os fatos de rillotes e odiando intensamente todo principio de autoridade, e en particular a escola.

Xelo e Margarida querianse, eran noivos, eles nunca se o dixeran pero eran-o.

Xelo traballaba no pazo ás ordes de don Laureano, o pai de Margarida.

O día da malla, os mozos coincidiron na adega. “Non se dixeron nada, apertaron o peito d’un contra o d’outro e xuntaron os labres. Cando ambos voltaron a cabeza, surrindo lediciosos, toparon na porta, coma unha mueca, a figura desacougante da tía Micaela, que tiña prendido na faciana barbuda, coma unha telaraña, un xesto de bulra crudel”.

A tía Micaela era unha esmoleira con sona de meiga. Sentada na aira, non afastou a vista de Xelo mentres durou a malla.

Non sei quen mandou á tía Micaela por unha regadeira d’auga a fonte do lameiro.

Xelo non era home de vacilacións. Cando foron na procura da tía Micaela, atopárona aboiando nas augas da poza.

Despois pasou o tempo da sementeira, o outono e o inverno. Durante aquel tempo, Xelo leu moito seguindo os consellos de Margarida. Pero se houbo algún libro que influíu nel, foi o Emilio de Rouseau, “se é que en Xelo se podía influír”.

No mes de abril, don Laureano enviouno a Vigo para que aprendese a manexar un automóbil, porque tiña en mente comprar un deses trebellos. Xelo prometeulle a Margarida que a cidade non o había cambiar. Non obstante o temor da moza era outro:

Non temo que a cibdade te conquiste a ti, senon a contraria, que ti conquistes a cibdade.

A cidade non impresionou a Xelo. Ao pouco de chegar escribiulle unha carta a Margarida para tranquilizala. A cidade era para el “un afán de dar voltas. A cibdade non eisiste. Podes estar tranquía, os pantasmas a min non me inmutan, e esto é un pantasma”.

En pouco tempo aprendeu todo o necesario sobre mecánica e os compañeiros elixírono presidente da súa asociación, admirados pola personalidade do mozo. Agora non podía deixar Vigo. Os xornais falaban dos seus éxitos.
Tempo despois, don Laureano e a filla acudiron ao teatro onde Xelo daría un discurso.

A voz de Xelo estaba feita co bruar dos ríos, o aturuxo dos carros, o silencio do Pazo, o fungar do vento, a impetuosidade da treboada.

Margarida non se esforzou por convencelo para que volvese con eles ao pazo. Sabía que sería inútil. Non obstante, o mozo confesoulle os seus propósitos:

Cada día me tes mais gañado. Non vou agora mesmo contigo pro Pazo porque enantes perciso redimir a vida de esclavitude. Teño a obriga de entregarme â Sociedá. Pero hame de sobrar Vida pra todo.

Pero Xelo cansou daquela vida. Estaba só e a exaltación dos mitins políticos xa non tiña forza abondo para satisfacelo. “Antre il, home do agro, e seus compañeiros, homens do taller, había a mesma diferencia que antre a cultura e a civilización”.

Margarida casara dun día para outro. Xelo presentouse no pazo para coñecer o marido da señorita, un home cativo e mirrado, de nariz longo e gafas pequenas.

Aquela noite, Xelo acudiu ao pazo e “sentado na veira da poza estaba aquel bicho de que Margarida dixera «meu home». Xelo, coma soñando, chegouse a il, botoulle unha man ao gañote, fixo un xesto coma de atornillar unha tarraxa, e o bicho deu en col do brazo de Xelo unha volta como de un moneco de guiñol na barra”.

Logo visitou a Margarida como cando eran nenos. Ela, temendo a chegada do home, pediulle que marchara.

-      Ise xa non colea.

-      Que fixeches, Xelo!. E Margarida maxinando toda a verdá, deixouse cair nos brazos de Xelo, desesperadamente.

-      Perdíchete, perdíchete, pra sempre. Perdícheme a min tamen. ¡Que fixeche, Xelo, que fixeche!

Xelo atafegouna c’unha aperta na que puxo toda a alma, ergueu o corpo fino antre os seus brazos, e cravou os beizos roxos cóma unha fragua no mármol da frente d’Ela.

Pasaron as horas, o lubrican rasgou a escuridade.

-      Vaite, Xelo, vaite!

Por antre as uces do Llaguallal rubía unha veta de movimento acêrado, coma unha teoría con presa, xa casi dende o cume un pano branco nevou adioses.

O home de Margarida apareceu enmarañado antre as algas da poza coma un-a Samesuga.


martes, 11 de decembro de 2012

O CATÁLOGO DE LAR

En xuño de 1926, vinte meses despois da fundación da Editorial e Imprenta LAR, do seu prelo sae A Coutada, volume vinte e dous da colección periódica de novela curta e segunda obra de Vicente Risco impresa pola editorial. Nese momento xa son trinta e un os libros editados por Lar.

Nunca antes unha editorial tiña presentado un catálogo tan amplo e variado de libros escritos en galego, alcanzando materias tan diversas como narrativa, poesía, teatro, publicacións científicas e mesmo ilustración.

Moitos dos autores chamados a modernizar a literatura galega tiñan publicado algúns dos seus libros na editorial Lar. Entre outros, podemos citar a Ramón Otero Pedrayo, Vicente Risco, Gonzalo López Abente, Xosé Filgueira Valverde, Fermín Bouza Brey, Ramón Cabanillas, Daniel Castelao, Xosé Lesta Meis, Luís Amado Carballo...

Con tal motivo, os editores deciden imprimir o segundo Catálogo de «LAR» pubricacións galegas e imprenta. O folleto impreso a dobre cara presentouse en dúas versións distintas, nas que varía o escudo da portada e coincide o texto do reverso. Este documento dá conta do éxito alcanzado por Ánxel Casal (30 anos) e Leandro Carré (37 anos) en tan curto espazo de tempo

E o centro de toda esta actividade hai que procuralo no primeiro andar do número trinta e seis da rúa Real, na Coruña. Este local emblemático era ao tempo o domicilio familiar de Ánxel Casal e a súa muller María Miramontes, quen tamén contribuíu co seu esforzo á nobre causa da edición do libro galego.

 
A historia deste editor-impresor empeza na Coruña en 1924 (con Leandro Carré), e empeza en grande, en Santiago no ano 1931, e vai ser nos anos da IIª República os anos nos que Casal imprime non só os libros da editorial Nós, por el fundada en 1927, senón tódolos volumes do Seminario de Estudos Galegos, o periódico A Nosa Terra, et., etc. Casal, menos escribilos, facíao, ás veces, todo: editar, imprimir, encadernar, empaquetar…

Boa parte dos escritores galegos daquel tempo vivían, mellor ou peor, doutro traballo (profesores, avogados…) e, en canto a Ánxel Casal, adicado día e noite á imprenta, poucas veces sacaba para ir tirando. Non por iso deixaron de saír do seu heroico obradoiro os libros que o galeguismo daquela hora precisaba.

Xesús Alonso Montero (1)

Resulta emocionante imaxinar o ambiente vivido naquel primeiro andar da rúa Real, e á falta de documentos gráficos que nos axuden a comprender como era ese espazo onde, ademais da imprenta e o taller de costura de María Miramontes, estaban tamén as sedes da “Escola de Insiño Galego” e da Irmandade da Fala (2), utilizaremos un expresivo texto que Otero Pedrayo dedica a Ánxel Casal no Libro dos amigos (3).

Enxamais saíu da imprensa de Casal unha páxina baixa, ruín, ou intresada. Teño a honra de haber feito traballar aquila imprenta sempre alumeado por unha roseira branca e pura. Non a houber trocado por ningunha ilustre oficina de libro inda que a Platino ou Aldo poidera remontar e nos tipos de frol de metal sensitivo, no balbordo de fornada da noite fora a groria e o intrés das grandes cosmopolís de mañáns abraiadas ou acesas por a fame dos libros novos.

Son paxaros voando sobre o mar. Alguns tripulan as leixadas dornas. Os imprentados por Casal son dornas, velas ou zocas. Soio o vento e o camiño de Galicia neles, e aquil doroso e mañifico arelar.

Na rua Real da Cruña, nas Hortas e na Rua do Vilar de Sant-Yago (4), tivo Casal seu xardín ou horto das letras, pombeiro de voares de espranza.

Como doncelas de corpo levián de palla centeeira e capeliñas dos ollos deslumeados por o miragre os libros dos poetas imprentados por Casal.

“Cousas”. Pensemos nas “Cousas” de Daniel. Unha vegada dixo Castelao, e foi en solene ocasión de tremaren fondamente dooridos os alicerces de unha esencial amizade: “Casal por Galicia fixo mais do que todos nos”.

Tampouco quero deixar de citar a palabra arroutada de Xoán Xesús González, quen en 1926 celebra a publicación da Síntese Xeográfica de Galicia de Otero Pedrayo:

Sexa pois unha felicitación cariñenta para ise novo valor galego que se chama Otero Pedraio e outro saudo máis para a editorial Lar que cada día pon un sillar, asenta un porpiaño no tempro da cultura galega, con sua obra chea de fe, de outimismo, de entusiasmo e de fervor. (5)

Non se trata aquí de facer ditirambos laudatorios sobre a figura de Ánxel Casal, pero si cómpre destacar que en 1926 ficaban aínda por escribir algunhas das páxinas senlleiras para a edición do libro galego, que chegaron da man de Ánxel Casal e a editorial Nós.

(1)   O «biblioburro» de Ánxel Casal (Homenaxe a unha costureira). Revista Monte Alto, xuño de 1996. Citado a partir do libro Ánxel Casal (1895-1936) Textos e documentos. p. 8 e 9.
O título do texto fai referencia a unha frase atribuída a Ánxel Casal e rescatada por Xesús Alonso Montero: “Alá polo ano 1936 alguén, moi preocupado coa penuria económica do fogar Casal-Miramontes, preguntoulle ó noso editor se se seguiría arruinando cos libros galegos, uns libros, daquela, de tan cativo espallamento. A resposta súpeta de Ánxel Casal foi: “O día que estea arruinado de todo, fareime cun burro e irei, polos camiños do país adiante, vendendo literatura galega”. (Ibidem)
(2)   Ibidem. p. 49
(3)   O libro dos amigos. Ediciones Galicia del Centro Gallego de Buenos Aires. 1953. p. 106.
(4)   As sucesivas situacións da editorial Nós foron as seguintes: rúa Real nº 36 – 1º, A Coruña; rúa Linares Rivas nº 50, A Coruña; rúa das Hortas nº 20, Santiago de Compostela; rúa do Vilar nº 15, Santiago de Compostela.
(5)   Tomei esta nota sobre un artigo xornalístico de Xoán Xesús González hai tempo. Lamentablemente, non son quen de localizar a súa procedencia.

sábado, 8 de decembro de 2012

SÍNTESE XEOGRÁFICA DE GALICIA


SÍNTESE XEOGRÁFICA DE GALICIA / Otero Pedrayo, Ramón
Biblioteca do Seminario de Estudos Galegos
Dezanove de xuño de 1926
Lar, Real 36 – 1º A Cruña
80 p ; 22,5 cm.

A obra Síntese Xeográfica de Galicia, escrita por Ramón Otero Pedrayo e cuarto volume da Biblioteca do Seminario de Estudos Galegos publicado por Lar, saíu do prelo o dezanove de xuño de 1926.

Este libro constitúe o traballo de entrada de Otero no Seminario de Estudos Galegos, tal e como informa o autor na presentación da obra:

Iste traballo non ten pretensiós centíficas e soilo reponde a arela que sinte o autor, de que se faga un libro popular de Xeografía galega (…). É un traballo xa vello, da primeira xuventú, hoxe un pouco arregrado, e esquirto cicais demasiado de presa pol-o deseio de ofrecer ô Seminario d’Estudos Galegos unha proba d’ademiración. Inda que as monografías sexan o principal intrés d’o Seminario mando iste feixe de cuartillas c’a boa intención dita e, tamén, com’a prólogo d’un traballo preciso sobre d’unha parroquia ourensana. (1)

Ramón Otero foi un xeógrafo vocacional, a quen as circunstancias e o contacto cos seus compañeiros da xeración Nós; en particular con Vicente Risco, quen axotaba arreo nel durante os primeiros anos para que desbotase a preguiza natural de morgado fidalgo, transformaron en literato.

Fose no tempo do modernismo, fose no tempo do galeguismo, Otero Pedrayo escribía pouco. Pra lle sacar un artigo pra Nós, custaba barra e fariña. Vicente Risco (2)

Tendo en conta a súa inclinación, resulta doado descubrir en calquera dos seus libros o amor que sente polas descricións xeográficas, alén das simples referencias paisaxísticas. Esta peculiaridade foi destacada por Ricardo Carvalho Calero:

Un dos grandes avances que supón a obra de Otero Pedrayo dentro da literatura, é a xenialidade que nela atingue a descrición da paisaxe. (3)

Tamén Francisco Fernández del Riego, xenuíno depositario da esencia deixada polos homes da xeración de Otero, identifica a mesma dimensión literaria:

Cando Otero Pedrayo nos ofrece unha visión paisaxística de Galicia, non opera con espacios miudos, con cousas minúsculas e morosas como as que singularizan, por exemplo, a visión azoriniana da paisaxe. Pola contra, o seu xeito de operar prodúcese nun ambente de amplas masas: descrición de macizos graníticos e cadeas montañosas, ordeamento de horizontes, artellamento de bisbarras naturáis, encauzamento das correntes dos ríos… Antes que el houbo en Galicia caracterizados xeógrafos que estudaron a facies do país e que, valéndose dos medidos de que dispuñan, tracexaron o esquema da nosa xeografía. Pero faltaba, noustante, quen sumara e estruturara todo eso, e téndoo diante de sí soplara derriba, máxicamente, pra lle insuflar o que aínda lle faltaba: o esprito e a vida. (4)

Non obstante, cómpre recoller a anotación crítica escrita por Carlos Casares na súa biografía de Otero, quen despois de loar o carácter renovador dos traballos xeográficos, indica que:

Para calquera dos seus lectores resultará evidente que os traballos teóricos que consagróu a estas cuestións, sobre todo á paisaxe, están cheos de intuicións e de ideas, pero carecen de orde e de sistema. (5)
 
Vaia pois por diante que os traballos xeográficos de Otero non poden clasificarse doadamente entre os estudos científicos; e tampouco entre as obras literarias. A súa orixinalidade consiste en reunir elementos propios das dúas disciplinas para crear unha nova categoría, que eu arrisco en definir como xeografía emocional, pois a súa finalidade non é tanto instruír como conmover ao lector, facéndoo partícipe da paixón desmedida pola terra que sentiu o autor.

Sinopse da obra

No mesmo ano 1926 en que Otero publica a Guía de Galicia (Espasa-Calpe, Madrid) tamén dá ao prelo a Síntese xeográfica de Galicia. Se ben o primeiro traballo comparte coa obra que nos ocupa as descricións da “Parte xeral”, da cal a Síntese é un traballo preparatorio, a Guía inclúe a maiores a “Parte descritiva”, onde Otero trata itinerarios, describe a historia social e comercial dos principais lugares de Galicia, os monumentos e outros aspectos que fan dela unha enciclopedia de consulta para os viaxeiros.

A Síntese xeográfica de Galicia está dividida en diferentes seccións, de acordo coa seguinte táboa:

a)   Xeoloxía
b)   Releve
c)   Litoral
d)   Crima e Vexetación
e)   Xeografía Humán
f)    Xeografía Económica
g)   Paisaxe

Cada un destes apartados desenvolve aspectos diferentes, atendendo á morfoloxía de Galicia.

No caso da Xeoloxía, o estudo analiza catro rexións diferenciadas: Rexión Nordés (Terra Chá, Outo Miño, Terra de Lemus); Rexión Noroeste (Altos Tambre e Mandeo, As Mariñas, Terra de Xallas e Bergantiños); Rexión dos macizos ourensáns e val medio do Miño (Miño central); Rexión do Ulla, das Rías Baixas e do Baixo Miño (Ulla, Rías Baixas, Miño Galaico Portugués).

A sección o Litoral tamén está dividida en diferentes capítulos: De Ribadeo â Estaca de Bares; Do cabo Ortegal o cabo Prioriño; O golfo da Cruña; Da Cruña o Fisterra; As Rías Baixas; ría de Corcubión; ría de Muros e Noia; Penínsoa de Barbanza e a ría d’Arousa; o val de Salnés e a ría de Pontevedra; a ensenada d’Aldán, a ría de Vigo e a penínsoa de Domaio; do cabo Silleiro â desembocadura do Miño.

Por último, a Paisaxe comprende tres apartados: Paisaxe montesía, Paisaxe da costa brava e Paisaxe de val.

(1)  En 1928 Otero publicou en Madrid, na Biblioteca de Estudios Gallegos, o traballo Paisajes y problemas geográficos de Galicia. O vinte e oito de maio dese mesmo ano publicou a contribución ao Seminario de Estudos Galegos: Probremas de xeografía galega. Notas encol das formas de poboazón labrega, editada por Nós.
(2)  Unha vella evocación das prosas Oterianas. Vicente Risco. Galaxia. Homenaxe a Otero Pedrayo - Grial nº 52 abril-xuño 1976. p. 275.
(3)  A andadura espiritual dun escritor. Salvador Lorenzana. Ibidem, p. 151.
(4)   Ibidem, p. 151 e 152.
(5)   Otero Pedrayo. Carlos Casares. Colección Conciencia de Galicia, Galaxia. 1981. p. 130.


mércores, 5 de decembro de 2012

O HOME QUE DEU VIDA A UN MORTO


O HOME QUE DEU VIDA A UN MORTO / Carré Alvarellos, Leandro
Maio de 1926
Lar, revista mensual. Ano 3; número 21. Imprenta Lar, Real 36 – 1º A Cruña
36 p ; 16 cm.

O home que deu vida a un morto, terceira novela publicada por Leandro CarréAlvarellos na editorial Lar, saíu do prelo en maio de 1926, facendo o número vinte e un da colección de novela breve.

A obra que leva por subtítulo: Romance grotesco orixinal de Leandro Carré Alvarellos, recrea con humor o mito gótico de Frankenstein, inscribíndose na tradición literaria de ultratumba da que se teñen ocupado adoito os autores galegos, entre os que podemos citar e a modo de exemplo deste vizoso xénero, Un ollo de vidro (1922), de Castelao – quizais a narración máis popular da literatura de ultratumba – ou as Crónicas do Sochantre (1956), de Álvaro Cunqueiro.

O home que deu vida a un morto é tamén unha novela cómica, onde o protagonista ve coroado con éxito o seu esforzo por revivir os mortos, malia bater contra todo prognóstico coa indiferenza xeral, apoñéndose tal extravagancia á débil saúde mental do protagonista; e mesmo co rexeitamento do propio resucitado, incapaz de retomar a súa vida despois de ter dado o paso de abandonala por vez primeira.

Sinopse da obra

A cidade de Vilamar agarda con expectación a conferencia do doutor Moreira, de quen contan que é quen de revivir os mortos.

Decíase que o doutor Moreira, un rapaz aínda, saído das aulas compostelás pouco mais había de un par de anos, lograra compor «o elisir da vida».

Ninguén coñece a Moreira. Cóntase que procede dunha aldea da montaña, que é moi novo e tamén que foi un estudante regular na Universidade de Compostela.

Os ollos de mirar un pouco esgaceado, mais escrutadores, coruscantes, firentes, e os beizos, carnosos e esbrancuxados, eran o que mais se destacaban no seu rostro inespresivo, e inda que de côr amourada, c’un aquel de amarelado que producía a sensación de friaxe que teñen os cadavres.

Cando o doutor comeza a falar, un mozo irrompe atropelado na sala: “¡Apreixalo! ¡Minte! ¡Eu son Moreira! ¡Ele é o morto! ¡o resucitado!”, afirma.

Os gardas deteñen o intruso, mentres o conferenciante, atordado, senta nunha cadeira, incapaz de recordar quen é e o que está a facer alí. Os xornais informarán que a conferencia non chegou a celebrarse porque o resucitado, Paulo Fontes, adiantouse na tribuna substituíndo a Moreira.

Despois de estudar a carreira de medicina, Moreira coñeceu o doutor Kann en Berlín; experto nos enxertos con glándulas de mono e investigador no eido da prolongación da vida, con quen colaborou como axudante.

Logo desta aprendizaxe, Moreira instalou o seu propio laboratorio na casa e, despois de moitos ensaios, “logrei ao cabo que un ratiño morto brincara da mesa embaixo e correse pol-o piso adiante”.

Logo do éxito decidiu experimentar cun cadáver, e para iso roubou o dun home afogado na baía:

Roubei o cadavre. Roubeino â xusticia que era dona d’ele, aos médicos que iban entreterse en lle facer a autosia para cubrir a fórmula ¡Roubeillo tamén aos vermes que agardaban por ele na terra!

¡Ese home, hoxe, vive!

O resucitado tiña a mirada dun boi manso. Moreira explicoulle a Paulo Fontes quen era el e o que estaba a facer alí e, xa reposto da súa morte, Moreira acompañouno deica a casa de hóspedes onde vivía antes do accidente que lle custara a vida. Pero as donas da pensión “arripiadas de medo negáronse en ausoluto á hospedalo novamente na sua casa”.

Daquela dirixíronse ao comercio onde Paulo Fontes traballaba antes de afogar: os “Grandes Almacés da Moda”.

Don Félix, o dono do establecimento, ao se atopar co resucitado púxose branco coma o papel, e tatexou querendo dicir algunha cousa. Foi preciso que o doutor Moreira tranquilase á todos asegurandolles que Paulo Fontes non era un cadavre que andase, senon o mesmo home, vivo e san, que podía reanudare a sua vida, ordinaria.

Mais con todo, don Félix “un home que pasaba entre os seus colegas por culto e, ainda ainda, por intelixente; ao decir d’algús, «leía todol-os días o ABC, e mais era capaz de redautar as suas cartas»” negouse a aceptalo de novo, temendo perder a clientela.

Así foi como Paulo Fontes acabou instalándose na casa de Moreira, descubrindo o doutor que os pensamentos do revivido eran a prolongación dos seus propios pensamentos.

Aquela constante suxestión que o doutor exercía sobre d’ele, e que ata o propio pensamento era d’abondo para o facere accionare ou falar, como se nos miolos tivese unha estación receitora das ordes que lle trasmitía o cerebro do doutor.

E como resultado desta influencia mental, Paulo Fontes recitaba monótono e teimoso os pensamentos de Moreira que, atormentado por aquela presenza constante e desdobrada da súa conciencia, pensou en matalo.

Unha noite, uns homes chegaron á casa do doutor na procura de axuda. Morrera a filla de Xerónimo Roibal, o home máis rico de Vilamar, e o pai confioulle a Moreira o labor de revivila. O doutor aceptou a encomenda e para iso contou coa axuda de Paulo Fontes. Mais daquela Fontes comezou a trabucar todas as ordes de Moreira, e como consecuencia dos seus actos foi imposible revivir a moza.

O doutor Moreira lanzou un ruxido, e súpetamente botándose sóbor de Paulo Fontes, arrempuxouno con tal forza e destreza que o axudante foi caer enriba da morta, que se desfixo en pô, e ao pouco era tamén un corpo negro, que se esfarelou formando unha moreíña de cinzas escuras.

Logo prendérono e ingresárono en Conxo por ter matado o axudante nun arrouto de tolemia.

Escarmentado, Moreira quéixase amargamente do encerro e afirma ter abandonado os experimentos. Cando por fin saia daquel sitio, ha procurar levar unha vida vulgar.

A felicidade consiste en deixar de ser homes para nos trocar en cousas. Facer que se atrofie en nós a idea, o pensamento. Ser como máquinas, alleos á todo sentimento… ¿Novas investigaciós, estudos, traballos? ¡Bah! A vida do home estudoso é ridícula, os seus degoros inspiran a burla ¡cousas de tolos! – din os iñorantes – e como á tolos trátannos, porque sendo os mais véncennos pol-o aplastante do número.
¡Hei ser parvo! ¡abofé! ¡Aos parvos os non pechan en Conxo!

Sorríu cún sorrir enimático: un pouco tristeiro, unha miga humorístico. Deume a man e foise.

Este é o estrano caso, d’un home que deu a vida á un morto.