O XORNAL DE MAVI / Carré Alvarellos, Leandro
Agosto de 1927
Lar, revista mensual. Ano 4; número 36. Imprenta Lar. Franxa, 34 - A Cruña
29 p ; 16 cm.
O xornal de Mavi, cuarto e último texto publicado por Leandro Carré Alvarellos na colección de novela breve Lar (1), saíu do prelo en agosto de 1927 co número trinta e seis.
Este foi tamén o primeiro libro publicado por Carré en solitario logo da separación de Ánxel Casal, quen deixou Lar para fundar a editorial Nós.
Carré dá conta deste feito en dous textos inseridos no libro:
AVISO
Téndose trasladado os talleres e adeministración de Lar â rúa da Franja, 34 – baixo e non sendo xa adeministrador das pubricaciós LAR D. Anxel Casal rógase aos nosos suscritores e colaboradores dirixan toda a correspondencia ao Direitor Leandro Carré. Franja, 34 – baixo. A Cruña.
Diversas circunstancias, entre elas o cese do administrador, Don Anxel Casal, no seu cargo, obrigáronnos a trasladar os talleres e adeministración de LAR, â rua da Franxa, 34 – baixo, onde agora están instalados, e cuio novo domicilio compracémonos en ofrecer aos nosos amigos.
O traslado dos talleres, mais despois algunhas reparazons que houbo necesidade de facer na maquinaria, foron causa de retardar a nosa pubricación.
Rogamos se nos perdoe este inevitábele adiamento e non duvidamos que será desculpado por quens veñen decote adicándonos a sua atención e estima, para os que gardamos un fondísimo agradecemento.
A DIREICION
Hai que destacar como razón máis probable da separación, o feito de que Carré non vivía exclusivamente do traballo dunha imprenta e editora que dirixía como propietario, senón do seu labor administrativo para varias sociedades, fundamentalmente a asociación de cafés coruñeses (2). Non era así o caso de Casal, dedicado por completo á impresión, mais ás ordes de Carré. A inclinación de casal era, segundo o testemuño de Manuel Casal Agra (3) e dun dos seus empregados, Mateo Pena (4), ser propietario dun negocio que consumise todo o seu tempo e do que aspiraba a facer unha grande editora moderna. (5)
Non temos probas de, como se ten insinuado, ter existido unha ruptura violenta. Máis ben semella que se produce unha separación por parte de Casal, quen pasa a converterse no seu propio xefe, xa que ao revés de Carré ten dedicación exclusiva e novos proxectos para os que precisa o control total. (6)
O certo foi que Casal permaneceu no local da rúa Real, domicilio familiar do matrimonio Casal-Miramontes e sede da Irmandade da Fala, mentre Carré debía mudarse á veciña rúa da Franxa.
Despois do cese de Casal como administrador, Carré insiste en deixar claro que el é o propietario de Lar. Ademais de conservar a marca editorial que había publicar algo menos de vinte novos títulos, nos seguintes volumes da colección de novela breve identifícase como “Direitor propietario”, quizais para aclarar a confusión ao respecto que sen dúbida existía entre os colaboradores e subscritores de Lar.
Cinco dos libros que publicará a editorial desde este momento e até a súa desaparición son do propio Carré. Entre eles está O xornal de Mavi.
Sinopse da obra
Mavi comeza a escribir o seu diario o 15 de maio de 1925, ao tempo que esperta nela a conciencia da súa individualidade.
15 de maio. “Hoxe dispuxen un caderno (…) encomencei a riscar o meu diario, o meu «xornal íntimo», disposta á consinare todol-os meus anotos de cada día.
Os recordos infantís sucédense, mentres Mavi evoca con saudade o pasado. A moza recorda o día en que deixou a aldea para instalarse coa súa tía Carola na cidade.
Ao me ver na vila coidei alolear. Tantas casas, tan outas; e tantas xentes, tantos carros e automóveles; e logo as luces, que somellaban ollares parpadexantes que se fitaban en min.
16 de maio. Onte fixo oito días que deixei o colexio, que perdín de vista as tocas albacentas das freiras.
Xuliño Valeiro é amigo da tía Carola: “pareceume un babeco vestido de señor”. Xuliño é un home rico, pero tamén inculto e groseiro, diferente do simpático e atraente Ramón Varela, quen censura a Carola, temendo que Mavi acabe parecéndose a ela.
5 de xunio. Non durmín en toda a noite, e sinto ainda un acoramento que me afoga.
Carola amañou un encontro entre Mavi e Valeiro. Mavi loitou por ceibarse, esnaquizándolle un vaso na testa. A tía acudiuna entón, pero lonxe de valerlle: “¡Es unha babioca! Valeiro está tolo por ti: é rico; podías ter canto quixeras…”, pediulle que aceptase o sacrificio porque “a vida é doce para moi poucos privilexiados; para os mais e rixa, espiñenta e rixa”.
Mavi resolve volver a Cañás, a aldea onde vive Xuana. Alí acouga. Non ten máis bens que o casal e a horta que foi de seu pai, e para non ser unha carga traballa como costureira e dá clases aos nenos da parroquia.
30 de xunio. Sinto saudades.
A moza devece por Ramón Varela.
20 de xulio. Hoxe fun â vila. Fun cô gallo de mercar algunhas cousas; mais o gallo verdadeiro e úneco foi o desexo de ver a Ramón.
17 de setembro. Toda a mañâ de onte resoaron as detonaduras dos cazadores que inzan os montes por este tempo.
Un deles chegou ás présas na procura de alguén que puidera avisar o médico de Carral, porque un dos homes mancou a perna despois de saltar un valado. O mozo é irmán de Ramón, quen acude a Cañás para atendelo. A moza relouca de contento pensando no encontro. Ao cabo os mozos reanudan o noivado.
2 de novembro. Despois de tantos días ditosos, un fondo pesar veu aflixirme (…) O irmán de Ramón pode xa ser conducido â sua casa, e Ramón tén que se ire co’ele.
2 de xaneiro. O que tiña medo que socedera aconteceu. Os meus cadrís anchean, e sinto que unha nova vida xurdiu nas miñas entranas.
Mavi decide criar o neno sen axuda. Non obstante afronta o futuro con afouteza. Despois de todo, ao neno ¡Quén poidera asegurarlle un porvir mais venturoso que o da súa nai!
(1) Outras obras de Leandro Carré na Biblioteca Lar son: Naiciña B.L. nº 4, 17 de xaneiro de 1925. A propia vida B.L. nº 14, outubro de 1925. O home que deu vida a un morto B.L. Nº 21, maio de 1926
(2) O Café Moderno, o Marineda e o Quiosco Alfonso formaban parte dunha cooperativa de cafés e establecementos. Nesa sociedade traballaba na administración e xerencia Leandro Carré. Ánxel Casal (1895-1936) Textos e documentos. Dobarro Paz, Xosé Mª e Vázquez Souza, Ernesto. p. 53.
(3) Manuel Casal Agra, irmán de Ánxel Casal; fillo de Manuel Casal Basteiro e da súa segunda muller: María Agra Carrón. Ánxel Casal (1895-1936) Textos e documentos. Dobarro Paz, Xosé Mª e Vázquez Souza, Ernesto. p. 398.
(4) Mateo Pena traballou na imprenta da editorial Nós entre xaneiro de 1929 e setembro de 1931. Ánxel Casal (1895-1936) Textos e documentos. Dobarro Paz, Xosé Mª e Vázquez Souza, Ernesto. p. 415.
(5) Ánxel Casal. Un percorrido biográfico. Alfonso Mato. A Galiza de Ánxel Casal. Murguía, revista galega de historia. Nº 7/8, maio-decembro de 2005. p. 74.
(6) A fouce, o hórreo e o prelo: Ánxel Casal ou o libro galego moderno. Vázquez Souza, Ernesto p. 255.
Ningún comentario:
Publicar un comentario