CONTOS DE NADAL / Cotarelo Valledor, Armando
Nadal de 1927
Lar, revista mensual. Ano 4; número 39. Imprenta Lar. Franxa, 34 - A Cruña
30 p ; 16 cm.
O libro que recolle contos populares e panxoliñas titulado Contos de Nadal e asinado por Armando Cotarelo Valledor, saíu do prelo de Lar en decembro de 1927 co número trinta e nove. Este había ser o penúltimo volume publicado na colección de relatos breves.
A obra está editada en solitario por Leandro Carré e inclúe catro contos breves recollidos por Cotarelo, un feixe de tradicións populares repetidas durante a noite de Nadal e certo número de panxoliñas asinadas por E. C. A., quen sen dúbida pode ser Eugenio Carré Alvarellos, irmán de Leandro e tamén escritor.
O editor xustifica mediante unha nota a composición do volume.
O noso ilustre amigo D. Armando Cotarelo tíñanos entregado alguns contos populares de Nadal colleitados por ele, e por ele referidos co’esa sua mestría de xeito e de fala que engayolan.
¿Qué mellor, pois, para este volume que sai en Nadal do que esta fermosa coleición de contos relatados por tan grande cincelador da nosa lingua?
Un broche d’ouro con que pechamos o ano 1927.
Tamén xusgamos comenente e interesante engadir algunhas notas encol dos costumes en Galicia nesta época de Nadal, e insertar alguns vilancicos dos mais populares.
Coidamos asi compretar o tomo 39 axeitadamente â data en que se pubrica.
Cotarelo, primeiro presidente do Seminario de Estudos Galegos, destacou principalmente como autor dramático, se ben entre os seus traballos de investigación tamén podemos atopar estudos etnográficos e colleitas da cultura popular como sucede neste volume, onde reúne algúns contos que teñen a súa orixe na tradición oral.
Sinopse da obra
A ovelliña morta: Camiño de Xerusalén, María e Xosé fixeron noite nunha casa. Xosé mandou matar o único año que había alí e enterrar a pelella. Pola mañá atoparon un rabaño xurdido dos ósos. Daquela veu procuralos o mordomo dun home rico que antes lles negara a pousada, pero eles seguiron a viaxe.
Quen moito fala: O boi e o galo din que Martiña, a cordeira nova que mercou o amo, é unha lareta que anda contando como viu un anxo mandar os pastores camiño de Belén.
Na granxa prodúcese o milagre: amansan as bestas e as feras mestúrase cos animais sen lles facer dano. Martiña proclama entón o nacemento de Xesús e a Virxe, véndose descuberta diante dos soldados de Herodes, bótalle unha fada:
Ovella eres,
ovella serás
e anque te maten
xamais berrarás.
ovella serás
e anque te maten
xamais berrarás.
Por eso desde entón as ovellas non chían, nin a sere pegadas, nin feridas, nin comestas do lobo, nin mortas a cuitelo.
Milagre, milagre, pero non por min. O axionllarme ontronte rentes do berce do Portal, ese pano fincou nos pés divinos.
O Neno Xesús sorría e as arañas beilaban diante del. Tan axiña como os santos perxecutos se entoñaron, elas volveron á tecel-as teas esgazadas por San Xosé en un amén os animaliños recobriron de novo toda a entrada.
O volume describe tamén algúns dos costumes campesiños durante a noite de Nadal. Entre eles citan a tradición do lume novo:
O lume novo acéndese o víspora de Nadal. Bárrese moi ben barridiña a lareira e á ela lévase unha grande cachopa â que se lle pega lume, pois ten de acarrear a sorte para a facenda e os seus donos.
Despois de queimado un pouco déixase morrer o lume, e alí consérvase o cepo de Nadal, para lle voltar á poñer lume cando haxa temor d’algunha cousa malfadada para a casa.
Entoan os mozos o Canto dos Reises á coro, postos en curro, un brazo por riba do hombreiro do compañeiro e coa outra man tras da orella, para mellor seguire a entonación, á compás da gaita, sustituída agora á miudo pol-o acordeón.
O volume complétase incluíndo algunhas panxoliñas.
Meu Neniño, miña pérola
Non botes, non, tantas bágoas
Se un galego hachas de menos
Outro galego che canta.
Non botes, non, tantas bágoas
Se un galego hachas de menos
Outro galego che canta.
Os bois e vacas na corte
Bruan cando as doce dan:
Brecan de folgo os cabritos;
Os cans póñense a ladrar;
Kucurucú, canta o galo;
As polas Kacaracá;
Kiquiriquí, fan os polos,
E os años babadááá…
Bruan cando as doce dan:
Brecan de folgo os cabritos;
Os cans póñense a ladrar;
Kucurucú, canta o galo;
As polas Kacaracá;
Kiquiriquí, fan os polos,
E os años babadááá…
(1) Fonte da imaxe de Armando Cotarelo: Real Academia Galega.
(2) Hostia. Editorial e Imprenta Lar. 6 de abril de 1926, A Coruña.
Ningún comentario:
Publicar un comentario