Xaneiro de 1928
Lar, revista mensual. Ano 5; número 40. Imprenta Lar, Franxa 34. A Cruña
46 p ; 16 cm.
Luís G. Vicencio é un pseudónimo empregado por Lois Galo Vicente Carré Alvarellos, irmán de Leandro Carré e autor do relato Alevamento, publicado por Lar en xaneiro de 1928 e que había pechar a colección de novela breve.
Esta foi a segunda obra de Lois Carré editada por Lar, logo de ter publicado en 1926 a novela O consentimento. (1)
Entre novembro de1924 e xaneiro de 1928, Ánxel Casal e Leandro Carré mantiveron con vida a Revista Lar, constituída no proxecto editorial máis ambicioso emprendido até ese momento en relación coa literatura galega. A revista non só reuniu os narradores máis prometedores do seu tempo, ofrecéndolles unha plataforma desde onde presentar as súas obras, senón que tamén contribuíu a ampliar os rexistros temáticos e formais da escasa literatura que se viña facendo en lingua galega.
Logo de participar en varios intentos fracasados de constituír unha editorial, Ánxel Casal e Leandro Carré concertaron en 1924 poñer en marcha a Editorial e Imprenta Lar. (2)
Publicidade LAR 1926 |
Charlando una tarde en la Irmandade con Leandro Carré, convinimos trabajar juntos. Días después, a principios de noviembre de 1924, lanzamos una novela corta de Wenceslao Fernández Flórez – «A miña muller» (3).
Xuntos publicaron os trinta e cinco primeiros títulos da revista. Leandro Carré había editar cinco números máis logo de separarse de Ánxel Casal, completando os corenta números da colección. De cada un deles editáronse tres mil exemplares ao económico prezo de trinta céntimos.
Non obstante e durante os máis de cinco anos de vida de Lar, a editorial nunca deixou de ser un negocio de supervivencia. Para entender a lonxevidade da empresa cómpre ter en conta a xenerosidade dos editores e tamén dos autores, os cales cederon as obras desinteresadamente.
Todos, generosamente, nos cedieron sus derechos. Sólo uno nos cobró cien pesetas por su original: fue Leandro Pita Romero (4).
Os cinco primeiros números da colección confeccionáronse na imprenta Moret. Os trinta e cinco restantes editounos, non sen dificultades, a propia editorial Lar.
Editamos en imprenta propia: una minerva de mala muerte que nos hacía sufrir lo indecible.
Segundo conta o propio Casal, entre todas as novelas editadas as que mellor se venderon foron «O lobo da xente» de Vicente Risco (5) e «Os probes de Deus» de Luís Amado Carballo. (6)
Pero non habían ser as dificultades económicas as únicas en influír negativamente nos proxectos editoriais de Casal e Carré. Durante a súa xeira empresarial, Casal tivo que loitar en primeiro lugar coa censura imposta polo ditador Primo de Rivera e padecer tamén o golpe de estado do 36, nun tempo en que os disidentes arriscaban a propia liberdade ou mesmo a vida, como foi o caso do editor.
Tamén algúns dos autores destas novelas morreron ou foron encarcerados, e case todos eles padeceron represalias despois do golpe de estado.
Desde esta perspectiva, os corenta cadernos editados por Lar non só representan a necesaria normalización da literatura popular escrita en galego, senón que tamén adquiren unha especial relevancia como exemplo de entrega e xenerosidade á causa do galeguismo; inspiración e guía dos proxectos empresariais emprendidos por Casal.
Precisamente a novela que pecha a colección, obra de Lois Carré, reúne moitos dos tópicos presentes noutros títulos da serie e que son característicos da literatura popular da época. O autor presenta unha traxedia moderna onde os protagonistas, procedentes do medio urbano e galegofalantes, teñen conciencia da súa propia individualidade e aparecen dominados por sentimentos puros como o amor e os celos. Fronte a eles érguese unha sociedade asoballante que pretende homoxeneizar as relacións entre os individuos.
Sinopse da obra
Román viaxa a Vilamar como correspondente de banca. No tren coñece a Adelina e Sara, dúas irmás que viven preto da vila.
Román, era un home novo aínda, un rapaz cuase, sua facie de neno, tiña faiciós finas e atraitivas; lixeiramente moreno, nos seus ollos escuros, somellaba concentrarse con forza de facisnación, sua y-alma apasionada.
Vilamar é un lugar cativo e conservador, onde os habitantes desconfían das novidades. A ideoloxía de Román bate decontino contra os prexuízos dos veciños.
Ao comerciante non se lle consinte que espoña outras ideas que as relacionadas coa sua profesión; e, si se permite opinar en política ou espoñer programas filosóficos, pódese dicir sin temor ao erro, que vai fatalmente â ruina.
Atrapado na rutina vilega, Román visita a Adelina e Sara na súa finca da Riveira. Co tempo acabará comprometéndose con Adelina, a máis nova das irmás. Pero a moza recibe un anónimo informándolle da relación entre Sara e Román que pon fin ao noivado.
O autor da nota é Rodríguez, o contable da oficina onde traballa Román. O mozo bótase ao delator, pero está enfermo e a excitación dá con el no chan.
A enfermidade non ten cura. Adelina e Román reconcílianse pouco antes da morte do mozo.
Preto da roseira onde horas antes arrincara a frol, parouse, tratou de domiñal-a postura que prematuramente encollía seu corpo, e n’un arranque de carraxe, puxo fin á aquela vida que tanto lle costaba sôster.
(1) O consentimento. Luís G. Vicencio. Biblioteca Lar. nº 19. Lar, marzo de 1926. A Coruña.
(2) Ánxel Casal (1895-1936). Textos e Documentos. Dobarro Paz e Vázquez Souza. Ediciós do Castro, 2003. p. 346. Entrevista concedida por Ánxel Casal a Álvaro das Casas en 1934.
(3) A miña muller B.L. nº 1. Lar, 29 de novembro de 1924. Impreso en Moret, A Coruña.
(4) O anarquista. Leandro Pita Romero. Biblioteca Lar nº 2. Lar, decembro de 1924. A Coruña.
(5) O lobo da xente. Vicente Risco. Biblioteca Lar nº 10. Lar, xullo de 1925. A Coruña.
Ningún comentario:
Publicar un comentario