UNHA IMPRESIÓN DA GALICIA DO SUL NO DERRADEIRO ANO DO
SÉCULO XVIII/ Otero Pedrayo, Ramón
1 de xaneiro de 1929
Nós, Pubricacións Galegas e Imprenta. Real, 36 – 1º. A Cruña
14 p ; 27,5 cm.
1 de xaneiro de 1929
Nós, Pubricacións Galegas e Imprenta. Real, 36 – 1º. A Cruña
14 p ; 27,5 cm.
O
traballo dedicado ao Seminario de Estudos Galegos, Unha impresión da Galicia do sul no derradeiro ano do século XVIII,
escrito por Ramón Otero Pedrayo,
director da sección de Xeografía do Seminario, inaugurou as publicacións da
editorial Nós en 1929.
O
folleto de catorce páxinas resume o documento gardado no arquivo da Deputación Provincial de Ourense
titulado:
Itinerario facultativo del viage a Galicia
que el Sr. Conde de Guzmán, del Consejo de S. M. en el de Hacienda, intendente
del exército, Inspector General de Caminos y Canales de Navegación, etc,
emprendió este año de 1799 con el motivo de inspeccionar la Carretera que
solicitan las tres provincias de Santiago, Orense y Tuy.
Otero
contrasta os datos do itinerario cos ofrecidos por Lucas Labrada no libro Descripción
económica del Reyno de Galicia, publicado polo Consulado da Coruña en 1804.
O traballo
ofrece tanto informacións técnicas sobre o trazado da vía, como outras
paisaxísticas e etnográficas dos lugares por onde pasa a comitiva.
Dend’o día 18 de setembre ô 30 de Santos o
diario do viaxe garda suxestivas lembranzas d’aquila Hespanha, en parte
tradicional, en parte mordiscada pol-o esprito do signo do despotismo
ilustrado.
Precisamente
o carácter ilustrado dos viaxeiros determina as propostas, que procuran
favorecer o desenvolvemento económico das terras visitadas. Non obstante, eles tamén
son membros do goberno despótico e incapaz que ignora as demandas de
progreso e condena os súbditos a vivir miseria. Non será até cincuenta anos
despois deste informe cando comecen a trazarse as necesarias vías de
comunicación.
Sinopse da obra
En compaña do Sr. Conde viñan o seu
segredario D. Xohan Antonio Giranda, o facultativo D. Vicente de Ponte e mais
un axuda de cámara de sua excelenza.
Os tres
homes están ao servizo de Carlos IV e viaxan en cadeira de postas con dúas
mulas desde Madrid até Galiza, dando conta do estado dos camiños e as casas de
postas onde dormen.
De
Valladolid indican que está rodeada dun terreo chan e enxoito, e nela os
mellores edificios corresponden aos conventos (44) a maiores das parroquias,
fundacións e ermidas.
Desde
alí chegan a Benavente: “1.500 veciños, bó mercado
semanal (todol-os prodoitos da terra especialmente trigo e cebada) rúas
estreitas, encostadas, de croyo, sin casas de consideración”.
O conde
afirma que Benavente debería o centro das futuras estradas entre Galiza, León e
Asturias.
O
enviado anota os tipos de cultivo e as industrias dos lugares que visita,
concluíndo que a riqueza medraría sen dúbida no caso de construír unha estrada: “os veciños teñen d’abondo pra vivir fartos, soilo
precisan estradas”.
O 12 de
outono chegan a Lubián, centro comercial que comunica Galiza coas terras
maragatas. Desde alí viaxan á Gudiña e Monterrei. O conde deixa breves anotacións
sobre os lugares onde se detén a comitiva:
Navallo: 50 veciños, liño, gando, algún
viño, casas de peisanos, bos xantares c’a carne superior de Galiza e moito
ánimo de ousequiar (…) Barreira ten 24 veciños en chan lameirento. Logo terreo
enxoito hastra Verín.
Verín é
un lugar con “praza c’o oncello, 160 veciños, 2
boticas, carniceiría, tenda de panos” e tamén conclúe: “É necesario trazar estradas pra saída dos froitos fartos
e variados do ademirabre val”.
En
Monterrei non hai artesáns, senón funcionarios e soldados. As únicas industrias
son os teares de lenzos. Desde alí chegan a Xinzo, un lugar con 160 veciños onde “a eirexa parroquial rinde ô crego de 90 a 100.000 reás
de vellón”. En Xinzo ten lugar unha enchente memorable.
Se admiró aquella noche una cena tan
expléndida y abundante con solas las producciones del país que no sería facil
describirla aunque se intentara. La variedad de manjares quasi parecía
confusión y solamente pudo advertirse que de todo comían aquellas buenas gentes
sin que se notase fastidio ni alteración en su naturaleza fuerte y robusta.
Desde
Xinzo viaxan a Allariz, lugar con 400 veciños, corrixidor, igrexa parroquial e
convento dominico. Alí un boticario “tén
estabrecida a soila fábrica de cristal tártaro de Hespaña, aproveitando o
sárrio do viño”.
Logo
chegan a Ourense, descrito do seguinte xeito:
Moitas rendas da Eirexa; 700 veciños con
Correxidor e Concello; reximento de Milicias. Ruas mal empedreadas, porcas,
esporentes e estreitas con casas de aparencia moi fea, incómodas e a maior
parte ameazando ruína ou esboroamento.
Desde
Ourense viaxan ao Carballiño, un pobo que o conde prevé acabará sendo
importante polo seu clima e as augas termais, e solicita a construción dunha
boa pousada. Logo fan a ruta do Paraño, Soutelo e Cerdedo e, máis alá,
Pontevedra, vila con 3.675 veciños, a maioría dos cales traballan no mar. Deixando
atrás Pontevedra, a comitiva visita Redondela e Vigo; un lugar que con camiños
axeitados sería un dos mellores portos do reino.
A viaxe
remata coa visita a Porriño e Tui, 1.800 veciños con Alcalde e Gobernador Militar.
O Itinerario do Sr. Conde de Guzmán amostra
entre outras as seguintes particularidás: o esforzo galego en facer calzadas e
pontes, o forte vivir de moitas terras, a ledicia e fartura dos nosos campos e
sobretodo (xa que os viaxeiros eran demasiado neocrásicos pra apreciar os
cantos populares, as eirexas medioevás, e os ceos da chuvia), a simpatía da
xente e o prestixio gastronómico criado pol-a longa usanza de fidalgos e
abades. Coarteles dos mais ilustres do novo brazón.
Ourense, 13 de Nadal do 1927.
(1) Fonte da imaxe de Ramón
Otero Pedrayo: fundacionoteropedrayo.org
Ningún comentario:
Publicar un comentario