ARREDOR DE SÍ / Otero
Pedrayo, Ramón
12 de xullo de 1930
Nós, Pubricacións Galegas e Imprenta. Avenida de Linares Rivas, 50. A Cruña.
Nós, Pubricacións Galegas e Imprenta. Avenida de Linares Rivas, 50. A Cruña.
153 p ; 18,5
cm.
A novela Arredor
de sí foi escrita por Ramón Otero Pedrayo e impresa pola editorial Nós na avenida de Linares Rivas da Coruña en
xullo de 1930.
Ánxel Casal
utilizou os restos de papel sobrantes da edición do xornal El Momento para imprimir o libro, e por este motivo a presentación
da obra resultou de moi pouca calidade.
Arredor de si é
considerada como a novela máis intima, máis persoal de todas cantas escribiu
Otero, quen por outra parte foi o grande novelista da Xeración Nós.
En Arredor de si fai
o retrato da súa xeración literaria. Na figura de Adrián Solovio, o
protagonista da novela, reúne as características que lle son comúns aos homes
do “Grupo Nós” na evolución cara ao galeguismo e sobre todo retrátase a si
mesmo nesa loita por conseguir unha personalidade definida. (2)
Non sería esta a primeira vez que Otero utilizase a
figura de Adrián Solovio, quen por
outra parte é un álter ego do autor. En 1927 fálanos do mesmo Solobio
– neste caso escrito con b – na novela breve Escrito na néboa (3), nun primeiro bosquexo do personaxe que anticipa o devezo de Otero por se
comprometer co país.
Adrián albiscando
unha eirexa románeca traballaba com’un buxo campesío. Lembróuse do seu apelido
románeco: Solovio. Sub Lovium, a primeira cultura do meio eva arando a terra
dinantes a bravo, nome d’unha eirexa de Compostela (Arredor de si).
Xa que logo, podemos interpretar Arredor de si como unha narración autobiográfica desde o punto
de vista da evolución espiritual do autor.
A novela, dividida
en XV capítulos, ten unha estrutura alterna nos feitos argumentais, porque se
ben pretende presentarnos a vida interior de Adrián Solovio, vai facelo desde
dous focos espaciais: Galicia, a aldea miñota na que vive a familia de Adrián,
e as cidades e lugares polos que pasa na procura de afirmación da súa
personalidade. (4)
Para sermos precisos, máis que unha novela Arredor de si
é unha sucesión de imaxes que dan
forma aos pensamentos do protagonista, e de feito a obra puido ter sido
concibida como un ensaio.
Otero Pedrayo
compuxo, a mantenta, unha novela culta. O cosmopolitismo e o aristocratismo de
antreguerras embeben as súas páxinas. O escritor, así, está a seleccionar o seu
público, inda que non fose súa intención, reducindo o número dos posibles
lectores pola acuguladura destes elementos. (5)
A novela ten un ritmo
narrativo vagaroso e a narración dos feitos adquire un papel secundario
respecto da revelación do mundo interior de Adrián Solovio. O mozo é un romántico, o derradeiro da súa caste de
fidalgos rurais e vive ancorado nun
tempo que xa pasou, prolongado a través dun soño de libros e latíns que agochan
o mundo real.
Xacobe, o
irmán de Adrián, representa a antítese do mozo reflexivo. El está no mundo para
gozar e trunfar, e non pretende contradicir as normas aceptadas pola sociedade.
Adrián, en cambio, romperá co pasado
revelándose como un revolucionario e
fará de Galiza a súa bandeira, enfrontado ao pensamento dominante.
Sinopse da obra
A peregrinación de Adrián
comeza en Madrid. Os galegos
procuran a modernidade e foxen da terra. O mozo ten agora trinta e tantos anos
e visita de novo a vila onde estudou hai tempo.
Ficaba lonxe a verde
soedá d’aldea. Non’a entendía. Non’a entendería nunca. Algunha ves quixo vivir
n’ela c’o espírito pôsto na Europa. Libros. Revistas. Fôra, indefrente a tod’a
novidade do artigo ou do libro, debruzábase un longo sôlpor d’outoniza.
Otero/Solovio ten
medo a baleirar na aldea unha vida disposta para cousas máis importantes que
asistir ás xeiras do campo.
E de novo Galiza,
a aldea; son relatos superpostos que o autor
entrecruza e alterna. Logo da narración cosmopolita outro capítulo trae de
volta a aldea: dona María, a nai de
Adrián, afíxose a vivir nela e agora coida da avoa tolleita no leito.
A ela, a áboa,
chámanlle a señora, e a doña María a
señorita. Doña María ten pr’a sogra moita
bondade e consideraceón. Máis ás veces dí que a xente d’aldea e xente roín.
Desagradecida, marmuradora, contilleira, avarenta, mentireira. Terá ou non terá
razón.
Adrián está en Madrid para aprobar a oposición que lle permita exercer como catedrático de filosofía nun instituto de provincia. Cando pensa na
universidade evoca os anos de estudante e os profesores, e teoriza sobre os
galegos en Madrid.
Os galegos son
listos, traballadores, dados. Bulen moito na España. Non maordomos nas casas
grandes deixadas pol’os señores. Sempre subalternos con mando. Os señores
vellos (…) non gobernan porque non queren. Viven nun soño estático de señores e
deixan mandar ôs homes listos, de negociado, de antesala, criados nos
auntamentos da Galiza.
Durante dous días visita Burgos e Santo Domingo de
Silos e logo volve a Madrid.
Sempre desexara
facer aquil viaxe. Agora sería com’unha overtura. Quizáis fora seu grande erro
non alancar pol’a España en logar de perderse nas clases e despoixa nos
valeiros anos – dos vinte ôs trinta – d’inteleitoal aficionado a todo. Ainda
tiña tempo pra se vertebrare.
A ollos de dona María, na aldea Adrián é un ser estraño e
sufrinte: “Non sabía falar c’os labregos: sempre
diant’eles sofría d’unha timideza invencibre. Como si tivera vergonza da propia
superioridade inteleitual”. Seu irmán Xacobe, en cambio, ten os pés na
realidade. El é deportista e capitanea os mozos.
Non obstante, e a pesar da timidez, Adrián pensa que non
é pecado deixarse levar pola vida e necesita comprender o pensamento do seu
tempo antes de pecharse de novo a estudar.
E o Adrián por
dinidade espirtoal, por non desfaguer seu ensono interior, por eleganza, non
quixo concurrire ô primeiro exercicio das oposicións.
A viaxe iniciática do mozo comeza en Toledo. Quere forxar
a súa personalidade: vertebrar con óso e miolo español a mol materia galega e
pensa procurar alí a esencia española. Entón recibe carta da nai: Bernaldo, o tío crego que ten
predilección por Adrián, está a piques de morrer.
Otero describe a emotiva despedida do crego acompañado
por Adrián diante do mapa de Galiza de Fontán.
A continuación o autor insire o argumento da novela
romántica concibida na viaxe a Burgos, intitulada Nosa señora das lavercas.
Adrián emprende a viaxe con destino a Europa logo da
morte do tío. En tren atravesa Castela,
Euskadi e fai escala en varias
cidades francesas antes de chegar a París.
Pisando o chán de
Paris un estremezemento de pracer: as pernas e os cartos levaríano a tantos
logares, todal’as horas ocupadas e longas de lembranza.
París ten as raíces na Illa de Francia e medrou máis que
Francia porque recolle os aires de Europa. Unha noite Adrián atopa a Florinda, marquesa de Portocelos, viúva do vello marqués e con pazo na súa
aldea.
Entraba na Europa
con bô pé. Franqueáballe as portas a Venus cosmopolita, olente a estrautos de
cultura, madura e sabia como correspondía a unha plenitú de vida.
Xuntos emprenderon unha fuga liberadora que os levou a Colonia, Leipzig, Nuremberg, Postdam e, por fin, Berlín.
Adrián comparaba os
destiños en grande parte paralelos de Berlín e de Madrí. As duas cibdades novas,
adeministrativas, de chanura. Mataron ôs vellos centros orgánecos. Recolleron
en Museos os restos do saqueo. A difrenza estaba no volumen de forza. Berlín
obra d’unha enérxica monarquía nova podía espertar novidás e endexamais chegóu
a matar o pulo tradizoal dos antigos centros. Madrí, creación d’unha monarquía
xa vella e seguramente coscente do fracaso, enxoitóu a fonte de Toledo, de
Medina, de Segovia, de Salamanca.
Xa sen a marquesa, Adrián viaxa en tren deica Amberes e no porto embarca para A Coruña, pero antes escoita os cantos
dos mariñeiros galeses no dique e por vez primeira sente a chamada de Galiza.
Ainda o sol non
baixara o val cando Adrián petaba na porta da casiña da Ribeira. Apertas,
bicos, choros. Alí estaba seu coartiño curioso, agardandoo sin un remordemento,
c’os seus libros e as ilusiós e os desesperos dos primeiros estudos.
Adrián decide vivir un ano enteiro na aldea, desentendéndose
da carreira pero salvando a ánima. Durante ese tempo deixa da man os libros,
revistas e xornais para andar a terra e afacerse a ela, recuperando o idioma e
descubrindo outras persoas que coma el tamén renunciaron ás glorias da moda
para procurar a dignificación de Galiza.
O mozo aprecia un símbolo nas ruínas do pazo abandonado
de Portocelos:
Por culpa dos
galegos tod’a Galiza estivera a piques de ser un xardín a bravo ou, que de fixo
sería pior, un parque moderno de vila imitadora.
Por Galiza e na Galiza Adrián séntese europeo e
planetario.
Eiquí remata o
primeiro, longo e tráxico estadio do vivir d’Adrián Solovio. A sua vida
dend’agora identifícase c’a vida da Galiza; xa non e novela, nin esprencia
psicolóxica. Xa é hestoria. Pois a Galiza tamén comenza a ser outravolta
hestoreca desque adeprendeu os camiños pr’atopar a sua concencia e deixóu de andar,
com’unha cega, arredor de sí.
(1)
Imaxe de Ramón Otero Pedrayo: fundacionoteropedrayo.org
(2)
Luciano Rodríguez Gómez. Introdución á quinta edición de Arredor de si.
Editorial Galaxia. Vigo. 1985.
(3)
Escrito na néboa. Ramón Otero Pedrayo. Lar, revista mensual. Ano 4;
número 32. A
Coruña. Abril de 1927.
(4)
Ibidem
nota 2.
(5)
Algunhas anotacións pra un estudo crítico de “Arredor de
sí”. X. A. Fernández Roca. Grial nº 52,
abril-xuño de 1976. Editorial Galaxia. Vigo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario