sábado, 26 de xullo de 2014

OS EVANXEOS DA RISA ABSOLUTA



OS EVANXEOS DA RISA ABSOLUTA / Vilar Ponte, Antón
25 de xullo de 1934
Editorial Nós, Rúa do Vilar, 15. Santiago.
Volume LXIV
185 p ; 19 cm.

A peza teatral Os evanxeos da risa absoluta foi escrita por Antón Villar Ponte e impresa pola editorial Nós na rúa do Vilar de Compostela en xullo de 1934.

A obra vai precedida dun longo subtítulo:

OS EVANXEOS DA RISA ABSOLUTA
(Anunciación do Antiquixote)

Folk-drama da sinxeleza campesina que enfeitan mapoulas de sangue, felgos de terras irtas e orballo d’ollos cegos.

C’un abrente de sábado lavandeiro no río, un intermezo dominical de roupa branca no tendal e un tolo epílogo báquico na compaña de Caín, entre sombras de velorio, cantigas d’arrieiro e renxer de carro aldeán.

Escribiuno Antón Vilar Ponte no marzo ventoso e no abril chuvoso do 1934, na Cruña.

Tamén inclúe unha dedicatoria do autor.

Na lembranza d’aqueles belidos ollos de doce fitar sereo – fiestras d’un alma nídia como auga de relanzo onde beben as estrelas – nos que vin o amor da que foi miña compañeira na vida e que cegaron sen paresceren cegos, por agasallo de Deus á sua bondade, moito antes de que a morte co’a sua póutega de xio llos choese para sempre.
O Autor (Ego ipsisimus)

O número 130 da revista Nós aporta unha breve crítica sobre o libro escrita por Vicente Risco onde alude á dobre intención artística e política do autor ao dar ao prelo a obra.

Unhas veces, iste folk-drama semella diáfano; outras veces, enigmático. A razón d’elo é que Villar Ponte, un dos espritos máis amplios e comprensivos que hoxe tén Galiza, tén o esprito compartido por arelas opostas, e adentro d’il, rifan o políteco e o artista. Íntema tensión dialéctica que levan consigo moitos galegos de hoxe. (2)

Antón Villar foi un dos impulsores do teatro galego durante as primeiras décadas do século XX, instrumento utilizado polas Irmandades da Fala das que foi fundador para achegar a creación artística en idioma galego ao público urbano.

O autor preséntanos nesta peza un drama rural tecido arredor da cega Sabela, pretendida polos irmáns xemelgos Pedro e Xan. Darredor do trío rolda un grupo de eivados acollidos pola Ciprianilla, valedora dos desfavorecidos e tamén o tolo Electus, quen perdeu o sentido cando estudaba para crego no seminario e agora ten bula para dicir o que outros calan.

Electus: Durmo pouco âs noites, pensando pol-os que nunca pensades.

Os discursos de Electus mestúranse co drama pretendendo establecer profundas teses definitivas, a miúdo incomprensibles. O tolo adquire así o papel do Antiquixote; reverso bufo do fidalgo manchego.

O drama (...) está desenvolto con abelencia, apesares do númaro de persoages que se moven na escea, tén realidade humán, e tén unha cousa que sole faltar en moitas obras modernas: intrés. Está escrito singelamente, en lingoage usual e craro, coma tén que ser o teatro, que pensa de cote n-un gran púbrico heterogéneo. Pois iste é un drama perfeitamente representábele, o que fai o teatro pra lêr son precisamente os comentarios es as acotaciós, todas elas moi literarias. (3)

Sinopse da obra

Primeiro tempo
Serán de Sábado

As lavandeiras enguedellan os contos coa bogada cando chega deica o río a cega Sabela.

Sabela: ¡Santa Lucía vos conserve a vista, lavandeiriñas que lavais cantando e rindo!

Ciprianilla, a curandeira, acolleuna logo dela enfermar e ficar cega ao pouco de morrer a avoa.

Lavandeira: A Ciprianilla cobrálle o favor meténdolle pol-os ollos a Xan o gardabosque para que este lle deixe apañar leña e molime de balde.

Tamén aparece Pedro, o irmán xemelgo de Xan, afiador durante o inverno e gaiteiro no verán. El foi mozo de Sabela antes dela enfermar. Canda el ven Electus, o fillo tolo do muiñeiro: contan as lavandeiras que o pai malgastou os aforros enviándoo ao seminario e alí entoleceu. O tolo ensarilla parlamentos poéticos sen sentido aparente.

Electus: Anda a lle decir ô Abade que veña confesal-o o río. Río de lavandeiras sempre está en pecado mortal. Mirai que o confese o Abade para que logo o vello Deus, velliño de longa barba, enfeitado co’a casulla de noite de mouro tisú d’estrelas, lle dea a comungar a lua…

Xa marcharon as lavandeiras e Sabela cóntalle a Pedro que Xan sente celos cando pensa que namorou del por asemellarse ao irmán.

Sabela: Outra i-alma en semellante corpo, con igoal acento e igoales xestos.

Pero Sabela quéreo. Tenlle lei porque mirou por ela logo de ficar soa.

Sabela: E cando él sinte ciumes do que eu fun para tí e mos bota en cara, sofro moitísimo, padezo moito, porque non comprendo, como non comprende ningún home, que si a virxinidade do corpo non volve, a da i-alma si.

Ferido no orgullo, Pedro non acepta a indiferenza da moza.

Segundo tempo
Mañán de Domingo

Electus, a Ciprianilla, e os esmoleiros residentes na pousada: Abráquico, Sin Pernas, o Vello Cego e o Xordomudo parolan con Rosa, o seu irmán Xurxo e a nai, a señora Mari Pepa. Cando Pedro chega onda eles, a Ciprianilla arrepónselle.

Ciprianilla: Leio en ti millor que nas cartas da baraxa. Por algo son naipeira e manciñeira. Pro non te fagas ilusións. Es mal irmán do teu irmán xemeo. Envenenóuchese o sangue. Pro mentres eu teña folgos e ela viva na miña casa, no meu agarimo, non cairá nos teus brazos, que a deixaron soíña despois de lle roubaren a inocencia. Amolas tixeiras e navallas, pro a mín inda non me amolas ti.

Pedro afirma querer a Sabela.

Electus: Eu sempre miro pr’o ceo.
Ciprianilla: Si miraras mais pr’a terra non che se amolecerían os miolos!

Daquela entra en escena Sabela e acordan xogar á pita cega, tocándolle apandar a ela. Cando logo chega Xan todos fanlle aceno para que non fale e ao apreixalo Sabela pensa que ten a Pedro entre as mans.

Xan: D’esta vez trabucáchete. Non son Pedro, que son Xan.
Sabela: ¿Quén sabía de tí? Xanciño, meu preferido, e preferido tamén da millor das pitas cegas.
Electus: Toma Xan e daca Pedro, como dí túa comadre a Ciprianilla.

Chove e todos marchan. No campo fican Electus e Pedro.

Electus: Escoita gaiteiro afiador que afías ciumes na roda do corazón, ciumes d’aceiro que ceiban muxicas de carraxe, escoita mentras a gaita famenta de folgos durme sobre o punteiro, soñando soños de sangue.

Terceiro Tempo
Noite de lúns e amancer de martes

A Ciprianilla marchou ao velorio do tío Andrés e os eivados están na casa. Pedro e Electus acompáñanos, ensarillando contos e filosofías da vida cotiá. Daquela aparece Xurxo cun pelello de viño comprado para o funeral e os dous invitados apáñano decontado.

Electus: ¡Viño mercado con aforros do morto por un heraldo da sorte, mascota de xugadores, coraceiro con armadura de gnomo, a bebelo nós! Xamón líquido con pelexa de boi, celme de uva. A celebrarmos con él este velorio de vivos.

A festa alóngase e nela tamén participa Xan antes de volver vixiar á fraga. Sabela, cansa, déixaos e vai durmir.

Xa contra o abrente, Pedro entra na casa vestido coa bandoleira do irmán e métese na cama de Sabela

Pedro: ¡Xa poderei contestarlle ledo ô galo, Sabeliña!
Sabela: ¡Ah! ¿Ti? ¿ouvín ben? ¿Ti… ladrón… ladrón do que lle pertenecía a teu irmán!! ¿Santa Lucía que non me deixaches ver este crime! ¡Mataríate, si poidese! Nunca pensei foses tan ruin, tan baixo, tan rastreiro… Deshonrada por ti duas veces…

Daquela entra Xan na peza e os irmáns relean coas facas na escuridade.

Xan: Deféndete e non fales. Un dos dous sobra no mundo. todos cegos; todos a cegas…

Os dous afunden as navallas nun corpo e cando Electus acende a candea comprenden que mataron o xordomudo.

Electus: Está morto… sangra. C’o ouvido espiritoal que m’emprestou Hamlet, a través da brétema mesta que envolve â noite, como si presentira o crime ouvín o derradeiro berro d’este pobre felgo da probeza que ferido co’a queixada de Caín empuñada pol-os fillos de Rebeca florecen a morrer en mapolas de sangue. Non choreís. Cala, Sabela, que a brétema ê millor plañideira que ti. Xa está no ceo da risa absoluta levado pol-a miña de profeta do deus grego que nos brazos d’Amadis foi bautismado por Cristo con bó viño do Avia…

(1)    Imaxe de Antón Villar Ponte: Real Academia Galega
(2)    Os homes, os feitos, as verbas. Libros. Os evanxeos da risa absoluta. Vicente Risco. Revista Nós nº 130. Outubro de 1934.
(3)    Ibidem anterior.


Ningún comentario:

Publicar un comentario