domingo, 8 de novembro de 2026

O VOTO DO CONCELLO DE ARBO NA FESTA DE SAN ROQUE


O VOTO DO CONCELLO DE ARBO NA FESTA DE SAN ROQUE
/ Alfonso Vázquez Martínez
Abril de 1931
Nós Pubricacións Galegas e Imprenta – Hortas, 20. Santiago
21 p ; 20 cm.

Alfonso Vázquez foi un profesor e historiador natural de Arbo, na comarca da Paradanta, que colaborou tanto co Seminario de Estudos Galegos como coa revista Nós. No momento de redactar este documento contaba con vinte e cinco anos e exercía como profesor auxiliar de Paleografía e Diplomática na Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago.

Na universidade coincidiu como estudante con Xosé Filgueira, os irmáns Xaquín e Xurxo Lorenzo, Antón Fraguas e Sebastián G. García-Paz, quen o convidaron a ingresar no SEG en 1927. No volume publicado pola institución en 1934, concibido como unha memoria dos traballos realizados desde 1923, Martínez figura como membro do Consello Director co cargo de conselleiro.


O estudo sobre o voto no concello de Arbo foi publicado no número 88 da revista Nós, do 15 de abril de 1931, e editouse tamén como separata exenta.

Dende pequeno vía na festividade de San Roque ir o Concello en preno á ouvir a misa que na igresia parroquial celebrábase pra cumplir un voto feito pol-os antepasados, cumplindo unha promesa que, en días de anguria e pesadume, habíase feito nun tempo lonxano e esquecido.

O autor interesouse desde sempre por coñecer a orixe daquel voto, que cada ano daba lugar a unha función na honra de San Roque o día 16 de agosto na igrexa parroquial de Arbo. Pero as referencias transmitidas pola tradición oral eran escasas e imprecisas, ata o punto de que nin sequera permitían determinar o ano en que se formulara a promesa. Tampouco o arquivo municipal conservaba datos de relevo, e os documentos máis antigos que se gardan remóntanse a 1780, malia que a orixe do voto se sitúa no século XVI. Neses documentos indícase o seguinte:


Que no se alcanza el tiempo en que haya sido hecho, tanto que no hay documento alguno que conste, más que la tradición y una costumbre nunca interrumpida hasta el día.

Porén, as razóns do voto eran poderosas, e o alcalde exhortaba a cumprilo con exactitude, tal como o prometeran os antigos, obrigando a participar as seis parroquias do concello, cada unha delas coa súa propia procesión.

Finalmente, nas actas municipais do ano 1860, aparece a primeira referencia documentada á orixe do voto:

Restablecimiento de la festividad de S. Roque en la iglesia parroquial de este municipio, habían consagrado en 1515 voto formal de celebrar la festividad de S. Roque en la iglesia de esta capital por el alivio de una enfermedad epidémica que entonces atacara a estos pueblos.

De feito, a tradición recoñece a San Roque como santo avogoso contra a peste, unha epidemia que por aquel tempo se estendeu polas comarcas de Santiago e Pontevedra.

A corporación municipal dese ano rescatou o voto, que caera no esquecemento, e acordou acudir en procesión á ermida de San Roque, desde onde as parroquias habían desprazarse á igrexa parroquial. Un dos motivos desta recuperación foi tamén a propagación, en 1860, da praga do oídio, un fungo que afecta as videiras e que ameazaba a colleita de uva e a produción de viño.

Ao longo do traballo, o autor describe as festas e rituais solemnes dos anos seguintes e ao cabo conclúe:

Cos anos foi quedando reducida a festa de San Roque na que adequiriu maior importancia a festa profana que a relixiosa, reducida somente a unha misa cantada con máis o menos solemnidade, e â procesión.



venres, 10 de abril de 2026

ALGUNHAS NORMAS PRA A UNIFICAZÓN DO IDIOMA GALEGO

 


ALGUNHAS NORMAS PRA A UNIFICAZÓN DO IDIOMA GALEGO

1933

Nós. Pubricazóns galegas e imprenta. Santiago

13 p ; 17,5 Cm.

Unha das grandes preocupacións dos membros do Seminario de Estudos Galegos foi a fixación dunha norma para o uso da lingua, coa que poñer fin á “anarquía ortográfica” que, nas súas propias palabras, dominaba a escrita.

Con este fin, a sección de Filoloxía puxo en marcha diversos traballos de investigación, entre eles o Vocabulario galego castelán (1), a ponencia de Vicente Risco Catálogo sistemático da lingua galega (2) e a Ortografía gallega, bases para su unificación, de Couceiro Freijomil (3).

Co propósito de avanzar na unificación das normas ortográficas, o SEG constituíu no outono de 1931 unha comisión formada polo director da sección de Filoloxía, Paulino Pedret Casado, e polos membros Sebastián González García-Paz, Xoaquín Lourenzo Fernández, Xosé Filgueira Valverde e Pereira Rial, encargada de elaborar unha ponencia sobre a unificación ortográfica da lingua para uso interno dos membros do Seminario.

A Xuntanza Xeral do SEG, reunida o 15 de outubro de 1933, aprobou as recomendacións desta comisión e solicitou que fosen impresas decontado para orientar os escritores e favorecer a coherencia ortográfica nos traballos presentados polo Seminario.

O documento que hoxe revisamos condensa un esforzo colectivo de enorme transcendencia: o dos membros do Seminario de Estudos Galegos por transformar unha lingua que, até entón, vivía sobre todo na oralidade nun instrumento culto, capaz de fixar por escrito a memoria, o pensamento e a alma dun pobo.

O criterio seguido polos ponentes foi o de aproximar o galego ao portugués naqueles ámbitos onde o contacto prolongado co castelán abrira baleiros ou provocara interferencias, mais permitindo ao mesmo tempo que a lingua seguise o seu propio curso histórico. Entendían que as diferenzas actuais entre galego e portugués —froito do afastamento político desde finais do século XV— forman xa parte da identidade e da evolución propia de cada unha das dúas culturas.

O documento estrutúrase en tres apartados:

1.   Letras.

2.   Signos ortográficos.

3.   Ligazón de palabras sen signo.

Nas imaxes que acompañan esta entrada pódese consultar en detalle a proposta lingüística elaborada pola comisión.

(1) Vocabulario galego castelán (1926-1928) Publicado por entregas en El Pueblo Gallego. Xosé Filgueira Valverde, Lois Tobío Fernández, Xulián Magariños Negreira e Xulio Cordal Carús.

(2) Catálogo sistemático da lingua galega. Vicente Risco. Ponencia presentada no Seminario de Estudos Galegos o 31 de xaneiro de 1926. Traballo inédito sobre o léxico.

(3) Ortografía gallega, bases para su unificación. Antonio Couceiro Freijomil. 1929. Con apéndices de Abelardo Moralejo, director ese ano da sección de Filoloxía do SEG.









sábado, 29 de marzo de 2025

SER. Semanario Gallego de Izquierdas

 

SER

Semanario Gallego de Izquierdas

Director. Ramón Suárez Picallo
Redacción e administración. Rúa do Vilar, 15. Santiago

8 p ; 35 Cm.

Ramón Suárez emigra a Bos Aires en 1912 con dezaoito anos e mentres traballa en oficios como mozo de almacén, lavalouzas ou vendedor ambulante, procura fórmase de xeito autodidacta nas bibliotecas populares dos centros obreiros. Coa chegada da ditadura de Primo de Rivera, adopta a ideoloxía nacionalista de esquerdas influído por Eduardo Blanco Amor. En 1930 asiste como representante das Sociedades Galegas á xuntanza na Coruña para a redacción do estatuto de autonomía. Obtén a acta de deputado e, logo de perdela na seguinte lexislatura, cursa o bacharelato en Lugo e a licenciatura de dereito en Compostela. Durante estes últimos anos dirixe o semanario SER e de novo, en febreiro de 1936, sae elixido como deputado polo Partido Galeguista e marcha ao exilio en 1939.


O semanario SER, editado pola imprenta Nós en Compostela, apareceu en marzo de 1935 e distribúe o número 39, último da serie, en xaneiro de 1936.

SER é o continuador do semanario Claridad, impreso tamén por Nós e vinculado á esquerda republicana, dirixido por Luís Manteiga entre os anos 1933 e 1934, chegando a imprimir 24 números.

SER tiña unha tiraxe de 500 exemplares e nel conviven o castelán, como linguaxe principal e o galego, empregado polos colaboradores nas columnas de opinión, moitas delas escritas baixo pseudónimo ou sen sinatura.


O xornal pretende ser o voceiro da Galiza democrática, republicana e autonomista e desde as súas páxinas promove a autonomía integral de Galiza inserida nunha república democrática e laica. Tamén denuncia o caciquismo e promove a concordia das esquerdas, sen matices, co obxectivo de aniquilar as forzas reaccionarias.

No xornal colaboran, entre outros, Eduardo Blanco Amor, Roberto Blanco Torres, Álvaro de las Casas, Ánxel Fole, Francisco Fernández del Riego, Víctor Casas, Luís Manteiga, Lois Peña Novo, Valentín Paz Andrade, Alexandre Bóveda e Antón Villar Ponte e os artistas Castelao, Luís Seoane, Colmeiro e Maside.


El espíritu de la República desaparece bajo la piqueta demoledora de la Reacción. Las falanges enemigas del régimen se adentran por él a cada nueva hora para mantener el chantaje político que tal significa la desvirtuación del sistema nacido el 14 de abril de 1931. Es urgentísimo el destronamiento del tinglado de la farsa que se ha montado. Necesítase acabar con el afán morboso de romper y de derribar, que guía a las derechas gubernamentales. Para ello demos el paso definitivo, preciso para la unión de todas las izquierdas republicanas. Por la República que soñamos! Por el imperio de la democracia! Por una Galicia autónoma y con matiz universal!

SER, 25. 6 de outubro de 1935


 

martes, 4 de marzo de 2025

HOMAXE AO ARCEBISPO MANOEL LAGO GONZÁLEZ



HOMAXE AO ARCEBISPO MANOEL LAGO GONZÁLEZ

febreiro de 1934

Imprenta Nós – Rúa do Vilar, 15. Santiago

13 p ; 15 Cm.


Manuel Lago González
naceu en Randufe, parroquia do concello de Tui, no ano 1865 e logo de pasar como bispo polas dioceses de Burgo de Osma e Tui, foi entronizado como arcebispo de Compostela en 1924.

Tamén participou na fundación da Academia Galega en 1906 e desde o ano 1881 publicou máis de sesenta poemas espallados por revistas e xornais. Os galeguistas tiñan nel un referente porque Lago era unha das poucas persoas sensibles cara a lingua e a cultura galega e que ao tempo formaba parte do sistema de poder da elite gobernante. O arcebispo proviña do carlismo na súa xuventude e logo converxeu ideoloxicamente co movemento rexionalista de Alfredo Brañas.

Este respecto do galeguismo cultural polo arcebispo maniféstase no número 17 da revista Nós, en marzo de 1923, con motivo do nomeamento de Lago.


Dempois de mais d-un século en que ningún galego rexiu a groriosa Eirexa Compostelán, co-a mais grande ledicia vemos hoxe nomeado pr-o mais outo posto relixioso de Galiza ô siñor Manoel Gonzales Lago, Bispo de Tuy, galego de nacimento e de curazón, grande teólogo e filólogo, sentido poeta galego, e da Nosa Terra.
Cremos con toda fé que este feito siñificativo marca un novo tempo y-un froitoso camiño pr-â vida relixiosa y-espirtoal de Galiza. NOS leva ô Dr. Gonzales Lago a mais forte noraboa chea de quentura e de fondas esperanzas.

Tamén Ramón Cabanillas, nunha carta enviada a Enrique Peinador en xullo de 1920, nos días en que preparaba o discurso de aceptación na Academia Galega sobre A saudade nos poetas galegos, solicitou ao entón bispo de Tui que fixera a contestación, malia ter sido ao cabo Eladio Rodríguez González quen deu a resposta. Cabanillas remata a carta dicindo:

Como es una persona a quien respeto hondamente, espero su regreso para hablarle y rogarle que lo haga: si no lo obtengo, dignamente no puedo solicitar ese honor de ningún otro académico.

Entre as publicacións dedicadas a homenaxear ao arcebispo, dúas delas escritas por Xosé Filgueira Valverde, atopamos tamén o pequeno folleto impreso por Nós escolmando catro poemas escritos por Lago González e que, segundo consta no colofón, foi impreso “Por un grupo de galegos en lembranza do venerabel Lago González no intre do traslado das súas cinzas. Compostela, febreiro de 1934”. (2)

Lago González faleceu un ano despois de acceder ao cargo de arcebispo e pouco antes foi nomeado presidente de honra do Seminario de Estudos Galegos, o 4 de maio de 1924. No discurso de aceptación destacou a necesidade de establecer un canon científico sobre a lingua galega.

O volume de homenaxe editado por Nós ábrese cunha breve introdución poética que sitúa Lago como continuador de Xelmírez e os Fonseca, falando da saudade que enche Galiza coa súa morte.

Os poemas son sentimentais e costumistas, continuadores da corrente popular dos precursores.

O primeiro texto escolmado é Alborada, publicado en A Nosa Terra en 1919. Este é un poema alegre que celebra a mañá solleira de primavera na aldea. O folleto omite as tres últimas estrofas do orixinal.

Neste enlace pode consultarse o poema completo.

ALBORADA

O segundo poema titúlase San Campio e celebra a romaría popular de Tomiño. José Torres Creo musicou a letra en 1929, dividida en tres partes: Alborada, Os Peregrinos e A Muiñeira. A obra foi recuperada por The Chieftains en 2010 e tamén hai unha versión en colaboración con Carlos Núñez.

SAN CAMPIO

A continuación segue O derradeiro celta, publicado na revista Galicia Diplomática e asinado en Tui en 1883. A reprodución do folleto respecta o texto orixinal e muda a ortografía para axeitala á época

O DERRADEIRO CELTA

O poema inscríbese na corrente do saudosismo mítico impulsada por Murguía e evoca a saudade dun celta derrotado entre as ruínas do castro, laiándose por ver como o mundo esvae diante dos ollos até desaparecer por completo agora que morreu a familia, non fican guerreiros nin druídas e ninguén ha levarlles as ofrendas aos vellos deuses.

O folleto remata co poema O neno Xesús, tamén musicado por José Torres Creo en 1932.

O NENO XESÚS

O poema é unha cantiga de berce a medio camiño das panxoliñas, onde o poeta vela o sono do neno rei.

(1) Foto de Lago Gonzalez. Academia Galega, en honra do Día das Letras de 1973

(2) Actualmente os restos de Lago González están soterrados na capela da Comuñón, da Catedral de Compostela.

 








martes, 24 de decembro de 2024

UN SUCESO EN LOS ARRABALES


UN SUCESO EN LOS ARRABALES
/ Antonio Ramos Varela

16 de maio de 1933

Nós Pubricacións Galegas e Imprenta – Rúa do Vilar, 15. Santiago

105 p ; 16 cm.

Antonio Ramos foi un intelectual de ideoloxía anarquista e militante da FAI nado en Ferrol en 1903 e con residencia en Compostela, que tivo contacto, entre outros, con Luís Manteiga, Luís Seoane e Carlos Maside malia que o seu carácter individualista limitou a interacción con outros intelectuais.

En 1933 participou na Misión Pedagóxica liderada por Rafael Dieste, percorrendo varias vilas e aldeas para estudar a linguaxe coloquial da zona e difundir a cultura. Tamén participou noutras Misións en 1934 en Castela e Galiza, dirixindo varias delas.

As Misións remataron despois da revolución de Asturias, prexudicadas por unha campaña da dereita parlamentaria na que se lles botaba a culpa de alentar falsas ilusións no campesiñado coas súas campañas de lectura (1)

Precisamente o estoupido desta revolución provocou o desterro de Ramos en Ferrol durante os últimos meses de 1934. Xa de volta en Compostela traballou como profesor e en xullo de 1936 participou na organización da defensa da cidade, para logo fuxir e ser capturado no mes de decembro.

O fiscal considerouno un home de “algunas letras que se cree un ser superior e incomprendido”, que bota a súa bile en “libelos o periódicos de pocos y atrabiliarios lectores”.


O nome de Ramos Varela figuraba na listaxe de indesexábeis fuxidos e foi condenado a pena de morte, logo conmutada por cadea perpetua pola intervención de Santiago Montero Díaz. Non obstante permaneceu no cárcere durante seis anos e foi liberado enfermo de tuberculose en 1943, morrendo dous anos despois da mesma enfermidade.

A peza dramática Un suceso en los arrabales é a única obra literaria coñecida do autor. Foi impresa por Nós para as edicións Resol de Arturo Cuadrado, distribuídas na Barraca Resol, instalada no paseo da Ferradura e máis tarde na Libraría Niké, na rúa da Caldeireiría, en colaboración con Xoán Xesús González.

Este foi o primeiro libro editado por Casal no número 15 da rúa do Vilar, logo de abandonar a editorial a localización anterior no número 20 da rúa das Hortas. Entre a publicación de Nao Senlleira, de Fermín  Bouza-Brey, en xaneiro e o libro de Ramos Varela transcorreron case catro meses, tempo que levou facer a mudanza da imprenta.

A obra, escrita en castelán, é unha peza dramática distribuída en dúas partes e con sete personaxes, todas elas mulleres, que transcorre no arrabalde dunha cidade populosa.

El campo es como el mar, la ciudad es como un barco parado en el mar. Y aunque el núcleo, los altos bloques del centro son limpios y resplandecientes bajo el sol, los flancos son sucios, como de embarcación carbonera: el agua, en torno a ellos, es también sucia, negra, oleosa: llegan rieles curvos-corrientes perezosas.

Un grupo de veciñas conversan sentadas sobre un poste eléctrico caído. Unha delas é vella. As outras teñen entre trinta e corenta anos. Son mulleres duras, maltratadas polos anos de traballo e a miseria. Rosa en cambio conserva a beleza da muller chegada hai anos á vila desde o campo.

Entre elas falan da miseria, da falta de traballo, da violencia dos homes e do sexo como vía de escape. Os homes desafogan a frustración falando da revolución, pero as palabras esfuman no aire.

Cada día hablan más y hacen menos. Ya ni trabajar saben, porque son las máquinas las que trabajan. Pero nosotras seguimos pariendo igual que si no hubiera máquinas.

As mulleres beben augardente e contan anécdotas do tempo en que eran novas e felices, antes de chegar á cidade. Rosa é diferente a todas. Ela vén de familia de mariñeiros e aínda conserva a alegría que as outras perderon. É distinta e por iso envéxana e rexéitana a partes iguais. Este desprezo pola diferenza conduce á violencia. As mulleres bótanse a ela con puños e pedras.

-      ¡Eh, sangre!

-      ¡Sangre, sí, en la cabeza!

-      ¡La habéis matado! ¡Está muerta!

-      ¿Y ahora? ¡La policía!...

As mulleres foxen e despois desta escena cae o pano, dando paso ao diálogo entre un crítico e o autor a xeito de epílogo, onde Ramos Varela teoriza dun xeito un pouco escuro e desordenado sobre o sentido da vida.

O crítico está desconcertado porque a obra é confusa e rudimentaria, non segue as normas e principios do teatro, criticando os autores novos por escudarse na realidade para poñer en escena anécdotas sen importancia. No teatro non hai lugar para os temas vulgares e as personaxes inmorais.

Para o autor, as persoas viven existencia superficiais centradas no presente, perdendo de vista a transcendencia universal da vida. As normas regúlano todo, afastando os que pretenden vivir á marxe delas e o consenso social non existe polo seu valor obxectivo senón que é froito do azar.

Para Ramos Varela, dúas forzas moven o mundo: a paixón política e os cartos, e os homes avanzan pola vida como o faría un récord man, completando etapas intranscendentes para xustificarse diante da sociedade.

Fuera del campo de lo oficialmente sano y lo oficialmente patológico, hay una tercera zona donde habitan gentes violentamente sacudidas por cierta especie de desorden (...) y esas gentes son las únicas que viven realmente a la altura del mundo moderno.

A función da arte é sacar da escuridade o feo e indecoroso, darlle nomes. “Sacarlo a la luz del sol, convertirlo en estado de conciencia”.

(1) Antonio Ramos Varela. Noticia dun intelectual libertario esquecido. Eugenio Otero Urtaza. Boletín Galego de Literatura nº 39-40. 2008


 

sábado, 8 de xuño de 2024

A INSINANZA DO DIREITO ROMÁN NA UNIVERSIDÁ DE SANT-YAGO, HASTRA O PLAN DE ESTUDOS DE 1772

A INSINANZA DO DIREITO ROMÁN NA UNIVERSIDÁ DE SANT-YAGO, HASTRA O PLAN DE ESTUDOS DE 1772


Salvador Cabeza de León

Marzo de 1927
Imprenta Lar, Franxa 34. A Cruña

21 pp ; 24 cm.

 

Un dos últimos traballos da editorial Lar, logo da separación da sociedade formada por
Leandro Carré e Ánxel Casal, foi este pequeno folleto editado na Coruña na nova localización da imprenta, no número 34 da rúa da Franxa, abandonando o local que servía como domicilio de Casal e sede da editorial Nós, no número 36 da rúa Real.


Nesta época, Salvador Cabeza de León ocupaba a presidencia do Seminario de Estudos Galegos e exercía como decano e catedrático na facultade de dereito de Santiago de Compostela, e o estudo representa unha das contribucións anuais dos membros do Seminario. 



Na foto dos membros do SEG en 1928, Cabeza de León senta no centro do grupo, entre Xesús Carro e Joaquín Arias Sanjurjo.


A separata publicada como documento exento tamén apareceu no primeiro volume dos Arquivos do SEG e malia non editar todos os traballos de xeito independente, resulta probable que os autores financiaran do seu peto a impresión, cunha tiraxe reducida e que roldaría os cincuenta céntimos por exemplar.


A diferenza doutras separatas procedentes do mesmo volume, dunha imaxe máis austera, o folleto enmarca a portada cun debuxo xeométrico e que non se repetiría noutros traballos.


O texto divídese en dezaseis partes, seguidas da relación cos nomes dos catedráticos de dereito romano entre os anos 1648 e 1754, e forma parte dos documentos recompilados polo autor e ordenados e completados por Enrique Fernández-Villamil, posteriormente publicados en 1946 polo Instituto Pai Sarmiento de estudos galegos, anos despois de morte de Cabeza de León e baixo o título: Historia de la universidad de Santiago de Compostela.


No ano 1613 o rector da universidade propuxo ampliar o ensino cunha catedra de Instituta (dereito civil instituído por Xustiniano) e non sería deica 1648 cando o claustro obtivo a licencia.


Este mesmo ano instituíronse outras dúas cátedras de leis para completar o ensino do dereito romano. Na Prima impartiuse o Dixesto (recompilación da xurisprudencia romana) e nas Vésperas o Inforciado (segunda parte do Dixesto).


Os nomes das cátedras corresponden ao libro ou partes do libro estudado nelas. De feito a obriga do catedrático, segundo consta nas condicións de acceso ao posto, é ler o libro diante dos alumnos durante unha hora cada día.


O texto de Cabeza de León percorre a sucesión de titulares da cátedra e as anécdotas dos nomeamentos e baixas, entre conflitos e acusacións cruzadas dos candidatos, reclamacións ao claustro e mesmo rebelións dos estudantes.


A cadeira de Instituta era o primeiro paso para acceder ás de Prima e Vésperas, e moitos titulares deixaban ao pouco este posto para optar ao ensino dos cánones.


O fenómeno ten unha moi sinxela espricación. Era, a de Istituta, a cadeira máis mezquiñamente dotada de cantas figuraban nas Facultás de Leises e Cánones. Tiña, como sabemos, sasenta ducados ô ano; corenta menos que a de Visporas de Leises: soilo se lle asomellaban na probeza do salario, as de Meiciña, âs que se daban sasenta ducados â de Prima e cincoenta â de Vísporas.


En 1751 instituíronse novas cátedras de Código e outra nova Instituta “porque n-unha soila non se podían espricar distintos tratados como era necesario”.


A última reforma do plan de estudos desta época sucede en 1772, dotando novas Instituta para formar un curso completo de dereito civil e ampliando os estudos ás leis de Toro e o dereito público.


Neste tempo, os catro primeiros cursos outorgaban aos estudantes o Grado de Bacharel e para obter os grados maiores e optar ás oposicións a cátedras eran precisos catro anos máis, aprendendo dereito canónico, público e real.


Como se ve, o estudo das obras que tan outa sona deron ô Emperador Xustiniano, inda ocupaba a metá do tempo adicado â Facultá de Leises. Afirir de que xeito foi aminguando sua importancia o Dereito román nas aulas e perdendo o avasalador infruxo n-elas exercido durante séculos, non entra nos lindeiros d’este traballo.




martes, 8 de agosto de 2023

A PAISAXE NO CANCIOEIRO DA VATICANA

 


A PAISAXE NO CANCIOEIRO DA VATICANA / Xosé Filgueira Valverde

21 de febreiro de 1927

Editorial Lar

40 p ; 16 Cm.


O cancioeiro da Vaticana
forma parte das publicacións do Seminario de Estudos Galegos, editado na sección de literatura e filosofía.

A separata recolle un extracto do traballo anual presentado por Filgueira como membro do SEG no curso 1925/26 e está dedicado a Ramón Otero Pedrayo, e antes de dalo ao prelo como documento exento tamén foi publicado en xaneiro dese mesmo ano no número 37 da revista Nós.

Filgueira foi un dos fundadores do SEG durante a excursión que o 12 de outubro de 1923 fixeron un grupo de estudantes á casa de Rosalía, no Castro de Ortoño, coa intención de unir os traballos culturais dos socios nun labor colectivo.

Revista Nós nº 37

Lar, e posteriormente Nós, tiveron unha grande importancia na difusión dos traballos do SEG a través da Biblioteca do Seminario de Estudos Galegos, iniciada por Filgueira en 1925 co libro de contos Os nenos.

Daquela os autores sufragaban a impresión dos traballos e non será até 1927 cando se establece un acordo entre o SEG e principalmente Lar e despois Nós, pero tamén con outras imprentas como Peón en Pontevedra ou El Eco Franciscano e Paredes en Santiago, dando ao prelo os estudos por conta da institución.

A separata O cancioeiro da Vaticana tivo unha difusión de cen exemplares numerados e fóra da venda e o custo de impresión foi de setenta e cinco pesetas, como podemos ver na folla de liquidación de comisións adxunta emitida a favor de Filgueira, onde Ánxel Casal fai as contas das vendas do volume anterior: Os nenos e reduce o prezo das separatas do saldo a favor do autor.


O Cancioneiro da Biblioteca Apostólica Vaticana é un códice medieval de cantigas galego-portuguesas de amigo, amor e escarnio conservado en Roma, reprodución dun texto anterior e que pode estar datado no século XIV.

O meu traballo de oxe quer soio recoller no Cancioeiro da Vaticana as referenzas â paisaxe, topadas principalmente nas cántigas rituals, derivadas da festa de Maio e feitas en loubanza da dona virgo (...) Eu soio quero que na sua cativés poda servir â vulgarizazón dos temas poéticos dos Cancioeiros e dé azos a outros membros do Seminario pra se ocupar d’eles como fontes históricas.

Filgueira comeza referíndose ao souto e non ao xardín como o lugar axeitado para amar. Un espazo semellante ao pintado por Botticelli na súa Primavera.

Pel-o souto de Crexente
unha pastor vi andar
moit’alongada da xente


No souto hai árbores, prados, flores e paxaros cantándolle ao amor.

No xuízo de Filgueira, as árbores conectan coas raíces célticas e priscilianistas, e no cancioneiro predominas abeleiras, piñeiros e ramos florecidos. O prestixio erótico destas flores só é comparable ás ondas do mar.

Bailemos nos xa todas, todas ai amigas
so aquestas avelaneiras floridas,
e quen for belida, como nos belidas,
se amigo amar,
so aqueste ramo d’estas avelanas
virá bailar.

As cantigas personalizan as flores, como fai Codax co mar ou Meogo cos cervos. O piñeiro representa tamén a dor da saudade e do amor.

Ai flores! Ai flores do verde piño
se sabedes novas do meu amigo?
ai, Deus, e hu é?

Sobre os soutos voan as aves cantando ao amor, na vella tradición onde representan a sabedoría e a beleza.

Ai estorniño do avelanedo
cantades vos e morr’eu e peno
d’amores ei mal!

Mesmo os cazadores respectan as aves que cantan e son símbolos do amor.

Seu arco na mano a las aves tirar
a las que cantavan non as quer matar,
a las aves meu amigo.

Non obstante, nada ten maior valor erótico ca auga: fontes, ríos, lagos e o mar.

O soutelo semella sere escolleito, mais ainda que pol-o frescor da sua soma e pol-a sua vizosa e frondente verdura, pol-a proisimidade, sonora e húmida, das augas.

Cervos e fontes abondan nas cantigas e forman parte da iconografía común na literatura medieval.

En as verdes ervas
vi andal-as cervas;
meu amigo!
En os verdes prados
vi os cervos bravos;
meu amigo!
E con sabor d’elas
lavei ñas garceras;
meu amigo!
E con sabor d’elos
lavei meus cabelos;
meu amigo!

As cantigas do mar teñen ritmos diferentes e recordan os temas musicais populares cantados nos barcos e peiraos.

O motivo poético común é a dona que agarda no porto polo amigo, mesturando as saudades dos que van e os que esperan. Son estas as cantigas máis fermosas dos cancioneiros.

As froles do meu amigo
briosas van no navío,
e vanse as frores
d’aquí ben cos meus amores.

As ondas do mar representan a ausencia e os namorados contemplan o mar, recordando o amigo.

Cand’eu vexo las ondas
e las muit’altas ribas
logo mi veñen ondas
al cor, por la belida;
maldito seia el mare
que me faz tanto male.

Tamén os barcos representan a ausencia.

Vi eu madre andar
as barcas en o mar
e mórrome de amor.

Por último, Filgueira recolle a única cantiga de Mendiño no cancioneiro e que segundo el representa de xeito singular o sentimento da paisaxe e a saudade, e constitúe para o autor a mellor manifestación poética do medievo galego.

Seriam’eu na ermida de San Simón,
e cercaronm’as ondas que grandes son.
en atendend’ô meu amigo!
Estando na ermida, ant’o altar,
cercaronm’as ondas grandes do mar,
en atendend’ô meu amigo!
E cercaronm’as ondas que grandes son,
non ei barqueiro, nen sei remar,
en atendend’ô meu amigo!
Non ei barqueiro, nen remador,
morrerei fermosa no mar maior,
en atendend’ô meu amigo!
Non ei barqueiro, nen sei remar,
morrerei fermosa no alto mar,
en atendend’ô meu amigo!