sábado, 8 de decembro de 2012

SÍNTESE XEOGRÁFICA DE GALICIA


SÍNTESE XEOGRÁFICA DE GALICIA / Otero Pedrayo, Ramón
Biblioteca do Seminario de Estudos Galegos
Dezanove de xuño de 1926
Lar, Real 36 – 1º A Cruña
80 p ; 22,5 cm.

A obra Síntese Xeográfica de Galicia, escrita por Ramón Otero Pedrayo e cuarto volume da Biblioteca do Seminario de Estudos Galegos publicado por Lar, saíu do prelo o dezanove de xuño de 1926.

Este libro constitúe o traballo de entrada de Otero no Seminario de Estudos Galegos, tal e como informa o autor na presentación da obra:

Iste traballo non ten pretensiós centíficas e soilo reponde a arela que sinte o autor, de que se faga un libro popular de Xeografía galega (…). É un traballo xa vello, da primeira xuventú, hoxe un pouco arregrado, e esquirto cicais demasiado de presa pol-o deseio de ofrecer ô Seminario d’Estudos Galegos unha proba d’ademiración. Inda que as monografías sexan o principal intrés d’o Seminario mando iste feixe de cuartillas c’a boa intención dita e, tamén, com’a prólogo d’un traballo preciso sobre d’unha parroquia ourensana. (1)

Ramón Otero foi un xeógrafo vocacional, a quen as circunstancias e o contacto cos seus compañeiros da xeración Nós; en particular con Vicente Risco, quen axotaba arreo nel durante os primeiros anos para que desbotase a preguiza natural de morgado fidalgo, transformaron en literato.

Fose no tempo do modernismo, fose no tempo do galeguismo, Otero Pedrayo escribía pouco. Pra lle sacar un artigo pra Nós, custaba barra e fariña. Vicente Risco (2)

Tendo en conta a súa inclinación, resulta doado descubrir en calquera dos seus libros o amor que sente polas descricións xeográficas, alén das simples referencias paisaxísticas. Esta peculiaridade foi destacada por Ricardo Carvalho Calero:

Un dos grandes avances que supón a obra de Otero Pedrayo dentro da literatura, é a xenialidade que nela atingue a descrición da paisaxe. (3)

Tamén Francisco Fernández del Riego, xenuíno depositario da esencia deixada polos homes da xeración de Otero, identifica a mesma dimensión literaria:

Cando Otero Pedrayo nos ofrece unha visión paisaxística de Galicia, non opera con espacios miudos, con cousas minúsculas e morosas como as que singularizan, por exemplo, a visión azoriniana da paisaxe. Pola contra, o seu xeito de operar prodúcese nun ambente de amplas masas: descrición de macizos graníticos e cadeas montañosas, ordeamento de horizontes, artellamento de bisbarras naturáis, encauzamento das correntes dos ríos… Antes que el houbo en Galicia caracterizados xeógrafos que estudaron a facies do país e que, valéndose dos medidos de que dispuñan, tracexaron o esquema da nosa xeografía. Pero faltaba, noustante, quen sumara e estruturara todo eso, e téndoo diante de sí soplara derriba, máxicamente, pra lle insuflar o que aínda lle faltaba: o esprito e a vida. (4)

Non obstante, cómpre recoller a anotación crítica escrita por Carlos Casares na súa biografía de Otero, quen despois de loar o carácter renovador dos traballos xeográficos, indica que:

Para calquera dos seus lectores resultará evidente que os traballos teóricos que consagróu a estas cuestións, sobre todo á paisaxe, están cheos de intuicións e de ideas, pero carecen de orde e de sistema. (5)
 
Vaia pois por diante que os traballos xeográficos de Otero non poden clasificarse doadamente entre os estudos científicos; e tampouco entre as obras literarias. A súa orixinalidade consiste en reunir elementos propios das dúas disciplinas para crear unha nova categoría, que eu arrisco en definir como xeografía emocional, pois a súa finalidade non é tanto instruír como conmover ao lector, facéndoo partícipe da paixón desmedida pola terra que sentiu o autor.

Sinopse da obra

No mesmo ano 1926 en que Otero publica a Guía de Galicia (Espasa-Calpe, Madrid) tamén dá ao prelo a Síntese xeográfica de Galicia. Se ben o primeiro traballo comparte coa obra que nos ocupa as descricións da “Parte xeral”, da cal a Síntese é un traballo preparatorio, a Guía inclúe a maiores a “Parte descritiva”, onde Otero trata itinerarios, describe a historia social e comercial dos principais lugares de Galicia, os monumentos e outros aspectos que fan dela unha enciclopedia de consulta para os viaxeiros.

A Síntese xeográfica de Galicia está dividida en diferentes seccións, de acordo coa seguinte táboa:

a)   Xeoloxía
b)   Releve
c)   Litoral
d)   Crima e Vexetación
e)   Xeografía Humán
f)    Xeografía Económica
g)   Paisaxe

Cada un destes apartados desenvolve aspectos diferentes, atendendo á morfoloxía de Galicia.

No caso da Xeoloxía, o estudo analiza catro rexións diferenciadas: Rexión Nordés (Terra Chá, Outo Miño, Terra de Lemus); Rexión Noroeste (Altos Tambre e Mandeo, As Mariñas, Terra de Xallas e Bergantiños); Rexión dos macizos ourensáns e val medio do Miño (Miño central); Rexión do Ulla, das Rías Baixas e do Baixo Miño (Ulla, Rías Baixas, Miño Galaico Portugués).

A sección o Litoral tamén está dividida en diferentes capítulos: De Ribadeo â Estaca de Bares; Do cabo Ortegal o cabo Prioriño; O golfo da Cruña; Da Cruña o Fisterra; As Rías Baixas; ría de Corcubión; ría de Muros e Noia; Penínsoa de Barbanza e a ría d’Arousa; o val de Salnés e a ría de Pontevedra; a ensenada d’Aldán, a ría de Vigo e a penínsoa de Domaio; do cabo Silleiro â desembocadura do Miño.

Por último, a Paisaxe comprende tres apartados: Paisaxe montesía, Paisaxe da costa brava e Paisaxe de val.

(1)  En 1928 Otero publicou en Madrid, na Biblioteca de Estudios Gallegos, o traballo Paisajes y problemas geográficos de Galicia. O vinte e oito de maio dese mesmo ano publicou a contribución ao Seminario de Estudos Galegos: Probremas de xeografía galega. Notas encol das formas de poboazón labrega, editada por Nós.
(2)  Unha vella evocación das prosas Oterianas. Vicente Risco. Galaxia. Homenaxe a Otero Pedrayo - Grial nº 52 abril-xuño 1976. p. 275.
(3)  A andadura espiritual dun escritor. Salvador Lorenzana. Ibidem, p. 151.
(4)   Ibidem, p. 151 e 152.
(5)   Otero Pedrayo. Carlos Casares. Colección Conciencia de Galicia, Galaxia. 1981. p. 130.


2 comentarios:

  1. Ola. Estou intesedado en ler a Síntese... mais non parece haber edición moderna nin exemplares en bibliotecas... Ten idea de como podo acceder ao contido deste libro? Grazas de antemán e un saúdo.

    ResponderEliminar
  2. Bo día, Marcos. Lamento non poder axudalo. En todo caso pode dirixirse á fundación Otero Pedrayo. Descoñezo se o exemplar está ao dispor nalgún formato que permita a consulta. Un saúdo

    ResponderEliminar